Os Mossos advirten dos riscos de precintar colexios mentres medra a mobilización en torno ao 1-O

Manifestación de estudantes en Vic Dominio Público @arran_vic

A partida de xadrez entre a Fiscalía e os Mossos d'Esquadra polo operativo para impedir o 1-O vira nun novo movemento este mércores. Nunha xuntanza na Fiscalía Superior de Catalunya, o major dos Mossos, Josep Lluís Trapero, trasladou ao fiscal que a orde de precintar colexios e impedir o voto pode provocar "consecuencias non desexadas" e, nomeadamente, "alteracións de orde pública". Mentres a policía catalá advirte de posibles altercados, o independentismo e diferentes colectivos a prol do referendo mobilízanse para defender os puntos de votación e lograr que a consulta se leve a cabo. Desde bomberos ata a comunidade escolar pasando por estudantes universitarios. 

Trapero advirte á Fiscalía que precintar colexios e impedir o voto pode provocar "consecuencias non desexadas"

Trapero avisou o fiscal superior de Catalunya, José María Romero de Tejada, que a policía -tanto Mossos como Garda Civil, Policía Nacional e locais- deben aplicar as súas instrucións para impedir o referendo axustándose aos principios de "oportunidade, proporcionalidade e congruencia", ante o risco de alteracións. 

"O cumprimento das instrucións non exclúe a responsabilidade profesional de contemplar que aplicalas pode provocar consecuencias non desxadas en referencia á seguridade cidadá e ao máis que previsible risco de alteracións da orde pública que se poidan derivar", trasladou Trapero ao fiscal, ao que lle exisiu tamén orde xudicial para precintar os locais de votación, ao estar tamén situados en residencias de anciáns e centros de saúde e poder impedir o seu normal funcionamento e mesmo "servizos públicos esenciais", tal e como avanzou El Periódico. Ás poucas horas, o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) ordenaba formalmente aos corpos policiais impedir o uso de locais públicos para o 1-O.

O martes, nunha instrución inédita na súa dureza para impedir a consulta, o fiscal ordenou aos Mossos precintar os máis de 2.000 colexios electorais previstos para o referendo e impedir o voto, mesmo desaloxando concentracións cidadás fronte aos puntos de votación e evitando que se poida votar na rúa nun radio de 100 metros do colexio electoral. Ademais, agora a Fiscalía tamén ordena aos policías locais que non deixen saír urnas propiedade do Estado dos concellos e o TSJC fai efectiva a orde de inhabilitar os puntos de votación. 

A comunidade educativa catalá chama a "abrir as escolas á democracia" e comprométense a "facer posible" o referendo

Xusto un día despois de coñecerse estas instrucións, a sede de Òmnium Cultural acolleu a presentación do manifesto Escoles Obertes, un movemento que anima a "abrir as escolas á democracia" este domingo para garantir que os cataláns poidan expresar libremente a súa opinión. Os asinantes do texto "comprométense a facer posible que o 1-O a xornada se desenvolva con total normalidade". Os impulsores animan a ir en masa aos centros, sen aclarar cando, e aclararon que non queren "colisión ningunha coa policía", en palabras de Josep Cevelló, da plataforma Som Escola. 

Son diversas entidades da comunidade educativa catalá as que chaman a mestres, pais, familiares, alumnos, ex-alumnos ou traballadores para que "axuden a garantir a liberdade de expresión, hoxe incomprensiblemente ameazada". "Organizar escola por escola, centro por centro, ringleiras de xente para garantir que se poida votar", di o documento. 

Ao tempo, a Generalitat xa admite que pode que non se poida votar nalgúns dos máis de 2.000 colexios habilitados. Así o dixo o conseller de Interior, Joaquim Forn. "Non lle podo dicir se se poderá votar en todas partes, o domingo teremos que facer unha valoración dos lugares onde se puido e dos que non, pero onde non se poida votar tamén é importante que haxa xente concentrada para demostrar a todo o mundo que hai un Estado que impide votar", asegura.  Ao pouco, o vicepresident Oriol Junqueras anunciou que o Govern habilitara unha canle de Telegram e unha conta de Twitter para consultar os colexios do 1-O. 

A Generalitat admite que non se poida votar nalgún colexio e habilita canle no Telegram e conta de Twitter para consultar os lugares de votación

Xa o martes, a agrupación de bombeiros do Concello de Barcelona levou a cabo unha asemblea na que se decidiu que estes profesionais, en caso de ser requiridos pola ANC, prestaríanse para formar parte de cordóns de seguridade para "garantir o funcionamento pacífico dos actos". Ademais, acordaron impugnar xudicialmente a orde que lles impide participar identificados como bombeiros en manifestacións ou concentracións. O consistorio barcelonés aclarou que o requirimento feito aos profesionais tiña que ver con "denuncias e mandatos da Fiscalía". 

Neste mércores, movementos de estudantes cortaron a autoestrada AP-7 en Catalunya en defensa do referendo dentro da campaña organizada a poucos días do 1-O e encadradada na folga deste día, convocada por SEPC ou o Sindicato de Estudantes. Foron 20 manifestacións en cidades como Girona, Vic, Lleida, Berga, Mataró ou Barcelona. Ademais, en varias localidades formáronse os denominados Comités de Defensa do Referendo. 

Estudantes maniféstanse nunha xornada de folga que chegará ás universidades o xoves e o venres; a UPF decidiu suspender as actividades

Alén disto, para este xoves e venres está prevista unha folga de alumnos nas universidades. A Universitat Pompeu Fabra (UPF) decidiu suspender eses dous días a actividade académica nas súas facultades. O seu rector, Jaume Casals, publicou unha carta para defender o paro na que expresa unha "fonda preocupación pola vulneración de dereitos fundamentais e das liberdades democráticas". A Facultade de Xeografía e Historia da Universitat de Barcelona emitiu, ademais, un comunicado no que defende o dereito a decidir e critica a resposta do Estado. 

Na mesma xornada, a Unidade de Coordinadora de Menores da Fiscalía Xeral do Estado remitiu unha instrución á Conselleria de Educación na que pide que faga un seguemento sobre os casos de menores que piden non acudir a clase para participar nas manifestacións a prol do 1-O. 

Pero as chamadas ao voto en Catalunya seguen e chegan desde moitos lugares. Tamén este mércores, decenas de entidades sociais, culturais, deportivas e económicas adheríronse á Taula per la Democràcia para defender de maneira unitaria "o dereito que ten o pobo catalán a decidir o seu futuro político". A Taula non descarta ningunha forma pacífica de mobilización e entre os colectivos asinantes atópanse os sindicatos CCOO, UGT, Unió de Pagesose Intersindical, que asinaron o manifesto ao lado das patronais PIMEC e CECOT. Outros son a ANC e Òmnium Cultural ou a Federació d’Assemblees de Pares i Mares de Catalunya FAPAC, a Unió de Federacions Esportives de Catalunya UFEC, SOS Racisme ou o Sindicat de Periodistes de Catalunya.

CCOO, UGT, patronais, ampas ou o Sindicat de Periodistas únense á ANC e ao Ómnium na defensa do dereito a decidir

Mentres, desde Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou no debate parlamentario co voceiro de En Marea, Luís Villares, que Catalunya debe 70.000 millóns de euros ao Estado, e xa que Galicia ten o 6% da poboación de España, o resultado é que a comunidade catalá debe a Galicia 4.000 millóns que, "coa lei de desconexión, non pagará". 

A AN investigará se houbo delito de sedición

A xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela admitiu a trámite a denuncia da Fiscalía por delito de sedición polos feitos ocorridos en Barcelona durante os días 20 e 21. Tras as detencións de altos cargos e durante os rexistros en sedes da Generalitat, producíronse concentracións e manifestacións "levadas a cabo para impedir pola forza a actuación das autoridades e os seus axentes", segundo apuntou no seu escrito o tenente fiscal da Audiencia Nacional, Miguel Ángel Carballo.

O xuíz tamén acordou pedir á Garda Civil para que elabore un atestado sobre as actuacións levadas a cabo para impedir a actuación dos corpos e forzas de seguridade do Estado no exercicio das súas funcións. No auto, a xuíza cre que os feitos descritos polo fiscal poden encaixar dentro do delito de sedición. Nesa denuncia, o fiscal sinalaba os líderes a Assemblea Nacional Catalá (ANC) e a Ómnium Cultural.

O PP lanza a campaña #hispanofobia

Por outra banda, o Partido Popular lanzou unha campaña nas redes sociais co cancelo #hispanofobia na que acusa os "separatistas" de "saltar a lei" e insire vídeos con frases descualificativas cara a cidadáns andaluces e con cachos de declaracións de políticos como Gabriel Rufián, Oriol Junqueras ou Jordi Pujol. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.