A Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), con varias galegas nela, reclamará aos gobernos de España e Portugal que impulsen esa figura na próxima Cimeira Ibérica
A Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), que agrupa organismos de toda a Península e da que forman parte cinco entidades con presenza en Galicia, proporá na próxima Cimeira Ibérica a creación dun ente coordinador das emerxencias “con mando sobre os recursos dos dous países para a loita contra o lume e con capacidade de resposta inmediata”. Así o acordaron as entidades da rede na súa asemblea xeral celebrada este martes en Moguer (Huelva), na que se aprobou un documento que se transmitirá aos gobernos dos dous estados coas “prioridades que a fronteira ten para o seu desenvolvemento socioeconómico” para a cimeira que celebren en 2018.
A idea concretaríase, segundo informou este martes o Eixo Atlántico de Cidades de Galicia e o Norte de Portugal, membro destacado da RIET, na creación dunha “cooperativa europea coparticipada polos gobernos dos dous países, as comunidades autónomas e entidades asimilables de Portugal, os concellos e as redes representativas de cooperación, que xestionarían directamente a prevención e combate contra os incendios”. O Eixo Atlántico lembra que esa é unha das súas prioridades políticas aprobadas na reunión da súa comisión executiva do pasado 9 de novembro e que a Rede Ibérica asumiuna como propia. Xunto co Eixo Atlántico, da RIET tamén son membros outras entidades con presenza en Galicia como a Eurocidade Verín-Chaves, a Universidade de Vigo e as Confederacións de Empresarios de Pontevedra e de Galicia.
Por outra banda, as entidades da RIET avaliaron os resultados da Cimeira Ibérica de 2017 celebrada en maio en Vila Real, da que din que “se ben os resultados distan de cubrir as expectativas da Fronteira, si supuxo un cambio de tendencia” que se concreta nunha maior atención aos axentes económicos e sociais que viven nos territorios de fronteira fronte as relacións das capitais entre si.
O alcalde de Viana do Castelo, José Maria Costa, é o novo presidente da RIET
A asemblea da RIET, na que participou como convidado o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, tamén elixiu o alcalde de Viana do Castelo, José Maria Costa, como novo presidente da rede. Costa é tamén presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico e presidente da delegación portuguesa no Comité das Rexións da UE. Igualmente, a asemblea ratificou a adhesión como membros da Universidade de Évora e do Politécnico de Leiría, co que a RIET está formada actualmente por 8 entidades transfronteirizas, 9 asociacións empresariais e 10 universidades ao longo de toda a fronteira entre España e Portugal.