O Goberno galego mantén o calendario de visitas ao Pazo de Meirás previsto para agosto: oito excursións repartidas en dúas quendas de mañá e tarde os días 30 e 31. Na páxina web de Turismo de Galicia figura ademais o teléfono ao que deben chamar os interesados, 686612717, que pertence á Fundación Franco a quen os herdeiros do ditador encomendaron a xestión das visitas hai agora tres meses. Pero nas últimas semanas ninguén atende ese teléfono e programar a entrada ao monumento declarado Ben de Interese Cultural é tarefa imposible. O móbil aparece apagado ou fóra de cobertura e a súa caixa de correos de mensaxes está chea.
Desde que estourou a polémica polas palabras de Jaime Alonso, un dos portavoces desa entidade nostálxica e quen defendeu que as rutas guiadas serían aproveitadas para enxalzar a figura do ditador, o teléfono deixou de ter sinal.
Segundo explica a a Xunta, "o telefóno non está a funcionar porque as visitas de agosto xa quedaron programadas e a persoa correspondente está de vacacións". Esa é a explicación que a Fundación Franco trasladou á Xunta de Galicia e que de momento o Goberno autonómico dá por boa.
O teléfono deixou de ter sinal dende que a Fundación advertiu de que aproveitaría as visitas para enxalzar a figura do ditador
Non é a primeira vez que se incumpre a obriga legal de abrir a residencia de verán do ditador ao público. A Consellería de Cultura xa abriu un procedemento sancionador aos seus herdeiros o pasado marzo. Daquela Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e man dereita de Alberto Núñez Feijóo, dixo: "Constatouse que o sistema de acceso ás visitas, mediante o teléfono e o correo electrónico, está a incumprirse". O expediente segue repousando nalgún caixón dos edificios administrativos do Goberno galego que de momento non anunciou castigo ningún. A resposta oficial que deu a Consellería a este diario é que ese procedemento segue o seu curso cinco meses despois sen que haxa unha proposta de sanción.
A Xunta afirma que a liña non funciona "porque as visitas de agosto xa quedaron programadas e a persoa correspondente está de vacacións"
A lei de patrimonio cultural de Galicia establece que a propiedade -que foi regalada a Franco a través de achegas obrigatorias que o réxime esixía aos veciños a través de peditorios vixiados por dirixentes de Falanxe- debe abrirse ao público "polo menos catro días ao mes". As multas por non facelo poden alcanzar os 6.000 euros, pero tampouco hai indicios de que a Xunta decidise castigo ningún malia aosreiterados incumprimentos.
O propio Feijóo dixo que a exaltación da ditadura "non fai ningún ben" á fundación franquista e o Partido Popular de Galicia admitiu tras o ruído das últimas semanas que non considera adecuado que sexa esa entidade de nostálxicos do réxime quen guíe aos turistas polo monumento.