O voceiro parlamentario do PPdeG volve matizar a liña oficial do seu partido nun asunto de transcendencia mediática e política. Poucos meses despois de que o secretario xeral da formación, Miguel Tellado, o reprendese publicamente por desmarcarse da polémica ligada ao cartel do Entroido da Coruña -a Asociación de Viúvas de Lugo denunciara o anuncio no xulgado, que arquivou o caso-, Pedro Puy vai alén da postura do partido no que milita a respecto da propiedade do Pazo de Meirás. Mentres a familia de Francisco Franco goza das súas vacacións no edificio xusto despois de lle encomendar a xestión das visitas á fundación dedicada a honrar o ditador, Puy di ver "razoable" que o histórico recinto retorne a mans públicas, se ben evita comprometer accións concretas da Xunta ao respecto.
A Deputación Permanente do Parlamento -órgano que substitúe o pleno en períodos inhábiles- xuntouse este martes a petición de En Marea, PSdeG e BNG para reclamar a convocatoria dunha sesión plenaria extraordinaria que abordase, entre outros asuntos, a petición de comparecencia do conselleiro de Cultura para explicar "que vai facer a Xunta" para "evitar" que as visitas a Meirás tornen, como anunciou a Fundación Francisco Franco, nunha sesión de "apoloxía da ditadura" nun espazo catalogado como Ben de Interese Cultural. A petición, como era previsible, non saíu adiante, pero a súa formulación si deu lugar a un debate no que Puy explicitou este desmarque parcial.
Cando non transcorreron nin catro meses dende que o propio Grupo Popular rexeitou cuestionar o réxime de propiedade do pazo durante o debate dunha iniciativa de En Marea que foi rexeitada, Puy admite non só que "debe evitarse a toda costa" a anunciada apoloxía do réxime franquista, senón que afimra que "o razoable sería voltalo ao público", toda vez que malia ser legalmente "propiedade dos herdeiros do ditador" ten "un vicio na súa adquisición", outorgada "en plena guerra civil" e mantida grazas á "férrea ditadura". "Comprendemos" que esta "exhibición" poida "ofender a moitas vítimas do franquismo" e "estamos de acordo con que debe evitarse a toda costa" a prol da "convivencia democrática", procurando o retorno por vías "legais" se é que a "propia familia" non se "decata" de que debe devolvelo, afirmou
Puy di "comprender" que a "exhibición" de Meirás pola familia do ditador "pode ofender as vítimas do franquismo"; "non somos franquistas", reiterou
Así e todo, Puy non indica que a súa posición se vaia traducir nalgunha iniciativa política do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. "A Xunta está a cumprir a lei" e non vai "tolerar que se incumpra a lei de patrimonio" en canto ao réxime de visitas -algo que os Franco están a facer de xeito reiterado- nin que "se faga apoloxía do franquismo", a cal xa foi anunciada pola propia Fundación. "No momento en que alguén denuncie" esa apoloxía, asegura, "haberá denuncia á Fiscalía". Mentres, lamenta, "fálase moito do Pazo de Meirás" porque a esquerda está inmersa "nun intento claro de vencellar" o PP co franquismo, malia ser "un partido democrático oposto a toda forma de ditadura" e mais de "toda forma de dexeneración" da democracia "en Polonia, Venezuela ou Cataluña", agregou. "Nós non defendemos a ditadura franquista, non somos franquistas", reiterou.
En Marea, PSdeG e BNG retan a Puy a traducir as súas palabras en feitos concretos da Xunta para promover que Meirás deixe de ser propiedade dos Franco
No plano do concreto Pedro Puy ve "interesante" a "proposta" lanzada polo voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen insta a abordar xa a reversión ao público de Meirás a través dunha "comisión" integrada pola Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada para "analizar o expediente orixinal" da entrega do Pazo a Franco que deixe sen efecto aquel "acto ilexítimo" e poña a propiedade nas mans "do pobo de Galicia". O PP, subliñou dende En Marea Antón Sánchez, debera sumarse á "fronte democrática" para recuperar Meirás e, ao tempo, para "cambiar a legalidade que permite facer" a apoloxía da ditadura que exerce a Fundación.
Neste punto dende o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, reta a Puy a traducir as súas verbas en feitos mediante o apoio á iniciativa pola devolución do Pazo que o propio Bloque se dispón a tramitar na Cámara. O contrario, advirte, será seguir a permitir con "toda impunidade" as actividades e incumprimentos dos herdeiros do xeneral golpista, que Pontón demostrou na sesión marcando co seu teléfono o número para reservar visitas e amosando, mediante a megafonía da Cámara, que esa liña permanece desactivada.