0 Gardados para despois

Pedro Sánchez evidencia o carácter nacional de Galicia e a contorna do PP mófase del

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O 17 de xaneiro de 2007 o PPdeG rompeu a baralla da reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia. A comisión que, en representación das tres forzas que daquela conformaban o Parlamento, negociaba dende meses atrás a redacción do novo texto, remitira a unha xuntanza dos seus líderes o peche dos "flocos" que ficaban pendentes. Aquel día o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recibiu na residencia oficial de Monte Pío ao vicepresidente e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e mais a quen levaba un ano sendo líder dos populares, Alberto Núñez Feijóo. O conservador saíu da xuntanza constatando o fracaso e responsabilizando del a Touriño pola que desdeñou como submisión do PSdeG ao Bloque. Na cerna da ruptura da negociación estaban o rango legal da lingua galega e máis a plasmación estatutaria do carácter nacional de Galicia, o mesmo que este martes deu en admitir o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, dando lugar á mofa da contorna do PP.

Sánchez: "Hai cando menos tres territorios que historicamente manifestaron a súa vocación de seren nacións: Cataluña, País Vasco e Galicia"

Ás portas de que o Parlament de Catalunya dea os anunciados pasos lexislativos para a celebración do referendo de autodeterminación do 1 de outubro -con cuxa paralización xa ameazou reiteradamente o Goberno de España-, o líder socialista desmarcouse abertamente do proceso soberanista catalán e, xunto a ese rexeitamento, afondou un chisco a preguntas da prensa no concepto de plurinacionalidade do Estado que vén defendendo. No marco dun almorzo informativo organizado en Madrid pola axencia Europa Press, Sánchez evidenciou que "cando menos, en termos históricos, hai tres territorios" do Estado "que historicamente manifestaron a súa vocación de seren nacións no noso país: Cataluña, País Vasco e Galicia". Estes tres, "cando menos", subliñou.

O termo "nación" foi substituído por "nacionalidade" na Constitución e a súa inserción foi unha das razóns do PP para romper a negociación do Estatuto galego en 2007

Sánchez complementou esta afirmación cunha explicación posterior sobre a súa posición. "O importante é que as sociedades, os territorios, acorden como se definen" e cómpre ter en conta que "a nación non se identifica cos límites dun estado" e tampouco "só coa lingua", senón "cunha vocación e un sentimento, unha manifestación da vontade de ser nacións". Esa vontade, ao seu xuízo, fica "recoñecida" na Constitución de 1978 mediante á alusión ás nacionalidades históricas, definición outorgada aos tres territorios por teren plebiscitado cadanseus estatutos durante a II República. Ese termo fora introducido no texto constitucional para evitar, precisamente, empregar "nación". No entanto, algúns redactores do texto constitucional como Manuel Fraga, que se opuña ao termo ou Miquel Roca, que o defendía, admitiron ás claras que, ao cabo, "nación e nacionalidade" eran "o mesmo".

A intervención de Sánchez foi desdeñada ou directamente ridiculizada por cargos do PP e algúns medios de comunicación de tendencia centralista dun xeito practicamente inmediato. Foi o caso do líder do PP andaluz, Juan Manuel Moreno, que a través da súa conta de Twitter considerou que "[Leire] Pajín falou do encontro interplanetario de Zapatero, [Elena] Valenciano comparou a Felipe González con Xesucristo e o Che e agora Pedro Sánchez...", ironizou ante un titular coa referencia do secretario xeral do PSOE ás condicións nacionais catalá, vasca e galega. A chanza de Moreno foi difundida polo PP na mesma rede social.

Recoñecida pola Sociedade de Nacións hai 84 anos

Artigo de Plácido Castro publicado en El Pueblo Gallego o 30 de setembro de 1933 sobre o recoñecemento de Galicia na Sociedade de Nacións (descarga aquí a páxina completa)

A cuestión da definición de Galicia como nación vai moi alén do frustrado debate estatutario de hai unha década. O termo foi asumido polo galeguismo político dende comezos do século XX e en 1933 foi recoñecido oficialmente no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, organizado en Berna pola Sociedade de Nacións, precedente da actual ONU. Como acreditan documentos e investigacións históricas desenvolvidas por entidades como o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) esa definición nacional de Galicia ante os órganos competentes do momento "é un feito histórico" que é independente do "fin político de cada un; xa sexa autodeterminación, independencia, autonomismo ou rexionalismo", exemplificou o investigador Xulio Ríos.

O primeiro recoñecemento oficial como nación chegou en 1933, no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, onde Galicia estivo representada por Plácido Castro

O encargado de representar a Galicia naquel histórico evento foi Plácido Castro, histórico galeguista cuxa fundación reivindica tamén dende hai anos aquel recoñecemento. Como detallou este diario no octoxésimo aniversario do recoñecemento, na declaración presentada ante aquel congreso ficou proclamado que "Galicia é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta". A relevancia da declaración do organismo foi debullada polo propio Plácido Castro en varios artigos publicados polo xornal galeguista El Pueblo Gallego durante o outono daquel ano. Nos seus textos Castro apostaba por que a definición como nación impulsase a participación de Galicia nun modelo territorail federal, "calquera que sexa a súa amplitude". "Galicia, sendo galega, é máis univeral e ten máis personalidade que se perde a súa identidade nun Estado español uniforme", sinalou.

O emprego do termo "nacional" referido a Galicia foi empregado con normalidade alén do soberanismo nos primeiros anos da autonomía

A cualificación de Galicia como "nación" e o emprego do termo "nacional" en datas e elementos vinculados ao país foi habitual tamén nos primeiros anos da autonomía e non só pola banda do soberanismo, que o segue a utilizar de xeito cotián. Tamén noutras forzas políticas, na prensa e en multitude de entidades cidadás. Así, por exemplo, xa en 1979 o 25 de xullo foi declarado polo presidente preautonómico Antonio Rosón como Día Nacional de Galicia, declaración aínda vixente, e formacións políticas como o propio PSdeG ou o sindicato CC.OO. dotáronse de órganos "nacionais" galegos que chegan ata a actualidade.

Mesmo Manuel Fraga na súa primeira investidura anunciara a creación do Museo Nacional e mais da Biblioteca Nacional de Galicia. Esa segunda denominación foi a elixida en tempos do bipartito pola Consellería de Cultura, dirixida polo BNG, para a biblioteca da Cidade da Cultura, pero o PP eliminouna ao retornar ao poder e deixou, asemade, de empregar alén do calendario laboral a denominación oficial do Día Nacional.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.