0 Gardados para despois

O persoal de Xustiza vota este mércores se rebaixa ou non a súa reclamación salarial

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Volveron rachar as negociacións, volveron fracasar as xuntanzas e a folga na Xustiza galega continúa. E agora que? Logo de subir un chisco a súa anterior oferta --vai pola oitava--, o Goberno galego deu por rotas as conversas cos sindicatos, que non só consideraron insuficientes as cantidades ofertadas, senón que acusaron a Administración de "chantaxe" ao esixir que se aceptase a suba salarial para poder coñecer o resto do acordo. Agora, o funcionariado en paro desde o pasado 7 de febreiro votará este mércores se rebaixa a súa pretensión económica de aumento de 190 euros ao mes.

O funcionariado en folga votará este mércores se rebaixa a súa pretensión económica de aumento de 190 euros ao mes

Iso foi o que se decidiu nas asembleas informativas que se celebraron nas sete cidades galegas e nas que os representantes sindicais debullaron a xuntanza deste luns entre o comité de folga --con presenza dos sindicatos USO, AX-CUT, UGT, CSIF, CIG, CCOO, e STAJ-- e a Xunta. Así, acordouse que este mércores celebrarase unha votación secreta nas urbes, de 12 a 17 horas, para decidir se o persoal mantén as súas pretensións económicas ou as rebaixa.

Xa que logo, decidirán se manteñen a reclamación de incremento de 190 euros no complemento autonómico transitorio (CAT) de maneira lineal ou se aceptarían unha diminución. Mentres que o comité de folga rebaixou as súas pretensións desde os 400 euros do inicio do conflito, a Xunta aumentouna desde os 27, 35 e 50 euros --segundo os corpos-- ata os 135 euros máis mensuais para os forenses, 133 para os xestores, 108 para os tramitadores e 105 para os corpos de auxilio. 

As protestas deste martes remataron con peches en sedes xudiciais, das que os traballadores foron desaloxados pola policía

Mentres a Xunta insiste en que se incluíu na oferta unha cláusula pola que se comprometían a que os traballadores de Xustiza en Galicia nunca quedasen por baixo da media das autonomías nas retribucións, os sindicatos aseguran que dentro de tres anos os xestores galegos serían sétimos e os tramitadores e os auxilios quedarían sextos, mentres que ata daquela todos continuarían por baixo da media.

"Agora serán os traballadores os que decidirán e avalarán a posición a seguir polos seus representantes", aclaran desde o comité de folga. Ademais, as protestas que levaron a cabo este martes remataron con peches en diferentes sedes dos Rexistros Civís, dos que acabaron sendo desaloxados pola policía. Ao tempo, o seguimento da folga mantense en cifras moi semellantes que a Xunta cifra nun 34% e 932 persoas secundándoa e os sindicatos elevan a un 78,7%. "O compromiso do persoal segue alto", din, camiño do 43º día consecutivo de paro na Xustiza galega. 

 

A Xunta pide "sentido común"

Ademais, e mentres se celebraban as asembleas, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, ofreceu  unha rolda de prensa acompañado da secretaria xeral técnica da Vicepresidencia, Beatriz Cuíña; e do director xeral de Función Pública, José María Barreiro. Nela instou a sindicatos e traballadores a "reflexionar" para que se impoña o "sentido común". "Estamos aquí para cando nos chamen", trasladou tras insistir en que a última oferta trasladada "cumpría con todos os parámetros" que pedían e inclúe unha cláusula que garante que os empregados públicos galegos cobren sempre por riba da media do Estado.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, pide ao persoal que "reflexione" e queu impere "o sentido común"

Asegurou que sitúa os funcionarios galegos como "os quintos mellor pagos" do Estado ao recoller un incremento que, unido ao acordado polo Ministerio de Facenda nas pasadas semanas, representaría un aumento de máis do 14% nas súas retribucións. Para Martín, o "talante negociador" da Xunta foi "constante" ao longo dos últimos meses. E lembrou que incluíu reunións cos sindicatos, oito propostas de suba salarial, o cumprimento do acordo parlamentario respecto diso, a aplicación dos aumentos xa no ano 2018 e a elaboración das táboas comparativas baixo os criterios dos sindicatos, ao considerar, como pedía o comité de folga, as comunidades sen a competencia transferida polo Ministerio como un territorio único.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.