A 'tregua' electoral está a finalizar. O 2017 foi en Galicia o primeiro ano sen chamada ás urnas tras un intensísimo trienio e aínda que neste 2018 tampouco se celebrará -agás sorpresa maiúscula- comicio ningún, as forzas políticas -moi especialmente o PP- teñen xa en marcha as súas maquinarias coa vista posta nas municipais de maio de 2019 entre ecos das eleccións catalás de decembro. Neste marco encádrase o novo ruxerruxe sobre un eventual paso de Alberto Núñez Feijóo á política estatal e no mesmo, o cuestionamento do sistema parlamentario vixente que o presidente da Xunta realizou aproveitando a súa estancia deste martes en Madrid. Agora tanto ten "gañar ou perder", dixo.
Vinte e catro horas despois de non acudir á Xunta Directiva na que Mariano Rajoy explicou o seu plan para "rearmar" o partido tras o pau catalán e fronte ao ascenso demoscópico de Ciudadanos, Feijóo despregou unha intensa axenda madrileña que incluíu xuntanzas cos ministros de Facenda, Sanidade e Agricultura, a participación en actos vinculados á feira turística Fitur e intervencións en varios medios de comunicación. Unha delas foi unha entrevista en Televisión Española, onde o actual xefe do Goberno galego teimou en cuestionar as actuais regras electorais e de conformación de maiorías parlamentarias.
Tras laiarse en varias ocasións que C's non vaia gobernar Catalunya malia ser o partido que sumou máis votos, Feijóo respondeu con afirmativo entusiasmo á pregunta de se "é necesario modificar a lei electoral". "Téñoo clarísimo", proclamou, porque "se é igual gañar que perder, isto é un problema". Igual que "na noite electoral das municipais en Portugal todo o mundo sabe quen é o alcalde", afirma, no conxunto do Estado hai que "cambiar a lei electoral" porque "non pode ser o presidente dunha comunidade autónoma quen perdeu", di en referencia á elección para a presidencia do Goberno dunha persoa que non sexa da forza política cuxas candidaturas sumaron máis votos. Isto é, do actual modelo parlamentario no que se elixen deputadas e deputados por circunscricións que, á súa vez, determinan a presidencia do Executivo.
Feijóo volve reclamar unha reforma electoral que remate co actual modelo de elección parlamentaria da presidencia dos gobernos
Segundo o presidente, a reforma ten que comezar precisamente polas institucións cuxa renovación está máis próxima. Ou, o que é o mesmo, o que Rajoy amagou con facer antes e despois das municipais de 2015. "Isto ten que vir dende os municipios", sinalou antes de suxerir cal sería a súa aposta para os parlamentos: un "plus de representación ao partido que gañou", en referencia ao máis votado. Isto é, un modelo semellante ao vixente en Grecia, onde a primeira forza parlamentaria suma automaticamente 50 escanos aos obtidos nas urnas. O líder dos conservadores non cuestiona, non obstnate, ningún dos elementos que actualmente máis distorsionan o sistema, como a sobrerrepresentación que obteñen as forzas máis votadas por mor das circunscricións provinciais.
Remuda de Rajoy e Catalunya
Como era previsible, no seu periplo madrileño o presidente da Xunta tivo que responder en varias ocasións á posibilidade de se postular como remuda para Mariano Rajoy. O actual xefe do Goberno de España "ten máis claros que escuros", defendeu, e no seu caso "o meu contrato cos galegos remata en outubro de 2020" e "vouno cumprir" ."O meu traballo está en Galicia", subliña, nun contexto no que di non "verse" optando "a unha cuarta" reelección. Así e todo, admite, durante anos mantivo que "ía estar oito anos" e finalmente reformulou ese compromiso.
O presidente volveu suxerir que non se volverá presentar e reivindica máis "presenza do Estado nas comunidades autónomas"
Na mesma intervención televisiva Feijóo reiterou o seus eloxios á candidata de Ciudadanos en Catalunya, Inés Arrimadas, quen representou nos comicios cataláns unha formación que, afirmou, foi quen de "rendibilizar" o traballo do Goberno de España na aplicación do artigo 155 da Constitución. Segundo Feijóo, o proceso soberanista debe servir para reflexionar sobre a "retirada" da "presenza do Estado" en territorio catalán", onde "o Estado ten os carteiros, a Axencia Tributaria e pare de de contar".
"Non ter Policía nunha comunidae autónoma, se todos fósemos corresponsables coa lealdade constitucional é posible; pero cando alguén é un desleal, é un problema serio" e diso "deberíamos decatarnos PP e PSOE". "A presenza do Estado nas comunidades autónomas é importante e o Estado non pode dimitir das súas responsabilidades nunha comunidade autónoma para conseguir acordos políticos", reflexionou nun contexto no que chama a "solucionalo" mediante acordos entre "os partidos que cremos nun proxecto para o noso país". A lei de Policía de Galicia, que contempla o despregamento dun corpo policial propio, está vixente e incumprida dende o ano 2007.