Unha bicefalia con Gonzalo Caballero como secretario xeral do PSdeG máis centrado na recomposición do partido e con Xoaquín Fernández Leiceaga á fronte do grupo socialista no Parlamento de Galicia. Ese é o acordo ao que veñen de chegar Caballero e Leiceaga para que o segundo renuncie á súa candidatura e se integre na do primeiro para facer fronte xuntos á do terceiro en liza, o tamén deputado autonómico Juan Díaz Villoslada, a quen presentan como o candidato “dos baróns” fronte á súa propia que definen como a “das bases”.
Leiceaga e Caballero compareceron este luns na sede local do PSdeG de Santiago, na que o primeiro anuncio a súa “renuncia” á súa propia candidatura, que colleitara uns 1.803 avais fronte aos 2.297 de Caballero e outros 1.790 de Villoslada, e para amosar o seu “apoio firme e entusiasta” ao seu compañeiro. Segundo explicou, a súa retirada permitirá “simplificar as opcións” para que o novo secretario xeral obteña un “apoio maioritario da militancia” nas primarias que se celebrarán o próximo domingo.
Leiceaga salienta que a súa retirada permitirá que o novo secretario xeral, elixido de entre só dúas opcións, obteña un "apoio maioritario da militancia"
Sobre o futuro de Leiceaga, actual portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, Caballero salientou que seguirá sendo “a voz dos socialistas galegos” na Cámara autonómica. “Temos un bo portavoz parlamentario”, dixo, cando se lle preguntou pola posibilidade de que algún deputado actual renuncie ao seu escano para darlle entrada como seguinte na lista que é pola provincia de Pontevedra. “Non hai ese plantexamento”, asegurou Caballero, quen tamén rexeitou especular cunha posible candidatura súa á presidencia da Xunta. “Estamos falando a tres anos vista”, salientou, lembrando que antes das próximas eleccións autonómicas hai outros comicios e facendo fincapé na necesidade de traballar para recompoñer internamente o partido. “O PSdeG non se pode pechar só no traballo nas institucións”, salientou.
“Este acordo non ten tutelas nin baronías detrás”, di Caballero en referencia ao outro candidato, Díaz Villoslada
Tanto Leiceaga como Caballero insistiron en presentar a súa candidatura conxunta como a “das bases” do partido fronte á de Villoslada. “Este acordo non ten tutelas nin baronías detrás”, dixo Caballero. Do mesmo xeito, sobre a afinidade ao secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, que se lle atribúe ás dúas candidaturas, Caballero salientou a súa “neutralidade” no proceso e insistiu en que a decisión dependerá dos afiliados galegos.
Mentres que o outro candidato ás primarias, Díaz Villoslada, é deputado autonómico, a elección o próximo domingo de Caballero suporía reeditar unha situación que xa se deu no pasado recente do PSdeG, nos dous anos e medio, entre 2013 e 2016, en que José Ramón Gómez Besteiro foi o seu secretario xeral sen ter escano no Parlamento de Galicia, onde o portavoz foi José Luis Méndez Romeu.