Política Social xa non celebra o incremento da renda de inclusión, síntoma de pobreza

Mobilización en Vigo contra os atrancos na xestión da Risga e a prol dunha renda básica Dominio Público ODS Coia

Durante as dúas primeiras lexislaturas á fronte da Xunta, nas que o país transitou polos anos de maior recesión económica e incremento sostido do desemprego, foron innumerables as ocasións en que diversos cargos do Goberno galego e do PPdeG se gabaron de incrementar o orzamento da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), antes denominada Renda de Inserción Social. Así, por exemplo, o propio presidente deu en presentar este aumento de fondos como mostra do compromiso do seu gabinete no "apoio aos colectivos máis vulnerables" ou da súa aposta por "blindar as prestación esenciais" malia á "redución que experimentaron as contas públicas". No entanto, nos últimos tempos a Consellería de Política Social deixou de celebrar nestes termos o que, en rigor, é un síntoma de pobreza.

O que o propio Alberto Núñez Feijóo encadrou na aposta por "un modelo socialmente máis xusto que coloca ao comezo da fila aos que menos teñen" -dixo en referencia á Risga durante unhas xornadas en Baiona en abril de 2013- non é máis ca unha tradución mecánica a euros do incremento de solicitudes e concesións de Risga. Ou, dito doutro xeito, da suba exponencial de persoas que cumpren os requisitos para recibir esta prestación económica que a propia Administración define como de "subsistencia". Non en van, a súa contía media máis frecuente non supera os 430 euros ao mes, segundo datos da propia Xunta.

A Xunta presentou durante anos o incremento dos fondos da Risga como unha aposta política por un "modelo social máis xusto", pero a súa suba depende do número de solicitudes

É con este pano de fondo co que vén de chegar ao Parlamento unha resposta da Consellería de Política Social a unha pregunta de En Marea referida ás "razóns da demora no pagamento" da Risga, atrasos que veñen sendo denunciados dende hai tempo por colectivos sociais e que están a ser paliados mediante inxeccións económicas non previstas inicialmente nos Orzamentos Xerais da Xunta. Nesa contestación o departamento que dirixe José Manuel Rey Varela evidencia que a RISGA se concede "a todos os galegos e galegas que a solicitan e cumpren os requisitos legais para percibila" e admite que o incremento do orzamento non se debe a unha aposta política por incrementar a protección social, senón para "dar resposta a todos os solicitantes con dereito a percibilas e eliminar as listas de agarda".

Previsións erradas e cifras récord

Como admite agora abertamente o Goberno, o principal factor que fai aumentar o orzamento da Risga é o número de persoas que a solicitan e reciben. Isto é, a suba do sector de poboación que non ten "recursos económicos de subsistencia", situación á que se poden engadir outras como ser migrante, habitar unha vivenda precaria, ser vítima de explotación sexual ou sufrir unha discapacidade, entre outras. Unha ollada cara a atrás, ata comezos de século, amosa que tanto o número de persoas perceptoras -unhas 4.000- como o orzamento para sufragar a Risga -en torno a 23 millóns de euros anuais- permaneceron estables ata o estourido da crise. Pero o escenario económico xeral empeorou e a Risga tivo que adaptarse a el.

Os fondos da Risga pasaron duns 23 millóns anuais a máis de 60 en apenas media década e as persoas perceptoras racharon por primeira vez a barreira das 10.000

Así, no ano 2011 a daquela Consellería de Traballo e Benestar pasou a incluír a partida da Risga entre os créditos que admiten a consideración de ampliable co obxectivo de eliminar trabas burocráticas para inxectar novos recursos durante todo o ano. Como veu informando este diario, o orzamento desta prestación duplicouse amplamente en apenas tres anos e seguiu aumentando ata este mesmo 2017, cando recibiu unha dotación inicial de 57,4 millóns de euros que se revelou como insuficiente apenas un mes despois da aprobación dos Orzamentos. Deste xeito, Política Social tivo que achegar 600.000 euros máis en marzo e outros 860.000 en abril. A eles engadiu, ademais, outros 4 millóns de euros o pasado xullo. A conta supera xa, daquela, os 62 millóns de euros tras rachar a Risga por primeira vez a barreira das 10.000 persoas perceptoras.

Neste contexto a Consellería de Política Social insta a ter en conta que "actualmente a Administración autonómcia está a cumprir os prazos establecidos" para resolver as solicitudes -o trámite de peticións atrasadas foi o que motivou, precisamente, a escaseza de fondos- e resalta a rebaixa do tempo medio de resolución "de 118 días en 2015 a 67 en 2016", prazos medios nos que, non obstante, non se computan "os períodos nos que os expedientes están paralizados por requerimentos de documentación".

A cuestión dos tempos de tramitación e outros aspectos reiteradamente demandados, como a fin do veto á que convivan nunha mesma vivenda varias persoas que perciban a Risga, seguen en calquera caso pendentes da aprobación do novo decreto da Risga. Tras tres anos de atraso a Consellería asegurou que o aprobaría neste 2017, se ben aínda non deu publicamente pasos concretos nese sentido.

Rey Varela sucedeu a Beatriz Mato como responsable da área social da Xunta Dominio Público Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.