O debate de política xeral celebrado a pasada semana no Parlamento, o primeiro da lexislatura, estivo condicionado dende a súa convocatoria pola situación política de Catalunya. O presidente da Xunta contribuíu a ese condicionamento dedicando os primeiros 20 minutos do seu discurso a apoiar "todas" as medidas que o Goberno de España poida tomar contra o proceso soberanista catalán e o Grupo Popular seguiu a facelo tamén na parte dispositiva do debate, na que se votan medidas concretas. A cuestión catalá acabou deixando en segundo plano a avaliación da política galega, obxectivo do debate, e tamén ensombrecendo as propostas formuladas polos grupos, que no caso da oposición foron rexeitadas sen excepción pola maioría absoluta dos populares. Entre elas, o cumprimento da lei vixente nos medios públicos de comunicación.
Despois de que, a finais de setembro, o PSdeG tentase sen éxito que a propia Cámara puxese prazos ao cumprimento da norma que rexe a CRTVG dende o ano 2011, as tres formacións da esquerda parlamentaria rexistraron no debate, con diferentes formulacións, propostas encamiñadas a que esa lei fose finalmente cumprida nos ámbitos aínda pendentes. Entre elas, a elección da dirección xeral por maioría reforzada do propio lexislativo ou a constitución do Consello de Informativos. As tres recibiron o voto da maioría gobernante en idéntico sentido: "non".
A lei está en vigor dende 2011 e o pasado setembro o PP xa rexeitou poñer prazos á súa aplicación
No caso do En Marea a proposta para a "defensa da pluralidade nos medios de comunicación públicos" implicaba a devandita remuda do actual director xeral, a creación dos órganos pendentes e a "reestruturación do Consello de Administración" para facelo "plural e diverso" baixo criterios "profesionais". Os socialistas reclamaban aplicar a lei "por completo" antes "do remate de xuño do ano 2018" e o BNG esixía que, "neste período de sesións" -antes de fin de ano- se puxese en marcha a "elección por consenso" da nova dirección xeral e se activasen o Estatuto profesional e o Consello de Informativos "previstos" na norma. Á hora de votación o PP optou pola negativa nos tres casos, mentres que toda a oposición votou a prol na de En Marea e na do Bloque, que se abstivo na do PSdeG.
Feijóo defende que a actual dirección xeral xa está avalada polo consenso e os populares esgrimen a complexidade da norma como causa do incumprimento
A necesidade de aplicar a lei xa fora aludida na primeira parte do debate polos voceiros das tres forzas da esquerda e retrucadas polo presidente, que asegurou non saber de que é "acusado", toda vez que, defende, o actual director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, xa foi elixido mediante un acordo cos socialistas -en referencia á negociación en 2009 co ex-líder do PSdeG, Pachi Vázquez, que este acabou negando-. No entanto, aquel acordo é anterior á lei de 2011, tras cuxa aprobación o PP sacou adiante en solitario unha reforma que permite que Sánchez Izquierdo continúe á fronte da corporación pública tempo indefinido.
A complexidade técnica e xurídica para despregar a totalidade da lei é un dos argumentos máis recorrentes dos conservadores para sustentar unha negativa que, desta volta, chegou xunto a outra que implica volver renunciar a unha das promesas en materia de comunicación e medios coas que o propio Feijóo chegou a poder: a aprobación dunha lei de publicidade institucional. O presidente realizou esa promesa tanto na primeira como na súa segunda lexislatura e, no remate do primeiro ano da terceira, o Bloque elevou ao debate de política xeral unha proposta para a creación dun relatorio parlamentario que a redactase e aprobase para regular aspectos como as axudas públicas ou a potenciación do galego na prensa. Esta iniciativa tamén foi rexeitada.