As tres formacións da oposición parlamentaria galega pediran xa tras a vaga de incendios que arrasou case 50.000 hectáreas en apenas dous días a dimisión do máximo responsable da Xunta en materia de montes, Tomás Frenández Couto. Tras coñeceren este xoves que, como adiantou Praza.gal, o director xeral de Ordenación Forestal está a ser investigado -antiga imputación- por presuntas irregularidades na adxudicación dos helicópteros contra incendios, En Marea, PSdeG e BNG reiteran o seu receo cara ao alto cargo e, ademais, únense para pedir que a conselleira do Medio Rural dea explicacións ao respecto no Parlamento.
Os voceiros das tres formacións da banda esquerda da Cámara, Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón, asinan conxuntamente unha petición urxente de comparecencia para que Ángeles Vázquez "explique" en pleno "as medidas que ten previsto adoptar ante a imputación" de Fernández-Couto, que acumula 17 anos no cargo con rango de director ou secretario xeral -foi nomeado en 1996 e só estivo fóra do posto durante o mandato da coalición de socialistas e nacionalistas-.
En Marea, PSdeG e BNG concordan en que a revelación da investigación a Fernández-Couto é "un motivo máis" para que teña que abandonar a Xunta. O alto cargo, lembra Villares, debe "asumir os erros cometidos ata agora" na súa política forestal, na "desastrosa xestión da vaga de lume do domingo negro" e agora, tamén, a responsabilidade política polas presuntas irregularidades. Tamén Leiceaga pedira ante o presidente a marcha de Fernández-Couto e agora o voceiro socialista en materia de agricultura, José Antonio Quiroga, esixe "explicacións claras e convincentes" á conselleira por este procedemento xudicial. A imputación, di, "acaba coa paciencia dos galegos e galegas, fartos da xesitón imprudente e temeraria do Goberno" neste ámbito.
En Marea, PSdeG e BNG reiteran a Feijóo e á conselleira a esixencia de dimisión de Fernández-Couto que xa formularan tras a vaga de incendios
Pola banda do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, concorda en que a investigación xudicial a Fernández Couto avanzada por este diario "dá un argumento máis á solicitude de cesamento inmediato do director xeral", "un dos homes de máxima confianza" do presidente que "non pode seguir no cargo". "Hai que lembrar -resalta a líder do Bloque- que o propio Bloque solicitou unha auditoría en 2015 sobre estas contratacións" despois de que o Consello de Contas detectase irregularidades nelas, "e o que tivemos foi opacidade".
"A Feijóo acábanselle os argumentos", agrega Pontón, quen reitera a reclamación de "investigar todo o relacionado coa vaga de incendios" en sede parlamentaria. Neste sentido, aposta por empregar a capacidade que ten a oposición de activar unha comisión de investigación por lexislatura sen o apoio da maioría para abrila se, como ata agora, o PP segue a negarse.