A Xunta suprime a conexión diaria directa entre Vigo e Lugo que presta Monbus

Sede de Monbús, no polígono da Louzaneta de Lugo © Google

As cidades de Vigo e Lugo deixan de estar unidas por un autobús directo e diario. Así o vén de establecer a Xunta no marco da reestruturación progresiva das liñas de transporte por estrada que está a implantar en toda Galicia e que, máis alá das principais áreas metropolitanas, está a supor unha supresión xeral de servizos.

A empresa de Raúl López renunciou á súa concesión anterior pero o Goberno galego volveulla outorgar obrigando só a prestar o servizo con transbordos en Pontevedra. A empresa só fará o servizo directo os venres entre Lugo e Vigo e os domingos entre Vigo e Lugo.

O servizo de bus entre Lugo e Vigo viña sendo prestado por Monbus, o grupo propiedade de Raúl López, investigado no caso Cóndor e principal operador de transporte por estrada de Galicia. Ao igual que fixeron outras empresas con outras liñas de ámbito comarcal, Monbus renunciou a varias das concesións que tiña argumentando que non eran rendibles, o que fixo que a Xunta volvese licitalas con outras condicións e Monbus volvese resultar o principal receptor desas novas concesións. O mesmo sucedeu con dúas grandes liñas interurbanas, entre A Coruña e Vigo e entre Lugo e Vigo, con ramais, que estaban en mans de Monbus. A empresa renunciou a elas, a Xunta sacounas a concurso e Monbus volveu gañalas.

Porén, malia que a concesión se denomina Lugo-Lalín-Pontevedra-Vigo e o servizo directo entre Lugo e Vigo viña prestándose de xeito diario, a Xunta suprimiuno por completo das novas condicións da liña, pasando a reclamar só unha “coordinación e garantía de ligazón das expedicións Lugo-Pontevedra [...] coas Pontevedra-Vigo”, o que na práctica supón ter que facer transbordo en Pontevedra.
Malia que as novas condicións impostas pola Xunta non obrigan a ningún servizo directo entre Vigo e Lugo, de momento Monbus si o prestará, sen ter que realizar transbordo en Pontevedra, en sentido Lugo-Vigo os venres e en sentido Vigo-Lugo os domingos.

Este diario preguntou á Xunta polos motivos da supresión dos servizos directos entre Vigo e Lugo pero ata o momento non obtivo resposta.

Novos horarios da liña de autobús Vigo-Lugo publicados por Monbus Dominio Público Monbus

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.