O Concello de Barreiros, cuxo alcalde está pendente de xuízo por outorgar só en 2006 licenza para 2.966 vivendas nun municipio de só 3.200 habitantes, recibiu hai un ano un “non” explícito da Consellería de Medio Ambiente ante o seu intento de manter un modelo de crecemento urbanístico que supón que na actualidade haxa alí 2.846 segundas residencias e 687 vivendas baleiras. Malia esa situación, criticada por Medio Ambiente, outro departamento do mesmo Goberno galego, a Consellería de Economía, outorgou unha subvención de 65.000 euros para a construción alí ao longo deste ano de cinco cabanas turísticas para alugueiro. Faino ao amparo dun programa financiado con fondos agrícolas europeos para o impulso de “actividades non agrícolas en zonas rurais”.
Economía, cun programa de fondos europeos para “actividades non agrícolas en zonas rurais”, pon 65.000 dos 166.000 euros que custan 5 cabanas para alugueiro. Ao tempo, Medio Ambiente critica que xa haxa 2.846 segundas residencias e 687 vivendas baleiras.
Cando hai un ano Medio Ambiente tombou o intento de Barreiros de planificar a construción doutras 2.000 novas vivendas no municipio, a consellería criticou que pretendese dar “continuidade ao modelo de desenvolvemento expansivo baseado na vivenda de segunda residencia, algo non xustificable en termos de uso racional do solo e da sustentabilidade ambiental”. E achegaba os anteditos datos de 2.846 segundas residencias e 687 vivendas baleiras nunha vila de 3.200 habitantes cuxos sistemas de saneamento, abastecemento, viario e de subministro eléctrico non son quen de cubrir a demanda.
Malia esa situación, a Consellería de Economía outorgou a un autónomo unha subvención de 65.000 euros, dun importe total subvencionable de 166.687,49 euros, para a construción en Barreiros de cinco “bungalós turísticos para alugueiro”. E faino con cargo a unha convocatoria de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destinadas á “creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais”, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Hai un ano Medio Ambiente lamentaba que o "desenvolvemento do sector turístico estacional" en Barreiros non convertira a vila nun centro vacacional, pero agora o delegado da Xunta en Lugo salienta que é "un dos municipios de maior afluencia turística da Mariña, de xeito especial no período vacacional"
O Goberno galego, lonxe de pretender ocultar esa subvención, deulle visibilidade este martes a través dunha visita do seu delegado en Lugo, José Manuel Balseiro. Na súa nota de prensa, a Xunta salienta que o “emprendedor” busca “ofertar aloxamentos individuais que permiten un maior contacto coa natureza e dispoñer de todas as comodidades dunha vivenda” coa previsión de que entren en funcionamento este verán. Na nota, a Xunta salienta que Barreiros é “un dos municipios de maior afluencia turística da Mariña, de xeito especial no período vacacional”. Hai un ano a Consellería de Medio Ambiente lamentaba que o seu "desenvolvemento do sector turístico estacional" non converteu Barreiros, nin de lonxe, nun centro vacacional. Agora Economía inxecta 65.000 euros para ese obxectivo.