Logo da integración de Xoaquín Fernández Leiceaga na candidatura de Gonzalo Caballero, a batalla polo liderado no PSdeG céntrase en dous aspirantes. O militante vigués competirá nas primarias do vindeiro 8 de outubro con Juan Díaz Villoslada pola secretaría xeral dos socialistas galegos.
Caballero e Villoslada, xa domo dous únicos candidatos, protagonizaron este xoves o último debate da carreira electoral, organizado polo propio PSdeG, e antes das votacións do próximo domingo. Retransmitido a través da web das primarias e das redes sociais socialistas, os dous aspirantes acabaron por participar, nomeadamente, nun "diálogo construtivo" en case todos os bloques temáticos, para amosar algo máis as súas diferenzas á hora de abordar o modelo de partido pero, sobre todo, á hora de cuestionar os apoios que orixinaron cada unha das candidaturas.
Villoslada non ve "lexítimo" o acordo entre Caballero e Leiceaga logo da recollida de avais
Así, Villoslada preguntou a Caballero se era "lexítimo" o acordo que este acadou con Leiceaga, "unha candidatura que se retira e que traslada os seus avais". "Estes pactos non son transparentes, transmiten escuridade", insistiu o deputado, que cualificou de "contranatura" o pacto entre os dous aspirantes que uniron as súas forzas na carreira das primarias.
Pola súa banda, Caballero defendeu o devandito acordo, feito "sen escurantismo, de forma pública e diante dos medios". "Non sei se ti [por Villoslada] podes dar unha rolda de prensa coas baronías que apoian a túa candidatura ou explicar como xurdiu", retrucoulle o economista vigués, que presumiu da súa "mochila" de antiga militancia cando foi cuestionado precisamente por ela. Ademais, tamén censurou ao seu compañeiro que se referise a Leiceaga, voceiro parlamentario, como "o candidato que prefire o PP" e que o fixera "xusto antes do Debate sobre o Estado da Autonomía".
Caballero advertiu das "baronías" que apoian a candidatura de Villoslada
Ademais, mentres Villoslada insistía na "unión, cohesión e integración de todos os militantes" como a base para o novo modelo de partido, Caballero centrábase en "renovar o proxecto e fortalecelo" para "un novo tempo político" no que se "aumente a participación da militancia". "Houbo congresos con moita unidade, pero sen un proxecto que o oriente, non hai éxito electoral", asegurou o militante vigués. "Se non estamos unidos e non integramos todos os militantes, é difícil dicirlle á sociedade que estamos preparados", manifestou Villoslada.
Villoslada prioriza a "unión e cohesión" no partido fronte a un Caballero que opta, primeiro, por "renovar o proxecto"
Polo demais, en canto ás propostas a nivel económico ou social, ambos os dous candidatos coincidiron en moitas das súas propostas. Criticaron a situación económica e de desiguldade "provocada polos anos de goberno de Feijóo", reivindicaron o PSdeG como "a esquerda" en Galicia e apostaron pola "igualdade", tanto a nivel social como no que ten que ver co xénero ou na aposta polo sector cultural e pola lingua galega. "O PP rachou a convivencia lingüística, non respectou a Lei de Normalización e temos que recuperala", dixo Villoslada.
Alén disto, Caballero aproveitou tamén para amosar a súa aposta por "unha gran coalición social cos sectores progresistas do país". "Debemos buscar en todas as esferas aliados de progreso, un exército progresista en Galicia capaz de avanzar contra o PP", asegurou.