0 Gardados para despois

As "nove hectáreas de impunidade fascista" en Meirás, denunciadas na Eurocámara

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Bruxelas - Enviado especial

"Nove hectáreas de impunidade fascista en Europa". Así resumiu no Parlamento Europeo o investigador Carlos Babío as razóns que levan a organizacións políticas e sociais galegas a esixir que a familia de Franco sexa expulsada do Pazo de Meirás e, por extensión, a demandar a ilegalización da Fundación Francisco Franco, reclamación que dende este martes xa avanza cara á comisión de peticións da Eurocámara -órgano parlamentario que canaliza iniciativas cidadás- impulsada polo BNG e asumida pola eurodeputada letoa Tatjana Ždanoka, que agora rexistará formalmente a iniciativa redactada pola voceira do Bloque no lexislativo comunitario, Ana Miranda.

Tras a xornada organizada na sede da Eurocámara en Bruxelas este 20 de novembro sobre as pegadas do franquismo 42 anos despois da morte do ditador, Miranda promoveu este martes un encontro entre Ždanoka e os investigadores que están a ultimar, coa forma de libro, a divulgación das súas pescudas históricas sobre o "espolio" de Meirás, un recinto histórico que é máis ca un pazo, sinalou Babío, toda vez que tornou "nun dos símbolos do Réxime" e dos anos posteriores ao falecemento de Franco. Non en van, lembra, apenas catro días despois de que Xoán Carlos de Borbón asumise o título de rei, Carmen Polo foi nomeada "señora de Meirás con grandeza de España", solemnizando así a suposta propiedade de deixando claro que "en Meirás non hai Transición".

Os investigadores lembran que apenas catro días da morte do ditador a súa dona foi nomeada "señora de Meirás"

O feito de que a familia encomendase a xestión das visitas á fundación dedicada a honrar a memoria do militar golpista conecta, ao xuízo do BNG e dos investigadores, a reclamación da devolución de Meirás coa petición de que esta entidade sexa ilegalizada. A aposta, sinala Miranda, é tentar demostrar que os valores que defende este colectivos son contrarios á normativa europea en materia de dereitos humanos, toda vez que se dedica a enxalzar a ditadura e a represión que trouxo consigo.

A aposta da reclamación impulsada por Miranda (BNG) é demostrar que a legalidade da Fundación Franco colide coa normativa europea en materia de dereitos humanos

Eses actos represivos, explicou ante Ždanoka o profesor de Historia Contemporánea da USC Emilio Grandío, enmarcábanse na mesma lóxica que a propia entrega de Meirás a Franco presentando como doazón o que realmente foi unha compra sufragada, en boa medida, con achegas económicas forzosas da poboación. "Unha democracia parlamentaria converteuse nunha Administración particular" baseada na "lexitimidade da vitoria" do alzamento fascista. Tras a "represión económica nun contexto bélico", agregou o historiador sadense Manuel Pérez Lourenzo, chegaron case corenta anos nos que a Administración do Estado sufragou os gastos do pazo "como se fose público", aínda que a súa propiedade quedou nas mans de Carmen Polo e agora, da súa filla, cando o ditador morreu.

Coa entrega da reclamación de ilegalización da Fundación Franco, realizada por Miranda e pola edil de Benestar do Concello de Sada, Isabel Reimúndez, comeza un camiño no que o primeiro paso é agardar pola aceptación ou non da solicitude de debate na comisión de peticións, que no pasado xa abordou asuntos referidos a Galicia como a contaminación das rías -proceso que culminara cun controvertido informe- ou o accidente de Angrois. Os prazos da Eurocámara provocarán que, previsiblemente, o asunto estea aínda a tramitarse cando Ana Miranda volva tomar posesión a comezos de 2018 como eurodeputada no marco do acordo da coalición Os pobos deciden, pasando a ocupar o escano dende o que actualmente exerce Josu Juaristi (EH-Bildu).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.