- HEMEROTECA | As vías galegas obrigan a ter os trens de mercadorías máis curtos de España malia o investimento dos últimos anos
- Os empresarios de Pontevedra cargan contra o ministro pola súa “falta de firmeza”
- Novos atrasos no plan de mellora urxente do FEVE
A Autovía do Cantábrico (A-8) e non o ferrocarril de mercadorías será a prioridade do Goberno central e a UE á hora de orientar investimentos comunitarios en materia de infraestruturas cara o noroeste peninsular durante polo menos a próxima década. Así o ratificou onte o propio ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, nunha reunión cos responsables europeos do denominado Corredor Atlántico da rede transeuropea de infraestruturas.
O Goberno aspira a incluír a A-8 dentro das infraestruturas intelixentes da UE para o período de orzamentos comunitarios 2021-2027 pero relega o ferrocarril de mercadorías máis alá
Os orzamentos comunitarios planifícanse para períodos de sete anos, de xeito que no período actual, o 2014-2020, estanse a fixar as prioridades para o período 2021-2027 a partir da definición das grandes redes transeuropeas de transportes, que serán as que captarán o groso dos investimentos. Galicia aspiraba a verse integrada no denominado Corredor Atántico ferroviario, que na súa definición actual cruza a península desde Francia cara Lisboa sen tocar o noroeste peninsular. Para iso, formou con Asturias e Castela e León un grupo de presión que o pasado 9 de outubro escenificou a súa reivindicación cun acto na Cidade da Cultura. Un mes despois, Fomento vén de tirar por terra as súas aspiracións.
O anuncio de Fomento prodúcese un mes despois de que Galicia, Asturias e Castela e León escenificasen a súa unidade nun acto na Cidade da Cultura
A aposta do Goberno central e a UE para o noroeste peninsular non será a súa inclusión no Corredor Atlántico ferroviario de mercadorías senón no de estradas, coa A-8 como vía principal para os camións. A autovía está rematada, pero a súa utilidade para Galicia está moi condicionada polo trazado elixido, no que a néboa condiciona a circulación mentres o Goberno vén adiando as probas dos inventos que poderían paliar o seu efecto. Nesa liña, a A-8 podería beneficiarse de que a UE primará para os próximos anos nos seus investimentos as denominadas infraestruturas intelixentes, que no caso das estradas pasan pola implantación de sistemas de xestión do tráfico, plataformas loxísticas ou infraestruturas de subministro de combustibles sostibles.
O obxectivo agora desvelado por Fomento é que a A-8 poida incorporarse ao Corredor Atlántico europeo e captar fondos comunitarios no período 2020-2027. Porén, malia que é precisamente no noroeste onde menos capacidade ten a rede para o transporte de mercadorías, o modo ferroviario non será revisado ata a negociación “prevista para 2023, que culminará en 2027”.