Feijóo mantén a supresión de áreas sanitarias no proxecto de Lei de Saúde que remite ao Parlamento

Protesta en Burela contra a nova Lei de Saúde CC-BY-NC-SA Xunta Persoal área A Mariña

O pasado domingo varios milleiros de persoas saíron á rúa en Vilagarcía en protesta contra a intención da Xunta de suprimir a área sanitaria do Salnés e integrala na de Pontevedra. O mesmo fixeran antes outros varios milleiros de persoas en Monforte, ou na Mariña, áreas que se integrarán na de Lugo. Malia esas mobilizacións, este xoves o Consello da Xunta aprobou de xeito definitivo o proxecto de Lei de Saúde que reorganiza a estrutura sanitaria de Galicia e remitiuno ao Parlamento, onde o PP ten maioría absoluta, para a súa aprobación mantendo no seu texto esa supresión de áreas tan contestada.

Ante as protestas sociais, o Goberno galego publicita a súa nova Lei de Saúde asegurando que “blinda por lei a existencia dos hospitais comarcais coa creación de 14 distritos” e salienta que “por primeira vez, unha norma con este rango establece que ten que haber un hospital de referencia en cada distrito”. “Ningún goberno poderá diminuír ou eliminar un hospital comarcal en Galicia se non é por lei e por autorización parlamentaria”, salientou este xoves Feijóo. Isto é, a Xunta garante que non pensa derrubar os hospitais que hai construídos, pero continúa adiante co seu plan para reducir a sete as áreas sanitarias (A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) e establece os distritos, ata un total de 14, “como divisións das áreas”.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou como cambio a respecto da versión inicial do proxecto de lei que as novas áreas sanitarias inclúen nos seus nomes os topónimos das vilas que deixan de ter a súa propia área. Ao tempo, asegurou que o Sergas seguirá a traballar para achegar ao ámbito local todos os servizos sanitarios que poida.

A Almuiña preguntóuselle como explica as protestas, ao que respondeu poñendo como exemplo das bondades da nova norma que os hospitais de Barbanza e Cee aparecen por primeira vez na normativa ou que nos últimos anos se crearon consultas de oncoloxía na Mariña e Monforte que antes non existían. “Hai sete anos xa se dícía que se ían pechar hospitais comarcais e agora din o mesmo”, sentenciou, para engadir que os hospitais comarcais só verán incrementados os seus servizos.

A Xunta tenta contrarrestar a contestación cidadá asegurando que a norma “blinda por lei a existencia dos hospitais comarcais” e introducindo máis topónimos nos nomes das sete áreas que quedarán

A Xunta defende a reorganización como vía para "unha coordinación entre primaria e hospitalaria máis efectiva". No entanto, persoal do Sergas, sindicatos, a oposición parlamentaria e os gobernos locais das zonas non dirixidos polo PP ven nela unha nova vía para reducir e precarizar servizos fóra das cidades. As reivindicacións coinciden nas plataformas, as xuntas de persoal, os sindicatos e a oposición parlamentaria. Todos ven no anteproxecto de reforma da Lei de Saúde unha porta aberta a máis recortes. Ademais, insisten en que con menos medios nos hospitais comarcais a alternativa para milleiros de pesoas é desprazarse a Lugo, Ourense ou Pontevedra ou mesmo optar por medios privados. Ao tempo, advirten do risco de precarización e marxinación dos centros de saúde de futuros distritos, unhas consecuencias das que xa avisan desde hai tempo en concellos máis afastadas.

Vista dun intre da manifestación en Monforte Dominio Público Pladesapu Monforte
Masiva manifestación no Barco CC-BY-SA BNG Valdeorras
Manifestación en Vilagarcía o pasado domingo contra a supresión da área sanitaria Dominio Público @juliotq

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.