0 Gardados para despois

Sobresoldos e campañas grazas ao 3%: as claves da caixa B do PP "abrumadoramente" acreditada

Marcos PinheiroMarcos Pinheiro


Mariano Rajoy sentou na cadeira das testemuñas do caso Gürtel a finais de xullo para asegurar que descoñecía a existencia dunha caixa B, dunha conta que se ocultaba a Facenda, era fornecida con doazóns ilegais de empresarios e servía para pagar campañas electorais e sobresoldos a altos cargos do PP. Catro meses despois, a xustiza volve insistir en que existe esa caixa B que todo o partido negou.

As fiscais do xuízo sobre a primeira época de Gürtel, Concepción Nicolás e Concepción Sabadell, sinalaron esta semana, unha vez máis, que a caixa B do PP existiu. Sabadell, a encargada de presentar na sala as conclusións de Anticorrupción, sinalou que estaba "plena e abrumadoramente" acreditada. Remarcou esta conclusión porque, aínda que neste xuízo non se analiza a existencia desa contabilidade en negro, demostrar a súa existencia si que é fundamental para apontoar as súas elevadas peticións de cárcere para os 37 acusados.

As conclusións das fiscais remarcan o que xa dixeron durante as sesións do xuízo e o que sinalou o xuíz Pablo Ruz, que  deu por acreditada a caixa B cando pechou a instrución da causa dos papeis de Bárcenas. A pesar das constantes negativas dos integrantes do PP, que tentan borrar calquera indicio de existencia dunha caixa B, esta volve materializarse unha e outra vez por boca de xuíces e fiscais. A falta de que a sentenza do caso confirme a súa existencia, estas son algunhas claves da contabilidade opaca que o PP mantivo durante máis de dúas décadas.

Sobresoldos a altos cargos

Rajoy, declarando como testemuña no xuízo da primeira etapa do caso Gürtel

O testemuño máis claro no que se apoian as fiscais para acreditar a existencia da caixa B é o de Luis Bárcenas, quen  falou dunha "contabilidade extracontable" que comezou co seu antecesor na Tesouraría do PP, Álvaro Lapuerta. Ambos manexaron durante anos unhas contas en negro que se destaparon coa publicación dos denominados 'papeis de Bárcenas', uns apuntamentos contables que recollen como se utilizaba ese diñeiro para retribuír ás costas de Facenda os altos cargos do PP.

Entre a lista de quen recibiron eses sobresoldos figuran Rajoy, Arenas, Acebes ou Rato

Así, entre a lista de quen recibiron eses sobresoldos figuran Mariano Rajoy, Javier Areas, Ángel Acebes ou Rodrigo Rato. Todos tiveron que comparecer no xuízo como testemuñas e todos o negaron. Segundo se tira da contabilidade do ex-tesoureiro, eles e outros cargos orgánicos recibían cantidades que oscilaban entre os 5.000 e os 15.000 euros. As entregas eran mensuais e a través de sobres.

Aínda que para a Fiscalía quedase acreditada a caixa B, iso non implica que a Xustiza dea por bos os apuntamentos de Bárcenas. Os seus papeis son obxecto dun  procedemento separado no que se investigaban as entregas de diñeiro de empresarios que se ingresaban na caixa B. Pero do procedemento quedaron excluídos eses empresarios e a causa quedou reducida a un xuízo sobre o pago en negro da reforma da sede do PP.

O sistema de comisións: o 3% da obra pública

O xuízo de Gürtel tamén foi o escenario da explicación detallada do sistema que servía para nutrir a caixa B. Comezou cunha frase de Bárcenas dirixida a Francisco Correa, daquela un simple empresario provedor do PP. "Imos tentar facer xestións para cando saen os concursos públicos da Administración, tentar favorecer ou adxudicar a algúns empresarios que logo van colaborar co partido", díxolle, segundo explicou o propio Correa.

A partir de aí, Correa relatou como se organizaron esas xestións: "Reunía a un empresario que nos daba a licitación para ver se a obra podía ser para nós, eu pasáballo a Luis Bárcenas, que o xestionaba co correspondente ministerio. Se o empresario conseguía a obra, eu pagaba a comisión do 2% ou do 3% a Génova". Eran, sobre todo, obras do Ministerio de Fomento.

"Eu a Bárcenas leveille, eu fixen con el un día... imos sumar, 1.000 millóns de pesetas". Ese era o diñeiro que presuntamente nutría a caixa B

Houbo detalles escabrosos, como que Correa entraba directamente polo aparcadoiro á sede de Génova cun cartón especial, a mesma que usaban os dirixentes da formación. Nunha das gravacións clave da investigación, Correa sincérase mentres toma unhas copas con amigos: "Eu a Bárcenas leveille, eu fixen con el un día... imos sumar, 1.000 millóns de pesetas. Eu, Paco Correa, leveillo a Génova e á súa casa".

Ese era o diñeiro que presuntamente nutría a caixa B, e que logo se utilizaba para pagar sobresoldos e superar os límites orzamentarios nas campañas electorais. Pero, de onde saían esas cantidades?

Os empresarios doadores

Hai  unha longa lista de doadores á caixa B acreditada pola Fiscalía. Correa deslizou algúns nomes, como ACS e OHL, que se querelaron contra el por esas afirmacións. Os papeis de Bárcenas inclúen eses nomes e moitos outros, de grandes empresarios e construtores que achegaban diñeiro en negro ao PP para gañar vantaxe nas licitacións de grandes obras.

Na lista de supostas doazóns á caixa B acreditada pola Fiscalía figuran nomes como o do presidente de OHL, Villar Mir

Así, aparecen nomes como o de Luis del Rivero, expresidente de Sacyr Vallehermoso, Juan-Miguel Villar Mir, presidente do grupo OHL-Villar Mir, José Mayor Oreja, irmán do exministro de Interior, José Mayor, de FCC ou Alfonso García Pozuelo, o construtor arrepentido que confesou todo no xuízo de Gürtel, pero negouse a facelo na causa da caixa B. Ademais aparecen apuntamentos xunto ao nome Mercadona, propiedade de Juan Roig.

Hai máis nomes, como o presidente do Grupo Sando, José Luis Sánchez Domínguez, ou Manuel Contreras Caro, presidente de Azvy. Moitos deles foron citados a declarar ante o xuíz Ruz durante a instrución da causa dos papeis. A maioría negaron os pagos e rexeitaron a veracidade das anotacións do ex-tesoureiro.

Cartos para as campañas electorais

Evento da campaña das xerais de 2008, con Rajoy e Feijóo aínda na oposición

O diñeiro deses empresarios pagaba sobresoldos, pero ese non era o seu destino principal. O PP usaba o diñeiro para custear gastos electorais cos que gañar vantaxe na carreira ás urnas. Así o constata a Fiscalía, que acusa á formación como beneficiario a título lucrativo no xuízo de Gürtel.

Cando, en 2014, Bárcenas se presetaba máis a achegar datos, asegurou que "en todas as provincias" e comunidades autónomas existía unha caixa B para gastos electorais 

En 2014, cando Bárcenas se prestaba máis a achegar datos sobre o funcionamento da caixa B, asegurou na Audiencia Nacional que o PP sempre pagaba en negro parte das súas campañas electorais. Engadiu ademais que o sistema se descentralizou: "En todas as provincias e rexións levaba unha caixa B para as eleccións".

Citou unha campaña, a das xerais de 2004, pagada en parte con 200.000 euros entregados polo logo presidente da Cortes Valencianas, Juan Cotino. Hai evidencias que de se abonaron gastos doutras campañas para comicios á Moncloa, pero tamén eleccións autonómicas e xerais. Os arrepentidos que declararon primeiro no xuízo de Gürtel corroboraron esas prácticas, que axudaron ao PP a manter unha sucesión de maiorías nas eleccións dalgúns dos municipios máis importantes de Madrid.

Os outros destinos do diñeiro negro

A caixa B tivo outros destinos ademais dos sobresoldos dos dirixentes e os gastos electorais. O PP usou o seu diñeiro negro para, por exemplo, accións de Libertad Digital por valor de 400.000 euros. Así o certificaron catro axentes da UDEF no xuízo, que explicaron que o pago se fixo a través dunha "contabilidade allea ao circuíto económico".

Parte do diñeiro da caixa B acabou tamén no peto do actual presidente de RTVE, José Antonio Sánchez

Parte do diñeiro da caixa B acabou tamén no peto do presidente de RTVE, José Antonio Sánchez, segundo recollen os papeis de Bárcenas. Recibiu máis de 6.000 euros entre 1994 e 1995, cando era cronista parlamentario de ABC. Sánchez admitiu eses pagos e asegurou que eran a remuneración por traballos que realizara para o PP de José María Aznar, que compatibilizala co seu traballo de xornalista no Congreso.

A Fiscalía tamén defende que parte do fluxo das comisións desviouse cara ao peto do propio Bárcenas. Aínda que el defendeu durante o xuízo que a fortuna que ocultou en Suíza proviña dos seus negocios privados -especialmente da compravenda de arte-, as fiscais sosteñen que o ex-tesoureiro do PP quedaba cunha parte das comisións que cobraban el e Correa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.