O lume espállase pola metade sur da provincia de Pontevedra

Vista de Vigo e a ría co fume dos incendios que as rodean Dominio Público @gzcontrainfo

"Na zona atlántica o risco baixou de forma evidente", dicía o pasado mércores o presidente Feijóo cando se lle preguntou polas críticas dos sindicatos á redución do dispositivo de loita contra o lume

“Na zona atlántica o risco baixou de forma evidente”. Así se pronunciaba o pasado mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando se lle preguntou polas críticas formuladas polos sindicatos contra a redución de persoal do dispositivo de extinción de incendios. “O risco é máximo”, admitía o presidente, pero só no interior de Ourense, co que xustificaba que os esforzos do Goberno galego se concentrasen nesa zona. Pero este domingo os incendios espalláronse tamén polas Rías Baixas, con temperaturas próximas aos 30 graos e fortes ventos producidos pola aproximación do furacán Ophelia, en cuxas precipitacións quedan as expectativas de mellora na noite do domingo ao luns unha vez que os medios aéreos de extinción non poden seguir operando.

O incendio máis importante dos que afectan ao sur da provincia de Pontevedra segue a ser o iniciado en Ponteareas e que se estendeu cara Redondela e Pazos de Borbén. No val do río Miño tamén hai incendios importantes nas Neves e Salvaterra que están a impedir a circulación por varios puntos da Autovía das Rías Baixas (A-52), en cuxo túnel da Cañiza quedaron atrapadas ducias de vehículos.

Porén, esa é unha zona menos poboada que outras nas que incendios de menor entidade relativa están a supor maior perigo para vivendas. En Baiona, onde o pasado xoves xa se producira un incendio a poucos metros do instituto da localidade, nas proximidades do monumento da Virxe da Rocha, este domingo o lume cercou a vila case por completo, afectando a toda a franxa arborada existente entre o casco urbano e a autoestrada do Val Miñor (AG-57) que fai de circunvalación e que foi cortada ao tráfico. As lapas chegan ás primeiras vivendas tanto da parroquia de Baíña como da parte alta do centro de Baiona, no barrio da Anunciada, no que a casa-cuartel da Guardia Civil fai as veces de cortalumes. Varias urbanizacións foron desaloxadas. O lume, tal vez produto de faíscas levadas polo vento, dada a escasa distancia dese punto con respecto á coroa de lapas que rodea a vila, chegou mesmo á península de Monte Boi, que alberga a fortaleza de Monterreal e o Parador de Turismo.

A Xunta non está a informar de todos os incendios con efecto sobre a poboación ou faino varias horas despois de que se decrete a Situación 2 que regula esas circunstancias

O lume esténdese tamén por outros puntos do mesmo Val Miñor, en Nigrán e Gondomar, como na parroquia de Vincios, onde se produciron desaloxos, ou na de Morgadáns. Próximo a Vincios está o campus da Universidade de Vigo de As Lagoas-Marcosende, tamén afectado pola proximidade do lume que afecta a outras parroquias rurais da cidade. A Xunta non está a informar de todos os incendios con efecto sobre a poboación ou faino varias horas despois de que se decrete a Situación 2 que regula esas circunstancias.

Feijóo responsabiliza os incendiarios, as condicións adversas e os incendios de Portugal

Feijóo fai especial fincapé no feito de que Galicia tamén ten que "loitar", ademais de contra incendiarios e as condicións meteorolóxicas, contra os fogos que chegan desde Portugal

Ante esta situación, este domingo o presidente Feijóo realizou unha comparecencia pública. "Estamos nunha situación difícil, estamos preocupados, sabemos apagar lumes pero as condicións adversas deste domingo nunca as vivíramos nunha década. É unha actividade incendiaria homicida", asegurou Feijóo á tarde, tras visitar o Centro de Coordinación de Incendios. O presidente da Xunta fixo especial fincapé no feito de que Galicia tamén ten que "loitar", ademais de contra incendiarios e as condicións meteorolóxicas, contra os fogos que chegan desde Portugal ao "saltaren o río Miño" por non "seren apagados". Feijóo dixo que Galicia non pode "seguir soportando os fogos que entran desde Portugal".

Vista do centro de Baiona cuberto de fume desde a península da fortaleza CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.