- AO MINUTO | O referendo catalán, entre a mobilización e a prohibición
- Puigdemont suxire unha inminente declaración de independencia: "gañamos o dereito a un Estado"
- A Generalitat cifra en 2 millóns os votos pola independencia cunha participación do 42%
- EDITORIAL | O referendo posible
Un enorme despregamento policial fronte a unha descomunal mobilización política. Este 1 de outubro de 2017, data fixada polo Govern da Generalitat para a celebración do referendo de autodeterminación suspendido polo Tribunal Constitucional, como as leis nas que o abeirou, comezara unhas corenta e oito horas antes. Cando, na noite do venres, veciñanzas, familias e colectivos políticos e sociais se organizaron para tentaren manter abertos os colexios electorais, os mesmos que este domingo tornaron, por veces, en campo de batalla por mor de cargas e desaloxos policiais malia aos que a accidentada votación puido celebrarse e nos que o Goberno central ve un "exemplo" de talla mundial. Finalmente, o Govern asegura que votaron uns 2,3 millóns de persoas das que un 90%, 2,02 millóns, apostaron pola independencia.
Para o Govern da Generalitat a represión do referendo tornou "o Estado español na vergoña de Europa", mentres que o Executivo de Rajoy deféndea como "proporcionada"
Para o Govern da Generalitat as accións da Policía e da Garda civil -que, destaca o Ministerio do Interior, non fixeron outra cousa que cumprir as resolucións do Tribunal Superior catalán con "proporcionalidade"- lograron en poucas horas que o Estado español fose a "vergoña de Europa", expresión que a edición internacional da CNN elixiu como titular para resumir a xornada. Os axentes cargaron, levaron urnas, empurraron e bateron en persoas partidarias do referendo con idades diversas e esas imaxes correron polas redes e os medios de Europa e norteamérica. Tal contundencia tiña como obxectivo o peche dos colexios, logrado segundo a Generalitat en 319 -92 deles por parte de Policía Nacional e Garda Civil- centros dos máis de 2.300 habilitados, pero cun balance dunhas 800 persoas feridas. Neses centros tiñan dereito ao voto unhas 700.000 persoas.
En el instituto Pau Claris, ahora. Mi hermana llora y yo con ella desde Madrid. pic.twitter.com/USE5FHkPxA
— Luz Sanchis (@LuzSanchis) 01 outubro 2017
A maquinaria estatal para frear a consulta suspendida foi fundamentalmente física, de forza, pero non só. A primeiras horas da mañá a Generalitat anunciaba que, para salvar as trabas estatais, puxera en marcha un censo "universal", un sistema informático que permitiría ao electorado identificarse co seu DNI e votar no colexio electoral que desexase coa seguridade de non podería haber sufraxios duplicados. A Garda Civil deu por "desactivado" tamén ese novo aplicativo que, así e todo, seguiu funcionando intermitentemente. A súa inestabilidade pon en risco, en calquera caso, as cifras finais de apoios ao "si" e ao "non" á independencia.
Aínda con todos os atrancos e malia pairar sobre toda a votación a ameaza da suspensión e a intervención policial, foron múltiples os colexios electorais cataláns nos que a tensión se combinou co aire festivo. A presenza de "observadores" internacionais e de delegacións convidadas -entre elas, representantes de formacións políticas galegas como En Marea e o BNG- contribuíu a espallar as imaxes das fileiras de persoas, mozas e vellas, agardando para votar. Onde non houbo carga, houbo votación, resumían dende Catalunya, mentres dende o Goberno de España e medios afíns se aplaudía o desmantelamento do referendo e se subliñaba a súa ausencia de garantías.
Imaxes inéditas como enfrontamentos de Garda Civil e Policía Nacional cos Mossos d'Esquadra -aos que dende a contorna do Goberno central se acusa de colaborar coa votación- ou de bombeiros a protexer as comitivas de votantes sucedéronse nunha xornada tras a que, pouco despois da hora do peche dos colexios, ás oito da tarde, deu en comparecer Mariano Rajoy. Fíxoo na sala de prensa do Palacio de La Moncloa nunha comparecencia sen preguntas aparentemente allea aos titulares da prensa internacional, pero tamén ás apelacións á negociación política de líderes como o primeiro ministro belga ou o laborista británico Jeremy Corbyn, entre outros, que rexeitaron abertamente a violencia policial.
Cunde a idea de que a fenda entre España e Catalunya é agora aínda meirande.
O anuncio de contactos cos grupos parlamentarios no Congreso e dunha solicitude de comparecencia na propia Cámara Baixa foron as dúas novidades nun discurso baseado no argumentario que o PP defendeu durante toda a xornada. O referendo non se desenvolveu con incidencias ou sen elas. Simplemente, "non existiu" e a "gran maioría do pobo de Catalunya non quixo participar". As cargas e demais intervencións policiais, di o líder conservador, non fixeron outra cousa que cumprir ordes e preservar a "democracia". En síntese, un "exemplo para o mundo".
A luva do "diálogo" foi recollida minutos despois polo secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, quen non obstante fixo explícito o seu "desacordo" coas cargas policiais, irritando así os sectores máis á dereita dos populares. O seu chamado á negociación producíase no inicio do incerto reconto de votos e mentres as sete cidades galegas, como outras das principais do Estado, acollían concentracións en "solidariedade" co referendo. O volume da vitoria do "si" semella no inicio dunha longa noite de domingo unha cuestión secundaria. Cunde a idea de que a fenda entre España e Catalunya é agora aínda meirande.