A Fundación Franco advirte dun "xusto castigo" aos militantes do BNG por "asaltar" Meirás

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás CC-BY-NC-SA BNG

A Fundación Francisco Franco teima nos seus comunicados sobre o Pazo de Meirás. Logo de que se coñecese hai varias semanas que vai xestionar as visitas ao inmoble e que pretende con elas exaltar a figura do ditador, a entidade fascista deu en responder a todas as reaccións políticas, protestas ou iniciativas institucionais. Desta vez, e logo de que dese por "canceladas" as obrigadas visitas ao BIC "ata nova orde" e a familia do ditador se enfronte a unha nova multa, a institución responde á ocupación simbólica levada a cabo por militantes do BNG o pasado 30 de agosto e advirte de que "fará todo o que estea na súa man para asegurarse de que que os asaltantes reciban o seu xusto castigo de acordo coa lei". 

A Fundación Francisco Franco ameaza o BNG e di que buscará que "os asaltantes reciban o seu xusto castigo de acordo coa lei"

No comunicado, a Fundación compara esta acción de afiliados do Bloque co que considera a "sedición dunha ampla maioría das institucións democráticas catalás", en referencia á convocatoria do referendo do vindeiro 1-O, e asegura que a súa decisión de facer pública a denuncia do que considera un "asalto" é "aconsellable" ante a "escurantista presentación do referido asalto por parte de múltiples actores políticos e mediáticos". Ademais, a entidade fascista ameaza e advirte que "esta decisión terá consecuencias importantes" e, na súa opinión, "moi positivas sobre a sociedade española". Será así, engade, "porque a aplicación do peso da lei aos culpables do asalto ao Pazo de Meirás e aos culpables da sedición do Parlamento regional catalán será o cabalo de batalla do enfrontamento entre a democracia e a lei na España dos vindeiros meses". 

A entidade advirte de que a súa denuncia "terá consecuencias moi importantes" e "moi positivas sobre a sociedade española"

Para a Fundación, o relevante "non é o asalto en si mesmo", xa que, segundo din, "o respecto á lei da esquerda española é nulo", senón "na resposta ante o devandito asalto". Así, censura que "unha ampla maioría das organizacións políticas e mediáticas españolas tomou a decisión de non condenar o flgrante delito cometido" e denuncia que "decidiu nin tan sequera mencionar que o referido asalto era obviamente ilegal". 

A institución franquista quéixase de que "a versión máis difundida do asalto defíneo como un pequeno festexo, no cal os delincuentes son presentados como defensores do ben común, e as vítimas do delito, a familia de Francisco Franco e a Fundación en tanto que organizador das visitas, son descritos como delincuentes". "Como é posible que na España da II Restauración Borbónica se alcanzase un grao tan elevado de falta de respecto público á lei?", pregúntase a entidade, que se responde a si mesma: "Débese a unha erróneea equiparación entre democracia e lei". 

"Os delincuentes son presentados como defensores do ben común e as vítimas como delincuentes", asegura a institución franquista

A Fundación, na súa habitual retórica reaccionaria, denuncia que "en España son lexión os que pensan que a democracia debe prevalecer sobre la lei". E considera que este erro "explica a reacción política e mediática ao asalto ao Pazo de Meirás". "Como o asalto tivo lugar contra unha entidade que defende a España de Franco, o politicamente correcto é definilo como unha actuación democrática e, en consecuencia, legal". E a institución resume: "A sedición do Parlamento rexional e a non condena do asalto ao Pazo de Meirás nacen dun mesmo mito: que a democracia debe prevalecer sobre a lei". 

O Bloque non tardou en responder ao comunicado da entidade franquista. O seu deputado Luís Bará cualificou de “inaudito e intolerable” que a estas alturas a  Fundación Franco “sexa legal, que se comporte con total impunidade, que reciba beneficios dos poderes do Estado, que incumpra a lei nas visitas ao Pazo de Meirás” e agora anuncie ameazas contra o BNG pola acción simbólica de ocupación do Pazo. A formación nacionalista pedirá, a través dunha proposición non de lei ilegalizar esta institución por "apoloxía do franquismo, terrorismo e xenocidio” e declarala, xunto coa familia do ditador “non gratas en Galiza”.

O BNG advírtelle á Fundación que non lle ten medo e que non acepta "nin ameazas nin chantaxes"

Bará recalcou que  no BNG non acepta “nin ameazas nin chantaxes” por parte dos franquistas. “Non lles temos medo” e "seguiremos denunciando por todos os medios o incumprimento da lei, a impunidade do franquismo, o espolio, o roubo de bens públicos pola familia Franco e a complicidade das institucións do Estado, da Xunta de Galiza e do PP co franquismo”.

O nacionalista lembrou que na sesión plenaria que comeza este martes na Cámara galega, o PP terá unha oportunidade para dicir de que lado está, “do lado dos franquistas ou da democracia” no debate dunha proposta do BNG para declarar “non gratas en Galiza” a familia Franco e a Fundación Franco, condenar as declaracións da Fundación Franco e instar a súa ilegalización por “apoloxía do franquismo, terrorismo e xenocidio” e demandar a devolución do Pazo de Meirás

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.