Membros do BNG ocupan simbolicamente o Pazo de Meirás para esixir a súa devolución

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás CC-BY-NC-SA BNG

"O pazo é do pobo galego". É a lenda que na mañá deste martes loce a fachada principal do Pazo de Meirás, o histórico edificio entregado a Franco en 1938 e sufragado fundamentalmente con achegas económicas obrigatorias da poboación baixo a supervisión da Falange.

Un grupo de militantes do BNG e outras organizacións próximas accederon este martes ao recinto de Meirás e colgaron das súas torres dúas pancartas para esixir a súa devolución. "Que nos devolvan o roubado, franquismo nunca máis", reza a outra pancarta dunha acción que están a desenvolver tamén nas redes sociais a través da etiqueta #OPazoÉdoPobo. Dende a formación soberanista avánzase ademais a convocatoria inmediata dunha concentración de "apoio" á mobilización no exterior do recinto situado en Sada.

Esta acción reivindicativa prodúcese en pleno debate sobre a devolución ao patrimonio público do Pazo de Meirás, reavivado despois de que os herdeiros do ditador lle encomendasen á Fundación Francisco Franco a xestión das visitas ao pazo, obrigadas pola súa condición de Ben de Interese Cultural. A organización franquista xa advertiu de que usará para facer apoloxía da ditadura a xestión destas visitas, cuxo desenvolvemento neste mes de agosto estaba previstos para estes días 30 e 31.

Ocupación do Pazo de Meiror por parte de membros do BNG e colectivos afíns / @obloque

Os militantes nacionalistas saltaron o muro que arrodea o Pazo de Meirás e lograron pendurar grandes pancartas do inmoble, ademais de acceder ao seu interior neste martes 30, un dos catro días sinalados neste agosto para as visitas ás que obriga a lei. Precisamente, foron os dous primeiros días do mes e estes dous últimos os marcados pola Fundación Franco para abrir o BIC, logrando así que a familia do ditador non fose molestada durante as vacacións estivais que veñen de rematar en Meirás. 

Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento, asegurou que a acción supón unha "denuncia pública dunha situación totalmente intolerábel" como é que "a Fundación Franco e a familia do ditador intenten converter o Pazo nun parque temático do fascismo coa complicidade da Xunta". O parlamentario acusou o Goberno galego de "porse de perfil, ollar cara a outro lado e non enfrontarse a unha situación grave" que, segundo dixo, "supón unha ofensa e unha falta de respecto ás vítimas do franquismo, ao pobo galego e á propia democracia". 

O BNG acusa a Xunta de "complicidade" cos Franco e de "porse de perfil" e advirte de máis accións "de mobilización social e mesmo de insubmisión"

Bará anunciou ademais que o BNG "vai levar a cabo todo tipo de accións institucionais" pola devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público, pero tamén "de mobilización social e mesmo de insubmisión e rebelión cívica" como a deste martes. Lembran, desde o Bloque, que o obxectivo é acabar cunha situación que permite que os Franco gocen dun ben que "é froito do espolio e da rapiña". "Que remate esta inxustiza e ataque á democracia e que a Xunta se poña á fronte de todo o proceso para recuperar o inmoble", rematou. 

A Fundación Francisco Franco non tardou en responder á protesta do Bloque e nun chío en Twitter aseguraba que "los separatistas no odian a #Franco, odian a España". 

A acción simbólica por parte de militantes nacionalistas deu comezo sobre as 10.50 da mañá deste martes. Unha vintena de membros do BNG e organizacións afíns saltou un dos muros do Pazo e accedeu ao seu interior, mentres fóra un medio cento de membros do Bloque e cargos públicos apoiaban a acción chegados de varios puntos de Galicia. Entre eles, deputados como Luís Bará ou Xosé Luís Rivas ou o ex-voceiro da formación no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril. 

A Garda Civil identificou todas as persoas que accederon ás torres do Pazo de Meirás

Entre os militantes que accederon ao interior do Pazo atópanse Rubén Cela, voceiro do BNG en Compostela, ou Néstor Rego, membro da Executiva Nacional e secretario xeral da UPG. Todos aqueles que accederon á torre do inmoble foron logo identificados por axentes da Garda Civil que acudiron a Meirás á saída dos militantes nacionalistas. Solicitáronlles a documentación e comprobaron que non levaban consigo ningún obxecto de dentro do BIC. De transcorrer todo segundo o previsto, todos serán denunciados. 

Rubén Cela declarou a Praza.gal sentirse "sorprendido" pola grandeza do Pazo e pola cantidade de retratos, bustos e imaxes do ditador que "fan unha apoloxía do fascismo e do xenocidio". "A ninguén se lle ocorriría pensar que en Berlín houbese unha casa que podes visitar e que estivese chea de figuras ou fotografías de Adolf Hitler", asegurou o concelleiro do Bloque en Compostela, que di que, malia que este era un dos días reservados para as visitas en Meirás, non viu xente ningunha no momento no que accederon ao interior. 

Ademais, Néstor Rego reivindicou a acción simbólica nun vídeo colgado pola formación nacionalista e no que asegura que o obxectivo é "reclamar que definitivamente este Pazo volva ao pobo galego". "Cremos que é hora de acabar con esta ignonimia; non ten sentido ningún que a propiedade siga nas mans da famlia Franco e carece de toda decencia democrática que sexa xestionado pola Fundación Franco, que debería ser ilegal pero é legal", dixo. 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Interior do pazo durante a ocupación simbólica Dominio Público @rubencela
CC-BY-NC-SA Imaxes fornecidas polo BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.