BNG e goberno de Santiago piden que os Franco devolvan as esculturas do Pórtico da Gloria

Acto do BNG a prol da devolución das figuras do Pórtico da Gloria CC-BY-SA BNG

A polémica sobre os Franco e o patrimonio que posúe en Galicia continúa. Desta vez, BNG e o goberno municipal de Compostela engaden á reclamación de recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público a devolución, tamén, por parte da familia do ditador das dúas esculturas do Pórtico da Gloria que mantén no seu poder. 

Así, nun acto ante o Museo da Catedral de Santiago no que se expón a mostra dedicada ao Mestre Mateo e que acolle dúas esculturas do Pórtico da Gloria de propiedade dos Franco, a  portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou a devolución destas figuras de Abraham e Isaac ao patrimonio galego e considera que é unha “vergoña democrática" que "formen parte da colección particular" dos herdeiros do ditador fascista

O BNG reclama a devolución ao patrimonio público galego as dúas figuras do Pórtico da Gloria que os Franco teñen no seu poder

Pontón aludiu ás palabras da vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría, que cualificou de "vergoña democrática" o proceso de autodeterminación en Catalunya, e afirmou que o que é "unha vergoña democrática" é "que se permita permitamos que a familia Franco manteña bens que foron roubados ou espoliados ao pobo galego con total impunidade” e  que dende as institucións públicas “non se mova un dedo para restituír a propiedade das figuras do Pórtico da Gloria, o Pazo de Meirás e a Casa de Cornide ao pobo galego". 

A portavoz nacionalista anunciou que o BNG rexistrará iniciativas no Parlamento e no Consello de Compostela para que estas figura volvan ao patrimonio galego e lembrou que na exposición onde se poden ver os seus visitantes "descoñecen como estas dúas esculturas foron obtidas pola familia do ditador". "Esta información é un labor de hixiene democrática e de non permitir atropelos como os que se consentiron durante corenta anos”, di.

Ademais, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, anunciou tamén que o BNG presentará unha proposta no Concello de Santiago co fin de emprazar ao goberno local a "iniciar os trámites necesarios" para a devolución das tallas ao patrimonio público e “unha investigación” do que aconteceu. 

Figuras do Pórtico da Gloria que están en propiedade da familia do ditador Franco

Precisamente, este mesmo xoves, o grupo municipal de Compostela Aberta presentou a moción que levará ao próximo pleno instando á devolución ao patrimonio público o Pazo de Meirás e a que sexa o Concello de Sada quen xestione o réxime de visitas, pero tamén "a recuperación de dúas estatuas do Mestre Mateo que orixinariamente formaban parte do Pórtico da Gloria e que a día de hoxe están en mans da familia Franco".

Compostela Aberta presenta unha moción instando á devolución ao público do Pazo de Meirás e das esculturas do Mestre Mateo

O grupo municipal de Compostela Aberta agarda que a moción que levará ao pleno "sexa aprobada por unanimidade". Ademais, anuncia que ademais da vía política, o goberno local "está a estudar as vías xurídicas que permitan que as dúas esculturas volvan formar parte do patrimonio público de todos os composteláns e compostelás".

As dúas esculturas que representan a Abraham e Isaac foron retiradas da Catedral durante as obras do século XVI e pasaron a mans do Conde de Ximonde sobre o século XVIII. Este vendeullas ao Concello de Santiago en 1948 por 60.000 pesetas, a través dun documento no que se sinalaba que as pezas non podían sair de Compostela, ou o Concello tería que pagarlle ao conde unha “multa” de 400.000 pesetas. Malia a iso, as dúas esculturas do Mestre Mateo pasaron a mans da familia Franco hai máis de medio século, se ben non existe ningún documento de cesión.

O goberno local de Composela está a "estudar vías xurídicas que permitan que as dúas esculturas volvan formar parte do patrimonio público"

As esculturas forman parte hoxe da exposición sobre o Mestre Mateo que se pode ver no Pazo de Xelmírez despois de pasar polo Museo do Prado. Compostela Aberta entende que as dúas esculturas non poden volver á Casa Cornide, outra polémica propiedade da familia do ditador na Coruña, onde a familia Franco as ubicou despois de que pasaran un tempo no Pazo de Meirás. Todos estes inmobles e figuras artísticas non son as únicas propiedades dos herdeiros do ditador, senón a punta do iceberg do que é considerado un "macroespolio" polos expertos que estudan o tema

As dúas figuras, que foran mercadas polo Concello de Santiago, pasaron a mans dos Franco malia que non hai documento ningún de cesión

Mesmo o portavoz do PP en Compostela, Agusntín Hernández, aconsellou á familia Franco a amosar "algo de humildade" para, deste xeito, poder "reconciliarse co pobo español". Preguntado polas iniciativas doutras forzas políticas para recuperar para o patrimonio público as súas propiedades, o voceiro popular apostou por "utilizar todas as ferramentas legais para que un patrimonio que é de Galica poida ser gozado sen condicións polos galegos". 

 

Feijóo insinúa que a Fundación Franco quere “provocar” unha expropiación

Por outra banda, este xoves o presidente Feijóo foi preguntado, na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta, pola situación do Pazo de Meirás. O presidente dixo que o edificio é “de titularidade privada” cunhas obrigas de apertura ao público que os seus propietarios teñen que cumprir ou serán sancionados porque “calquera persoeiro en Galicia ten os mesmos dereitos e as mesmas obrigas”. “Se non están dispostos a cumprir esa normativa, téñeno ben fácil: é doalo”, engadiu.

Feijóo tamén dixo que a Xunta denunciará ante a Fiscalía se detecta que se estea a facer “apoloxía do franquismo” coas visitas ao pazo e insinuou que “determinados plantexamentos da Fundación Francisco Franco” son “provocacións” e buscarían “utilizar o conflito para conseguir diñeiro”. Segundo esa tese, o interese dos Franco sería provocar unha expropiación do pazo, algo que segundo Feijóo a Xunta non vai facer, malia que ata finais de 2012 o Goberno galego sufragou a seguridade privada do recinto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.