- AUDIO | Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG: "Unha folga de mulleres é o máis machista que se pode facer"
- 12 gráficos que explican os motivos da folga feminista do 8 de marzo
Tellado: "Unha folga de mulleres é o máis machista que se pode facer; que sentido ten que as mulleres paren?"
O PP deu en definir nas última semana que a súa postura fronte á folga de mulleres convocada para o vindeiro 8 de marzo polo movemento feminista a nivel internacional será a da confrontación. Despois duns primeiros compases nos que diferentes cargos conservadores oscilaron entre a postura crítica, o desmarque discreto ou o mero "respecto" pola convocatoria, o lanzamento esta semana do argumentario interno no que se descualificaba a mobilización por ser "elitista" e romper o "modelo de sociedade occidental" deixou clara a liña oficial. Esa aposta polo rexeitamento aberto chegou tamén a Galicia, onde os conservadores censuraron a folga por "ideolóxica" durante o pleno do Parlamento e este sábado deron en concluír que, realmente, a folga feminista é "machista".
O secretario xeral do PPdeG e vicevoceiro parlamentario do partido, Miguel Tellado, elixiu como escenario para acrecentar as críticas á folga un encontro con membros das Novas Xeracións do partido, organización á que considera "revolucionario" pertencer. Tras explicar que militar no PP é sinónimo de facelo nos "valores da liberdade" e da "moderación" e afastados do "populismo", Tellado detallou por que considera que "unha folga de mulleres" é "o máis machista que se pode facer".
"Que sentido ten que as mulleres paren?", cuestionou retoricamente o número dous de Alberto Núñez Feijóo no partido que sustenta o Goberno. "É isto unha guerra de sexos?", acrecentou. "Non, non; estamos todos no mesmo barco, temos que traballar todos na mesma dirección". Por este motivo, conclúe, "cando se convoca só ás mulleres desviamos o tiro" na loita pola igualdade no eido laboral.
Tellado consideraba "machista" a convocatoria feminista mentres, en Zaragoza, o PP celebraba unha xornada sobre "familia, conciliación e corresponsabilidade", na que Mariano Rajoy recuperou promesas como o remate das xornadas laborais ás seis da tarde "con carácter xeral", ademais de asegurar que o seu partido "salvou" o Estado de Benestar durante a crise e instar a protexer a familia como "institución" que é toda unha "universidade de valores". Ás portas deste acto de partido o vicesecretario de Política Social dos populares, Javier Maroto, agregou unha nova interpretación da folga feminista no nome do PP. En realidade, afirma, é unha convocatoria de Podemos.
Dende a dirección central do PP Javier Maroto conclúe que quen está por tras da convocatoria é, en realidade, Pablo Iglesias
Como recolle eldiario.es, Maroto sinalou que o PP "non pode apoiar" as mobilizacións da folga feminista porque é "unha manifestación convocada por Pablo Iglesias, é a manifestación de Podemos e iso sábeo todo o mundo". "Cremos que a igualdade de oportunidade non se acada coa manifestación que quere Pablo Iglesias, que o que lle gusta é o ruído", sinala Maroto, quen resalta que o que fai o PP a prol da igualdade é aplicar "políticas efectivas" mentres, ademais, "moitas voces están dicindo" que "as mulleres que non traballan, porque están no paro, non poden facer a folga que propón Pablo Iglesias" e son esas mulleres "que non poden traballar" as que "máis fenda salarial sofren", porque "non teñen ningunha posibilidade de ingresos".
Chamamentos galegos a sumarse á mobilización
O feminismo galego reitera o chamamento a participar na folga do 8M e na manifestación do día 4 en Vigo
Mentres o PP reforza a súa oposición á folga do 8M os movementos feministas galegos ultiman esa mobilización e tamén a manifestación unitaria convocada para o día 4 en Vigo. Neste sentido, a Plataforma Feminista Galega subliña que a folga xeral "busca a unidade de todas as mulleres á hora de plantarnos contra todas as desigualdades; contra as violencias machistas, contra a fenda salarial e a discriminación e a explotación laboral, á vez que loitamos pola xustiza social, polo dereito á autonomía sobre os nosos corpos e as nosas vidas" ou para "dar visiblidade e que se recoñeza o traballo doméstico e de coidados".
A convocatoria feminista si recibiu o apoio nos últimos días das tres forzas da oposición galega
Tamén a Marcha Mundial das Mulleres resalta o chamamento á folga tanto no ámbit o laboral como no dos coidados, "visibilizando todos os traballos que asumimos as mulleres e sen os cales a sociedade non podería funcionar". "As mulleres organizámonos na folga agrupándonos a todas, en todas partes; a forza do noso movemento está nos lazos que creamos entre nós" para "mudalo todo", subliñan.
A convocatoria feminista si recibiu o apoio nos últimos días das tres forzas da oposición galega. En Marea e BNG anunciaron nos últimos días que as mulleres de ambas formacións secundarán a folga, entre outras iniciativas. O PSdeG, pola súa banda, salientaba este sábado nunha xornada do partido sobre políticas de igualdade que os paros do 8M servirán para "visibilizar a importancia das mulleres" e o seu traballo, e algunhas representantes socialistas, como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xa avanzaron que irán á folga.