- Os populares atacan a campaña 'En negro contra as violencias machistas' por "reducir as mulleres a un triángulo"
- Feijóo cuestiona se o BNG está “no bando dos maltratadores ou das mulleres”
O pasado sábado 4 de novembro o PP rexistrou unha iniciativa no Parlamento "sobre a intensificación pola Xunta de Galicia da colaboración coas entidades locais integrantes da Rede de concellos en contra da violencia de xénero". Fíxoo pola vía de urxencia, un mecanismo que permite axilizar a súa tramitación, xustificándoo na "necesidade de que o Parlamento se manifeste canto antes sobre este tema". Os prazos parlamentarios provocaron, non obstante, que a proposición non fose incluída no pleno seguinte, o dos días 7 e 8, senón na sesión ordinaria desta semana, acabando por ser aprobada este mércores, 22 de novembro. Ou, o que é o mesmo, unha semana despois de que a Xunta e os concellos asinasen un acordo que inclúe, literalmente, as mesmas propostas que o PP presenta como iniciativa súa.
O mércores día 15 a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o presidente da Federación Galega de Municipios e provincias, Alfredo García, asinaron un protocolo para "renovar a colaboración" das Administracións local e autonómica "na loita contra a violencia de xénero". Tratábase, nomeadamente, dun protocolo para "impulsar" a Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, creada en 2012 en virtude doutro acordo do Goberno galego e a organización municipalista e da que xa forman parte 178 entidades locais.
A iniciativa do PP reproduce un treito do acordo asinado por Igualdade coa Fegamp o pasado día 15
No seu apartado terceiro o texto asinado detalla as accións conxuntas que Igualdade e os municipios poden realizar en materia de sensibilización, información, formación e asistencia ás vítimas. O texto é idéntico ao aprobado polos populares este mércores no pleno, en cuxa orde do día foi introducido definitivamente o día 14, vinte e catro horas antes da sinatura do devandito protocolo.
Con este pano de fondo o PP, a través da súa deputada María Ángeles García, defendeu dende a tribuna do Pazo do Hórreo unha iniciativa para instar a Xunta a asinar un acordo que leva asinado unha semana. O feito de que os conservadores presenten como seu "literalmente, coma por coma, faltas de ortografía incluídas" un acordo que xa está en vigor foi advertido pola deputada do BNG Noa Presas, quen di "non poder crer" que "o grupo político do Goberno, con 41 deputados e deputadas, traia ao Parlamento esta falta de respecto". "Na oposición cometemos erros, moitísimos, pero isto non pode ser aleatorio; é unha tomadura de pelo" que non se corresponde coa "seriedade" que, di, debera caracterizar a abordaxe da violencia machista por parte da Xunta.
Presas (BNG): "É unha falta de respecto; cando se decidan a tomar en serio o Parlamento estaremos aí para falar"
"Cando se decidan a tomar en serio o Parlamento estaremos aí para falar", advertiu Presas, para quen "o prioritario segue sendo avanzar na protección" das vítimas e no "tratamento" e prevención das agresiósn machistas, ámbito no que, concorda, tamén "hai que mellorar" as mesas locais de coordinación. Pola banda do PP a autora da proposta mantívose na súa postura e atribuiu a acusacións de Presas a que a deputada do BNG "non preparou o tema, non leu o tema e non sabe ou non coñece o tema". En calquera caso, mantén, para o PP "a carnaza política non toca nun tema como a violencia de xénero" e tampouco a "loita partidista". Finalmente a iniciativa saíu aprobada cos votos do PP, mentres que toda a oposición optou pola abstención por, precisamente, propoñer unha iniciativa que xa está vixente.
Acordo da Xunta e da Fegamp, asinado o día 15, e iniciativa impulsada polo PP, aprobada este día 22