Milleiros ateigan Compostela contra os recortes e pola paralización da reforma sanitaria

A Quintana, ateigada na manifestación pola sanidade pública Dominio Público @En_Marea

"Despois desta manifestación, o que ten un problema é o señor Feijóo". Manuel Martín, voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, puxo voz á contundente resposta social contra os recortes no sistema sanitario público galego e pola paralización da reforma sanitaria impulsada pola Xunta. Milleiros de persoas ateigaron este domingo as rúas de Compostela, chegadas de toda Galicia, para protestar contra o "desmantelamento dos hospitais comarcais", o "colapso" e o progresivo "proceso de privatización" que denuncian na sanidade pública. 

Milleiros de persoas protestaron contra o "desmantelamento dos hospitais comarcais", o "colapso" e o "proceso de privatización" da sanidade pública

Á resposta masiva da cidadanía xuntóuselle a unidade de oposición, sindicatos e plataformas civís nunha marcha encabezada pola pancarta do colectivo convocante, SOS Sanidade Pública, suxeitada polos líderes de En Marea, PSdeG e BNG -Luís Villares, Gonzalo Caballero e Ana Pontón-, acompañados dos secretarios xerais dos principais sindicatos en Galicia: CIG, CCOO e UGT. 

Enchida ata os topes a praza da Quintana, Manuel Martín destacou a "necesidade" de "ter unha reunión urxente" entre os axentes sociais afectados pola reforma sanitaria e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e insistiu en pedir a "retirada" da polémica nova Lei de Saúde para abrir un proceso de diálogo e "recuperar a sanidade pública da política de recortes e desmantelamento"

Entre os manifestantes, milleiros chegados de moitos puntos de Galicia -moitos deles en autobuses-, en especial daquelas comarcas que, por mor da reforma sanitaria, están destinadas a perder a súa condición de áreas sanitarias. A "cinco ou seis detrás dunha pancarta" reducira a Xunta as protestase. Neste domingo, foron bastantes milleiros máis. 

Na Quintana, a parte final da manifestación aínda entraba na praza cando finalizou o acto de protesta, sobre as 13.30 horas. Foi a actriz Isabel Risco quen leu o manifesto da plataforma nun acto con continuas alusións e berros contra Feijóo e a política da Xunta: "presidente privatizador", recortes na pública, cartos para a privada", "este goberno é unha mafia" ou "non, non, non á privatización"

No manifesto, SOS Sanidade Pública reclamou a retirada da reforma da Lei de Saúde, que será debatida este martes no Parlamento, ao enteder que forma parte "dunha estratexia da Xunta para privatizar a atención sanitaria, trasladando a milleiros de pacientes da sanidade pública á privada". Así, denunciaron que "86 pacientes pasan diariamente da sanidade pública á privada" desde a aplicación da polémica lei de garantías. Ademais, no manifestou insistiuse en que a nova Lei de Saúde "desmantelará os hospitais comarcais, dificultando o acceso á asistencia especializada á poboación rural", "perpetuará estruturas de xestión integrada que somente a Atención Primaria ás xerencias hospitalarias", "privatizará o I+D+i e acabará coa participación social". Alén disto, censuran que "favorecerá a creación de chiringuitos de xestión". 

A plataforma convocante sitúa a reforma sanitaria nunha "estratexia da Xunta para privatizar a atención sanitaria

A Xunta cre que a manifestación que este domingo percorreu as rúas de Santiago en contra da reforma da Lei de Saúde ten como fin "obter réditos electorais" e desgastar ao Goberno galego en base a "datos falsos" que "non se axustan á realidade" e poden "xerar desconfianzas na sanidade pública". O da mentira e a falsidade dos datos é o argumento escollido polo Goberno galego. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, teiimou nel e censurou os "datos falsos" empregados pola plataforma convocante tras presumir dun sistema sanitario "comparativamente a un nivel alto" aínda que por cousas por "mellorar". 

A Xunta di que a mobilización só busca "réditos electorais" e insiste en acusar a SOS Sanidade Pública de usar "datos falsos"

Almuíña insistiu en que a nova Lei de Saúde "achega a sanidade aos cidadáns" e "mellora a participación cidadá", ademais de presumir do "mellor dato" en tempos de espera "desde que hai rexistros", unhas cifras discutidas e discutibles. Respecto da posibilidade de dimitir, negouna por completo. 

 

Unidade política e sindical contra a política do PP

Líderes sindicais, de SOS Sanidade e das tres forzas da oposición, ao remate da marcha / CC-BY-NC GZ Foto

A manifestación concluíu co himno galego e serviu para amosar a unión da oposición política e dos sindicatos respecto das reivindicacións da plataforma e dos colectivos presentes. Así, Luís Villares, portavoz de En Marea, destacou que "a resposta masiva da cidadanía, mesmo a que votou ao PP" reflicte que está "farta das listas de espera, dos colapsos de urxencias", das derivacións "á privada", e que non se resigna a "que lle supriman as áreas sanitarias, a que non haxa médicos ou lles quiten especialistas dos hospitais comarcais".

Villares cre que a mobilización mostra que a cidadanía está "farta das listas de espera, dos colapsos de urxencias" e das derivacións "á privada"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou de "fracaso" as políticas sanitarias de Feijóo, por implicar "danos para unha cidadanía que quere unha sanidade pública, gratuíta, de calidade e próxima". "Galicia está hoxe contra as políticas sanitarias de Feijóo, que ten que tomar nota para corrixir a precarización do emprego, a supresión das áreas sanitarias ou a redución de servizos, Galicia quere unha política sanitaria do século XXI", engadiu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou o "recorte" en "máis de 3.000 profesionais ou 700 camas" nos últimos anos, "con repagamentos" e con "aumento das listas de espera", e argumentou que o PP e Feijóo usan "a maioría absoluta contra as persoas deste país", como un "cheque en branco" para "converter a sanidade nun negocio para uns poucos".

"O PP e Feijóo usan a maioría absoluta contra as persoas deste país", denuncia Ana Pontón

Pola parte dos sindicatos, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, instou a "evitar que rouben a sanidade pública" aos cidadáns, cun PP ao que acusou de poñer de "escusa" a reforma da Lei de Saúde para "seguir nese calendario perverso de privatización". "Non podemos permitirnos esta entrada a saco do PP con fondos de investimento e empresas privadas a facer da saúde un negocio", dixo.

Os tres grandes sindicatos coinciden nas críticas á política sanitaria da Xunta

Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO en Galicia, instou a Feijóo a que reformule a súa postura coas áreas sanitarias, que a Xunta se faga "eco" do "inmenso apoio dos traballadores da sanidade en defensa da sanidade pública, en urxencias, en atención primaria e en hospitais".

Desde o sindicato UGT, o seu líder en Galicia, José Antonio Gómez, falou dunha sanidade galega marcada pola súa "deterioración" con "urxencias colapsadas, falta de camas", e acusou a Xunta de aplicar "reformas unilaterais con obxectivo claro de avanzar cara a un modelo privatizador". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.