0 Gardados para despois

Fomento di ter "compromiso" co AVE de Lugo a Ourense que xa desbotou construír

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A prometidísima conexión entre Ourense e Lugo cunha liña de alta velocidade non se vai construír. O Ministerio de Fomento certificouno de vez nos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, a Xunta deu en asumilo mesmo por escrito e a empresa pública Adif actuou en consecuencia con esta decisión política, aparcou o proxecto e lanzou obras de renovación da liña convencional que se suman aos escasísimos avances previos. No entanto, periodicamente regresan as declaracións e anuncios ao respecto, xeralmente dende o ámbito dos partidos. No entanto, a última promesa vén de chegar dende o propio Ministerio que desbotou o proxecto, que afirmou no Congreso manter o "compromiso" co AVE a Lugo.

Margarita Pérez Herráiz, deputada do PSdeG por Lugo, trasladou este martes á comisión de Fomento da Cámara Baixa unha batería de preguntas sobre os compromisos ferroviarios pendentes do Goberno de España coa cidade da Muralla, tanto no que atinxe á rede ferroviaria como a outra promesa recorrente, a estación intermodal. Pola banda do departamento de Íñigo de la Serna respondeu o secretario de Estado de Infraestruturas, Manuel Niño, quen asegurou que o Goberno de Rajoy "está comprometido coa chegada da alta velocidade a Lugo". "Dende logo, pódolle reiterar o compromiso coa alta velocidade e coa estación intermodal por parte do Ministerio" e por iso "vanse desenvolver as accións no futuro", dixo sen achegar máis datos.

O Ministerio desbotou esta liña nos Orzamentos de 2017 e Adif xa lanzou as obras alternativas

"Antes de gobernar ao PP todo lle parecía pouco e agora, un pouco resúltalles demasiado", acusou Pérez Herráiz, quen censura que os conservadores se limiten "a xerar confusión" mentres os atrasos continúan. "Non queremos unha estación faraónica", como afirma o Executivo central, di, "pero tampouco queremos modernizar as vías e reducir os tempos de conexión con Ourense", senón "a conexión por alta velocidade entre Lugo e Ourense que estaba prevista". 

Santos (PSdeG) dá por constatado "que non vai haber AVE a Lugo e que o PP engana e despreza os lucenses"

Fronte ás reclamacións da socialista o alto cargo de Fomento conclúe que "mal non debemos estar facéndoo", porque "o número de viaxeiros se está incrementando" na actual estación lucense, di mentres esgrime a suba do 45% entre 2012 e 2015 ou o 8% acumulado no último ano, cifras resultantes fundamentalmente da chegada a Lugo os Alvia que conectan con Madrid. Ademais, gábase, o seu departamento está "completando as obras da variantes da Pobra de San Xiao", sete quilómetros cuxa construción se prolongou durante máis de 11 anos.

Feijóo chegara a prometer a construción do treito de alta velocidade de Lugo a Ourense "con cartos da Xunta"

O debate entre Niño e Pérez Herráiz foi seguido na propia comisión polo voceiro da Deputación de Lugo e novo secretario xeral do PSdeG na provincia, Álvaro Santos, quen dá por constatado que "non vai haber AVE en Lugo e que o PP engana e despreza os lucenses coa chegada da alta velocidade". "Levan seis anos mentindo sobre o Pacto do Obradoiro -que fixara a conexión con Madrid en 2015-, mentiron sobre o proxecto da intermodal" e "non recollen ningunha partida" nas contas do Estado. Ao cabo, agrega Santos, "hai unha clra estratexia que enterra a esperanza de que chegue o AVE a Lugo" e o tren na cidade e o conxunto da provincia "morre lentamente".

Esta conexión ferroviaria fora un dos eixos da campaña electoral do PPdeG en 2009, que acabou coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia. O propio Feijóo dera en prometer que, no caso de que Fomento renunciase á liña, esta sería construída "cos cartos da Xunta". Anos despois a promesa foi reciclada, mantendo o anuncio pero xa sen comprometer orzamento do Goberno galego.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.