0 Gardados para despois

Rajoy di descoñecer a débeda do PP galego que empresas da Gürtel lle reclamaron a el

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O 18 de abril de 2003 o empresario Álvaro Pérez, alcumado El Bigotes, dirixiu unha carta a Mariano Rajoy, na altura vicepresidente do Goberno de España e secretario xeral do PP. O responsable da empresa Orange Market, unha das filiais de Special Events, isto é, dirixente do grupo empresarial considerado cerna da rede Gürtel, dirixíase ao daquela número dous de José María Aznar para lle reclamar unha débeda contraída polo PP galego coas empresas da que despois se revelaría como trama corrupta. Pérez observaba na dirección galega do partido "unha intención clara de non pagar" e pedía a intermediación de Rajoy, quen este mércores afirmou ante o tribunal que xulga unha das pezas do caso que descoñecía tal débeda e a existencia da propia misiva.

Despois de que Rajoy, que declarou como testemuña, insistise en numerosas ocasións no seu descoñecemento dos asuntos económicos do partido e asegurase non coñecer os presuntos líderes da Gürtel alén de "saudalos" nalgún acto público un dos avogados da acusación amosou a carta, incluída no sumario. Tratábase de cuestionar o xefe do Executivo español pola súa relación cos empresarios, toda vez que no escrito Pérez atuaba a Rajoy. "Eu descoñecía esa carta" pero "se di que ma enviou, enviouma", resolveu antes de sinalar que nesas datas "eu estaba dedicado única e exclusivamente a ser candidato" ás eleccións xerais do ano seguinte. "Hai moita xente" que lle remite cartas "sobre temas moi diversos" e "en decenas" delas "trátanme de ti", xustificou.

O 'Bigotes' escribiulle a Rajoy para que "mediase" no pagamento de 120.000 euros por actos políticos en Galicia

O líder conservador di non saber desa carta -nin doutra enviada polo mesmo remitente en 2004- e, igualmente asegura "non saber da existencia" da débeda que reclamaba o Bigotes, 20 millóns de pesetas -algo máis de 120.000 euros- pendentes dunha débeda global que chegara a ascender a 46 millóns -case 277.000 euros- pola organización de actos públicos nas eleccións municipais de 1999, o "multitudinario acto do Monte Faro e o Congreso Rexional" dese mesmo ano. Cando Pérez pide a mediación de Rajoy o PP galego fora pagando a prazos as cantidades pendentes e tamén outras novas pola "realización da campaña das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2001", pero faltaban os 20 millóns do 99 que o partido adiaba "mediante disculpas e pretextos do máis variopinto", indicaba a carta. O empresario pedía a "intervención" de Rajoy porque, aseguraba, a dirección galega "aproveitábase" de que as empresas da Gürtel eran "provedoras habituais" da dirección central do partido, polo que "nunca acudiremos a un xulgado para reclamar o que é noso".

Fragmento da carta, amosada durante a declaración de Rajoy ante o tribunal da Gürtel

Rajoy defende que coñecía a Pablo Crespo "porque era de Pontevedra" e secretario de organización do PPdeG, pero a súa relación con el era "absolutamente política e nada estreita"

Pero ante o tribunal Rajoy reiterou non saber nada. "Non sei como se resolveu" o pagamento "nin teño por que sabelo" porque "as miñas funcións son políticas, non saber as débedas do partido en Galicia" nun ano, o 2003, no que a vida interna do PPdeG vivía unha etapa convulsa polas repercursións da catástrofe do Prestige, o afastamento de Xosé Cuíña do Goberno e da secretaría xeral do partido e, como parte desas mudanzas, a saída da secretaría de organización de Pablo Crespo, que permanecería como membro do consello de Administración de Portos de Galicia, xa con Alberto Núñez Feijóo como conselleiro de Política Territorial, ata o ano 2005.

Feijóo reiterou en diversas ocasións que apenas se relacionou con Crespo e o mesmo fixo Rajoy este mércores ante o tribunal que xulga o caso Gürtel. Coñecíao "porque era de Pontevedra e membro do PP galego" pero "eu xa non tiña ningunha responsabilidade en Galicia, era ministro". Naqueles anos, admite, "era deputado pola provincia de Pontevedra" e "as fins de semana ía alí para cumprir coa miña obriga"; "nalgunha ocasión estaba o secretario de organización", Pablo Crespo, pero a súa relación con el "era absolutamente política e nada estreita", resolve. "Cando o señor Crespo veu a Madrid e comezou a traballar co señor Correa non tiven ningún tipo de relación con el", asegura. Crespo foi condenado a 13 anos de cadea o pasado febreiro na primeira sentenza do caso Gürtel.

"Contestación galega"

Un dos momentos máis comentados da declaración de Rajoy ante o tribunal da Gürtel chegou durante o primeiro dos interrogatorios, o practicado polo avogado da asociación ADADE, que actúa como acusación popular. Mariano Benítez de Lugo, cuestionaba o líder popular sobre "quen pagou" unha viaxe que realizou no ano 2004 tras a súa primeira derrota electoral fronte ao PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero. "O meu partido, ata onde eu sei", respondeu Rajoy, resposta que Benítez de Lugo considerou ironicamente "unha contestación galega". "A contestación ten que ser galega porque non a podería facer riojana", repuxo Rajoy.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo sae na defensa de Rajoy: "Contou o que sabe, estamos tranquilos e satisfeitos"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, saíu este mércores na defensa de Mariano Rajoy tras a declaración do titular do Goberno de España e líder do PP como testemuña no xuízo do caso Gürtel. Preguntado ao respecto pola prensa durante un acto oficial en Ourense o xefe do Executivo galego falou no nome de "todos os que estamos co presidente Rajoy", "tranquilos e satisfeitos" co acontecido na sede da Audiencia Nacional.

"Estamos tranquilos e satisfeitos coa súa actuación e as súas declaracións", afirma Feijóo, en cuxa opinión quen, se cadra, "están un pouco decepcionados" son as persoas que "pretendían enxuizar un testigo", sinalou sen se referir a ninguén en concreto. "O estado de dereito funciona e todos os cidadáns somos iguais ante a lei", celebrou, nun contexto no que encadra a declaración na normalidade. Rajoy compareceu "tranquilamente" e "está contando o que sabe", resolveu.

PSOE e Podemos reclaman a dimisión de Rajoy 

A reacción de Feijóo chegaba case ao tempo das das forzas da oposición do Congreso e tamén en Galicia. Así, o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, considerou que tras o escoitado a Rajoy só lle resta un camiño: "dimitir"; mentres, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, reclama unha comparecencia do presidente do Goberno de España no Congreso e advirte de que "non vai dimitir", polo que insta o resto de forzas políticas a colaboraren para "botar" o PP do poder.

Villares coida que Rajoy "ignora todo e está descualificado" ou "mente", o BNG ve "retratado" un PP "trufado de corrupción"

A xuízo do voceiro de En Marea, Luís Villares, só cabe pensar que Rajoy "ignora todo ou mente; se fose o primeiro caso está claro que un presidente non pode descoñecer o que sucede baixo a súa responsabilidade" e es está a mentir, "queda descualificado". Dende o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, viu na declaración "prepotente" de Rajoy un "retrato do PP trufado de corrupción", un "predicible insulto á intelixencia" que considera "propia de quen pensa que está por riba da lei".

Pola banda da dirección central do PP o seu voceiro, Rafael Hernando, combinou a defensa do seu xefe de filas cunha dura crítica contra Sánchez e Iglesias por pediren a dimisión de Rajoy. O líder do PSOE, considera, "perdeu o xuízo" e debera deixar de "facer o ridículo" fronte á "impecable" comparecencia do conservador. Sobre Iglesias, pola súa banda, advirte de que a única explicación que "agardan os españois" é a do financiamento de Podemos, os "mamporreros do chavismo".