As escolas infantís da Xunta inician o curso con case 1.200 familias a agardar por unha praza

Representantes da Xunta visitaron no primeiro día de curso na escola coruñesa de Eirís © Xunta

Dende esta semana está en marcha o curso nas escolas infantís "sostidas con fondos públicos" da Xunta. Isto é, as que reciben algún tipo de financiamento da Administración galega, sexan ou non xestionadas directamente por ela. Este novo período escolar veu precedido por anuncios rotundos da Consellería de Política Social e do propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, a respecto da posibilidade de que familias que solicitasen praza ficasen sen ela. "Volvemos comprometernos a que non haxa ningún neno dunha familia galega que teña que quedarse sen unha praza nunha escola infantil", afirmou Feijóo a pasada primavera. O certo é que ese augurio non chegou a realizarse e na lista de agarda quedan case 1.200 solicitudes.

As escolas infantís que o Goberno galego inclúe no seu cómputo non son só as antigas Galescolas, renomeadas dende 2009 como Galiña Azul. O "total de 8.023 nenos e nenas admitidos" feitos públicos por Política Social inclúe as escolas do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, as da Axencia Galega de Servizos Sociais, as municipais, as escolas de entidades sociais e mais as concertadas. Tras o proceso de asignación de prazas quedan 1.178 solicitudes en lista de agarda e, ao tempo, 1.044 vacantes, "a maioría das cales se corresponden con prazas non cubertas do grupo de idade de 0 a 1 anos", prazas de bebés non adaptadas a alumnado de máis idade, indica a Consellería.

A Xunta mantivo durante o prazo de solicitudes que "todas" as familias que precisasen escola infantir ían poñer dispoñer dela

Pero a este reconto de prazas a Xunta agrega moitas máis, ata chegar a 22.439. Faino porque inclúe nesa suma "as que se ofertan a través do Bono Concilia", o programa de axudas directas de entre 45 e 250 euros mensuais para o pagamento de escolas infantís privadas. A estes cheques, afirma Política Social, "pódense acoller" as familias incluídas nesa lista de espera. Así, indica o departamento que dirixe José Manuel Rey Varela, pódese falar do devandito total de "22.439 prazas que conforman a rede de escolas infantís de Galicia con investimento público", unha taxa de cobertura do 38% que vai ata "catro puntos por riba da media aconsellada pola Unión Europea".

As restricións das axudas para pagar escolas privadas

Referencia ás solicitudes fóra de prazo na convocatoria do Bono Concilia

A aseveración da Xunta segundo a cal a combinación de Bono Concilia e escolas financiadas pola Administración torna en "seguro" que "todas" as familias que precisen escola infantil a poida ter segue, no entanto, a bater coa realidade. A razón está na normativa que regula o Bono, rexido por unha orde publicada o pasado maio da que Política Social salientou a apertura a "todas as familias nas que se produza un nacemento, acollemento ou adopción (...) con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes". Pero esa vantaxe non atinxe a todas as familias.

As familias con nacementos ou adopcións posteriores a xuño non poden solicitar o Bono Concilia se no seu concello existen escolas "sostidas con fondos públicos"

Segundo o artigo 9.3 desa orde só poden acceder á axuda fóra do prazo as familias "que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos" e nas que ademais o nacemento, acollemento ou adopción se producise "con posterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes". Deste xeito, as nenas e nenos nados despois do mes de xuño non poden acceder ao Bono Concilia se no seu concello existe unha escola infantil sufragada pola Xunta.

Esta conxuntura prodúcese nun contexto no que as escolas infantís dependentes da Xunta xa aplican a anunciada suba de prezos. Chega, ademais, despois de que a pasada primavera a Xunta recuase definitivamente na súa intención de pechar o Consorcio de Benestar, organismo coparticipado polos concellos do que o gabinete de Feijóo chegara a aprobar a súa disolución no ano 2010.

O xerente do Consorcio e o delegado da Xunta en Pontevedra, na escola de Monte Porreiro o primeiro día de curso © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.