O Goberno de Rajoy transferiu competencias a sete autonomías mentres a Galicia "non se podía"

Rajoy, con Feijóo na celebración da súa toma de posesión en novembro de 2016 © Xoán Crespo

"Galicia volvería poñer enriba da mesa todas esas peticións de transferencias de novas competencias que antes o Goberno socialista e logo tamén é certo o Goberno do PP decidiu que non se podían facer". Este resumo do muro co que nos últimos anos bateron as reclamacións de traspaso das competencias á Xunta non procede de ningún dos grupos da oposición parlamentaria. Realizouno hai poucos días o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, nunha entrevista na TVG. O número dous de Alberto Núñez Feijóo admitiu que o bloqueo do autogoberno que dura case unha década se debe, fundamentalmente, á negativa do Goberno de Mariano Rajoy a amplialo. Non agregou, así e todo, que nese mesmo período as transferencias competenciais continuaron fluíndo cara a outros territorios.

Nos últimos anos as explicacións para o feito de que Galicia non sumase ningunha competencia nova dende 2008 foron diversas. Mentres o PSOE permaneceu no Goberno de España, o PPdeG e o propio Feijóo atribuíron a ausencia á "falta de sensibilidade con Galicia" do gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero, que viñan sumar aos efectos do Goberno de coalición de PSdeG e BNG en Galicia entre 2005 e 2009, un "antídoto para o autogoberno". Dende que Mariano Rajoy chegou a La Moncloa, o máis habitual foi aludir a motivos económicos para explicar a parálise, ademais de agregar que o modelo de negociación política para transferir novas competencias estaba "esgotado".

Rueda revelou que "o Goberno do PP decidiu que non se podían facer" máis traspasos a Galicia

Así e todo, esta explicación comezou a esvaer cando, xa sen maioría absoluta no Congreso, os de Rajoy bloquearon ata en dúas ocasións a transferencia da xestión da autoestrada AP-9 baseándose en informes con cálculos económicos erróneos. O Goberno do PP, como agora admitiu Rueda, "decidiu que non se podían facer" máis traspasos a Galicia, pero esa decisión aplicábase mentres, malia á crise, si fluían algúns traspasos cara a Andalucía, Canarias, a Comunitat Valenciana, Balears, Castilla y León, Castilla-La Mancha e Madrid, tal e como consta na base de datos da Secretaría de Estado de Administracións Públicas.

Mentres tivo maioría absoluta o gabinete de Rajoy mantivo aberta a vía dos traspasos para Andalucía, Canarias, Comunitat Valenciana, Balears, Madrid e as dúas Castelas

Sempre atendendo a esta mesma base de datos, o gabinete de Rajoy aprobou para estas autonomías mentres contou con maioría absoluta un total de 16 traspasos que implicaron a transferencia de 336 traballadores e un "custo efectivo" de 11,5 millóns de euros. Este importe corresponde fundamentalmente cos 10,7 millóns de euros achegados á Junta de Andalucía para completar a transferencia dun hospital militar en Cádiz e mais para ampliar competencias que xa exercía en materia de conservación da natureza.

Para negociar estas transferencias o Goberno de Rajoy mantivo ata 14 xuntanzas en Comisión Mixta cos respectivos gobernos autonómicos. Celebrou, concretamente, catro xuntanzas con Castilla y León, dúas con Andalucía, Canarias e Madrid e unha xuntanza coa Comunitat Valenciana e mais Castilla La Mancha. Dende que o PP ostenta o Goberno de España nunca se reuniu a comisión bilateral Galicia-Estado para abordar novas transferencias de competencias.

Comisión bilateral Galicia-Estado, aínda co Goberno de Zapatero © Xunta

As competencias que a Xunta do PP reclamaba a Zapatero

Ao retornar á Xunta o PP dixo estar disposto a negociar os traspasos de competencias como o tráfico ou as autoestradas AP-9 e AP-53, entre outras

De "parálise" nos traspasos competenciais falaba, precisamente, o propio Goberno galego en outubro de 2009, apenas seis meses despois da chegada de Núñez Feijóo á Presidencia. Tras desdeñar na campaña electoral daquel ano as competencias logradas polo Executivo de coalición de socialistas e nacionalistas -só doce "traspasiños", mofárase o actual vicepresidente-, o propio Rueda trasladara ao Consello da Xunta un informe no que, sobre a base do paquete de 70 competencias pendentes que o Parlamento aprobara reclamar por unanimidade, priorizaba "nunha primeira fase" un total de 17, ás que engadía "outras dez materias sobre as cales a Xunta quere iniciar as negociacións para lograr un traspaso".

Competencias reclamadas polo Goberno galego o 8 de outubro de 2009, na referencia pública do Consello celebrado esa xornada CC-BY-NC-SA Praza Pública

Entre as competencias que o daquela novo Goberno do PP dicía estar disposto a reclamar figuraban as que xa comezar a negociar o Executivo da esquerda, como as relativas a museos, bibliotecas e a inspección de traballo. Xunto a elas, incluía as relativas á xestión do dominio público marítimo-terrestre  ou a ordenación do sector pesqueiro, pero tamén outras de maior peso político, a comezar polas competencias en materia de tráfico e seguridade viaria -que implicarían despregar a incumprida lei de Policía, demanda que fracasou de vez en 2010- e as autoestradas AP-53 e AP-9. No caso da Autoestrada do Atlántico, a demanda saíu avalada ata en dúas ocasións pola unanimidade do Parlamento nos últimos anos, pero o Goberno de Rajoy impediu que se tramitase no Congreso e a Xunta renunciou á negociación política para tentar lograla.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.