0 Gardados para despois

O xefe policial do caso Gürtel sinala Galicia como un dos territorios máis vinculados á trama

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Galicia foi unha das comunidades autónomas máis vinculadas á Gürtel, trama de corrupción pola que o PP se financiou ilegalmente e repartiu sobresoldos entre os seus dirixentes durante anos, tal e como acreditan varias investigacións xudiciais. Asegurouno o inspector xefe na Unidade de Delitos Económicos e Fiscal (UDEF) e responsable policial do caso, Manuel Morocho, durante a súa comparecencia na comisión de investigación do financiamento irregular dos populares no Congreso. 

O xefe policial do caso Gürtel cita Madrid, Comunitat Valenciana, Galicia e Castilla y León como as autonomías máis salpicadas pola trama

Certificouno a preguntas da deputada de ERC, Ester Capella, que lle pediu que confirmase se os principais gobernos autonómicos cos que se relacionaban os líderes da Gürtel eran os de Madrid, Valencia e Galicia. "E Castilla y León, tamén", engadiu Morocho, que ante a cuestión sobre se a comunidade galega, a valenciana e a madrileña eran "as máis importantes" dentro da trama, aclarou que, con todo, "onde houbo máis incidencia foi en Madrid e na Comunitat Valenciana". 

Foi na mesma comparecencia na que o inspector xefe na Unidade de Delitos Económicos e Fiscal (UDEF), Manuel Morocho, responsable policial do caso Gürtel, indicou que existen indicios claros -"indiciariamente", dixo- de que o presidente do Goberno central recibiu pagos da caixa B do PP que manexaba o tesoureiro Luis Bárcenas. Refírese aos 35 apuntamentos dos papeis de Bárcenas que xuntan un total de 322.231 euros. 

O inspector xefe da UDEF asegura que hai indicios de que Mariano Rajoy cobrou da caixa B do PP

Na súa comparecencia deste martes na comisión de investigación do Congreso sobre o presunto financiamento irregular do PP, Morocho respondeu a preguntas da deputada de Unidos Podemos Carolina Bescansa que cargos como Federico Trillo, Francisco Álvarez Cascos, Mariano Rajoy e o conxunto dos secretarios xerais do PP atópanse "indiciariamente" entre os que recibiron ingresos procedentes da caixa B do PP, tal e como reflicten os papeis de Bárcenas.

Morocho, que definiu a Gürtel como "corrupción en estado puro", indicou tamén que o diñeiro ao que se refiren os papeis de Bárcenas "probablemente estea a roldar" entre os 4 e 6 millóns de euros. Con todo, o Goberno central xa se encargou de restarlle importancia ás palabras do inspector xefe da UDEF. O ministrode Xustiza, Rafael Catalá, destacou que o comparecente falara de indicios e convidou a agardar unha sentenza definitiva. 

Pablo Crespo, ex-número 3 do PPdeG e un dos líderes da trama Gürtel / CC-BY-SA Marta Jara / eldiario.es

A relación entre o PP de Galicia e a Gürtel foi evidente desde o seu inicio. O propio Morocho lembrou na comparecencia que esta trama corrupta comezou a súa actividade delictiva "nos anos 90". Naquela altura, un dos líderes desta organización criminal, Pablo Crespo, era o número 3 do PPdeG e secretario de Organización da formación política. Foino ata 2003 pero os seus esforzos organizativos levaban tempo na xestión do diñeiro B e na consecución de fondos para a trama e, en consecuencia, para o PP. 

Morocho definiu a trama Gürtel como "corrupción en estado puro"

Nese 2003, Álvaro Pérez, o Bigotes, responsable da empresa Orange Market, unha das filiais de Special Events, isto é, dirixente do grupo empresarial considerado cerna da rede Gürtel, dirixíase a Mariano Rajoy para lle reclamar unha débeda contraída polo PP galego coas empresas da trama corrupta que ratificou o propio Crespo. Observaba na dirección galega do partido "unha intención clara de non pagar" e pedía a intermediación de Rajoy, quen o pasado mes de xullo afirmaba ante o tribunal que xulga unha das pezas do caso que descoñecía tal débeda e a existencia da propia misiva.

O 'Bigotes' escribiulle a Rajoy para que "mediase" no pagamento de 120.000 euros por actos políticos en Galicia

O líder conservador di non saber desa carta -nin doutra enviada polo mesmo remitente en 2004- e, igualmente asegura "non saber da existencia" da débeda que reclamaba o Bigotes, 20 millóns de pesetas -algo máis de 120.000 euros- pendentes dunha débeda global que chegara a ascender a 46 millóns -case 277.000 euros- pola organización de actos públicos nas eleccións municipais de 1999, o "multitudinario acto do Monte Faro e o Congreso Rexional" dese mesmo ano. Cando Pérez pide a mediación de Rajoy o PP galego fora pagando a prazos as cantidades pendentes e tamén outras novas pola "realización da campaña das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2001", pero faltaban os 20 millóns do 99 que o partido adiaba "mediante disculpas e pretextos do máis variopinto", indicaba a carta. O empresario pedía a "intervención" de Rajoy porque, aseguraba, a dirección galega "aproveitábase" de que as empresas da Gürtel eran "provedoras habituais" da dirección central do partido, polo que "nunca acudiremos a un xulgado para reclamar o que é noso".

 

Presións do PP sobre a UDEF

Alén disto, durante a súa comparecencia no Congreso, Morocho lamentou as presións e querelas coas que se tratou de "desestabilizar" esta instrución e recoñeceu que bota en falta a creación dun "organismo central de loita contra a corrupción" que permita gañar en eficacia nas investigacións xudiciais.

Morocho denunciou as presións e querelas coas que se tratou de "desestabilizar" a instrución xudicial

O alto cargo policial lembrou o sete querelas que interpuxeron contra el diferentes dirixentes do PP descontentos coa investigación desenvolvida pola UDEF no marco do caso Gürtel.

Segundo este inspector da Policía condecorado por Gobernos do PSOE e do PP e formado na FBI, España debería facer caso ás recomendacións de institucións internacionais e crear unha oficina central que "aglutine a diferentes axencias" para dar soporte aos órganos xudiciais, gañando en eficacia coa redución de prazos e a profundización nos aspectos "máis complexos".

Este organismo, subliñou, precisaría de dotación orzamentaria, recursos humanos e "independencia no seu funcionamento". Morocho lembrou, a preguntas dos grupos parlamentarios, que todas as denuncias que recibiu dos investigados en Gürtel foron arquivadas. "O obxectivo era moi claro", dixo, "desestabilizar a investigación".

Tamén se referiu ás "limitacións" que padecen as testemuñas protexidas e denunciantes de casos de casos de corrupción. "Necesítase empoderar cargos como o do interventor dun concello e establecer canles para que unha conduta corrupta teña unha canle segura de denuncia", sostivo.

O inspector Morocho explicou que non podía pronunciarse en detalle sobre cuestións que aínda non foran xulgadas, remitíndose aos informes policiais en poder do tribunal que na actualidade xulga a denominada etapa de Gürtel I (1999-2005). O deputado do PP Juan Bueno reprochou aos grupos parlamentarios que tratasen de utilizar o Congreso para emitir "sentenzas propias dos tribunais de xustiza" e PSOE, Unidos Podemos e ERC protestaron ao entender que o PP estaba "a ameazar" ao comparecente aludindo ao Código Penal.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

O policía Manuel Morocho sinala os territorios máis ligados á trama Gürtel na comisión que investiga no Congreso o financiamento irregular do PP en resposta á deputada Ester Capella, de ERC.

Imaxes do sinal institucional fornecido polo Congreso dos Deputados

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.