Logo de recuperar as súas competencias para convocar as primarias á secretaría xeral, a xestora do PSdeG puxo en marcha a finais de agosto o calendario do proceso que culminará co décimo terceiro Congreso Nacional da formación. Rexistradas as precandidaturas de Gonzalo Caballero, Xoaquín Fernández Leiceaga e Juan Díaz Villoslada, confirmáronse os tres aspirantes queu levan xa semanas desenvolvendo diversos actos coa militancia ao que agora se une tamén a recollida de avais.
A porcentaxe de avais da militancia que os aspirantes precisan para poderen ser finalmente candidatos réxese polo limiar do 10% -uns 1.000 apoios, toda vez que o censo das últimas primarias federais foi de 10.394 militantes- e non se aplicarán, daquela, as modificacións introducidas no último congreso federal, que apostou para as federacións polo 2% de avais e a introdución da posibilidade dunha segunda volta. As dúbidas sobre este aspecto quedaron resoltas a efectos prácticos xa en agosto, cando o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, deu o seu visto e prace sen mudanzas ás normas e ao calendario galegos nunha xuntanza coa presidenta da xestora, Pilar Cancela.
Así, segundo o previsto o nome do novo secretario xeral coñecerase o vindeiro 8 de outubro, data elixida para as votacións. O resto da dirección do PSdeG será elixida no Congreso Nacional fixado para os días 27, 28 e 29 dese mesmo mes. Elixirase un líder de entre tres candidatos que apoiaron con claridade, maior ou menor, a Pedro Sánchez na última batalla interna a nivel federal.
Velaquí as conversas cos tres aínda precandidatos, na que todos instan á unión do partido e a deixar atrás as crúas liortas internas do pasado máis recente.
"O PSdeG tivo dous grandes presidentes galegos e debemos reivindicalos sempre"
Deputado do PSdeG no Parlamento galego e ex-xerente da Universidade da Coruña (UDC), Juan Manuel Díaz Villoslada recoñece a novidade que para el supón a súa candidatura a liderar o partido despois das primarias que se celebrarán o vindeiro 8 de octubre. Repite en varias ocasións a necesidade de "deixar atrás cousas do pasado" e apela a que a formación marque o seu "camiño" dentro da nova etapa que se abriu a nivel federal coa vitoria de Pedro Sánchez na batalla interna. Seguir lendo
"O PSOE volve estar onde lle corresponde e o PSdeG debe aproveitar este vento"
Participante nas primarias para a candidatura á presidencia da Xunta e finalmente apoio de Leiceaga para derrotar a Méndez Romeu, este militante vigués enfróntase agora ao portavoz parlamentario e mais a Villoslada na carreira por liderar o PSdeG. Orgulloso do seu radical apoio a Pedro Sánchez na batalla que a formación viviu a nivel federal, está convencido de que os socialistas xa recuperaron o liderado da esquerda ante o "estancamento" dos "emerxentes". Seguir lendo
"Debemos traer ao noso territorio, a socialdemocracia, a enerxía que está fóra del"
Figura veterana da política galega, último candidato do PSdeG ás eleccións autonómicas e voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga insta a "unir o partido" e cre que a alternativa ao PP en Galicia pasa por que os socialistas "sexan o referente da esquerda". "Nas mareas debe haber un proceso de maduración para facilitar que os acordos tras as municipais sexan posibles e estables", di ollando cara aos comicios locais. Seguir lendo