- DOCUMENTO | Recadación de fondos en Carral para pagar o Pazo de Meirás e entregarllo a Franco
- En Marea pide ilegalizar a Fundación Franco e que Sada xestione as visitas en Meirás
O anuncio de que a Fundación Francisco Franco xestiona dende hai meses o frecuentemente incumprido réxime de visitas ao Pazo de Meirás e a constatación por parte da entidade de que empregará esta "oportunidade" para facer apoloxía da ditadura e da "grandeza" do seu líder devolveu ao primeiro plano o xeito en que o histórico inmoble pasou a mans do militar golpista e, a través del, á súa familia. A organización dedicada a exaltar o franquismo teima en axitar o relato dunha "xenerosa doazón" do "pobo galego" mediante "subscrición pública" que contrasta coa abondosa documentación e investigacións que acreditan o espolio do edificio, concretado nos anos de maior represión en territorio galego e mentres noutros puntos do Estado continuaba a Guerra Civil.
Un dos documentos que mellor amosan o xeito en que procederon os golpistas para tornar a antiga residencia de Emilia Pardo Bazán en "agasallo" a Franco foi revelado hai apenas media década pola Asociación Cultura Aberta de Carral. Son apenas cinco páxinas encabezadas por unha carta da Junta Pro-Pazo del Caudillo, un organismo creado en 1937 polas autoridades coruñesas do nacente réxime ditatorial, caso do gobernador civil, Julio Muñoz, xunto a empresarios da contorna encabezados polo banqueiro Pedro Barrié de la Maza, responsable do Banco Pastor -entidade que neses anos procuraba executar o aval dun crédito da campaña do Estatuto de 1936, asinados por dirixentes galeguistas asasinados-.
A 'Junta Pro-Pazo del Caudillo', encabezada por empresarios como Barrié de la Maza, dirixiuse aos concellos para indicar como "visitar persoalmente" a cada veciño e reclamarlle os cartos
A misiva, datada en maio de 1938, foi dirixido ás alcaldías dos concellos da provincia para detallar o xeito en que debáin proceder para que cadandúas veciñanzas puxesen o seu "grano de arena" para a compra do que pasaban a denominar Pazo del Caudillo. "Todos, del más potentado al más humilde, pueden poner su esfuerzo en la realización del proyecto" para que "todos los españoles que sienten hoy el orgullo de llamarse conterráneos" de Franco sufragasen a "feliz idea" de "ofrecerle un trozo de la tierra misma de Galicia, que tanto le ayudó en su formidable tarea".
Alén da literatura a respecto das bondades de "nuestro invicto Caudillo", recuperada esta semana semana polo controvertido comunicado da Fundación Franco, a documentación amosa como o Concello de Carral executou a orde da Junta Pro-Pazo. Nun municipio onde dous concelleiros foran asasinados por republicanos e outros cinco, sancionados -entre eles o alcalde-, o novo rexedor, Laureano Núñez, ditou unha convocatoria para "tratar sobre asunto de excepcional importancia patriótica". Os seus destinatarios era case unha vintena de persoas encabezadas polo xefe local da Falange, Juan Seijas.
En Carral, onde boa parte da corporación municipal fora represaliada, a parroquia que máis cartos achegou -936 pesetas- foi a visitada por unha comisión encabezada polo xefe local da Falange
Nese encontro, acreditan os documentos, os presentes atenderon a 'suxestión' da Junta Pro-Pazo, que na súa carta "indicara" a "conveniencia" de "nombrar comisiones" de "dos o tres personas de significación en la localidad" para "visitar personalmente a sus convecinos" e reclamarlles os cartos. No caso de Carral foron constituídas oito comisións, unha por parroquia, compostas por cadanseus tres membros; fundamentalmente curas, concelleiros e falanxistas. Estas comisións elaboraron listados cos nomes, apelidos e achegas económicas de cada veciño e en pouco tempo xuntaron un total de 4.385 pesetas. A parroquia na que foron recadados máis fondos, ata 936 pesetas, fora Paleo, onde a comisión parroquial que recolleu as 'doazóns' estaba encabezada polo xefe da Falange.
Mentres continuaba a represión -só en Galicia o proxecto Nomes e Voces documentou máis de 550 mortes de persoas represaliadas nese 1938-a Junta Pro-Pazo ultimaba o seu agasallo ao ditador, que acudiu a Galicia a recollelo persoalmente en decembro dese mesmo ano. Foi durante unha viaxe que comezou pola Coruña e continuou a Meirás, onde a Junta organizou unha cerimonia para lle entregar o Pazo oficialmente sufragado por "subscrición popular" -ás recadacións casa por casa uníranse outras vías de recadación, como as nóminas de persoal público-.
Durante aquela visita, segundo recolleu a prensa da época, o ditador chegara a comprometerse a construír unha autoestrada entre A Coruña e Madrid "y el viaje se hará en cinco horas" -Galicia non tería conexión coa capital española por autovía ata máis de sesenta anos despois-. Tras tomar posesión do Pazo xunto á súa familia -entre eles a súa filla, formalmente dona de Meirás na actualidade- Franco viaxou a Santiago, onde desfilou polas rúas e accedeu á Catedral baixo palio.