A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribadeo son os primeiros concellos da provincia de Lugo que porán en marcha as residencias de maiores promovidas pola Deputación lucense. Os plenos destes concellos dispóñense a ratificar os convenios rubricados este mércores polos seus alcaldes e alcaldesa co presidente da entidade provincial, Darío Campos, quen afirma que estas institucións provinciais dan o paso porque "a Xunta se negou a facer centros públicos de maiores na nosa provincia" e tamén a colaborar cos da propia Deputación.
"Dende a Deputación fixemos un esforzo investidor de máis de 10 millóns tan só na construción" destes centros que agora botan a andar e o Goberno galego, a "administración responsable" na atención a maiores, "negouse en reiteradas ocasións a concertar prazas" nestas residencias mentres "si o fai en centros privados". Así, despois de retirar á empresa pública provincial Suplusa a encomenda de xestionar estes centros, "os concellos decidiron o modelo de xestión e o acceso ás prazas", detalla Campos.
Campos: "A Xunta negouse a concertar prazas mentres si o fai en centros privados"
Seugndo o protocolo asinado, "os centros de maiores terán unha xestión pública dende a deputación e os concellos" e as 190 prazas residenciais e 90 de centro de día serán "preferentemente, para a veciñanza de cada municipio", "en segundo termo, para os dos municipios limítrofes e da comarca" e as restantes, para persoas procedentes doutros concellos lucenses. A institución provincial financiará ata 600 euros por praza en función da "capacidade económica" de cada residente e se esta cantidade resulta "insuficiente", poderá incrementala en municipios de menos de 5.000 habitantes. Segundo Campos, esta medida "garante o acceso universal" á prestación das persoas que a precisen.
Segundo os rexedores presentes no acto, "isto é radicalmente distinto do que fai a Xunta", en verbas do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG). "Ninguén vai ser vetado nestas residencias" por non ter "recursos económicos", xa que "os que os teñan pagarán e os que non", serán axudados por Deputación e concellos. Ademais, agrega, este sistema muda tamén "radicalmente" o do Goberno galego de asignación de prazas: "eu sei que veciños de Ribadeo queren pedir unha praza" e "a Xunta asígnallela na Coruña ou Quiroga, a dúas horas da súa casa". Neste contexto, Suárez subliña que institucións "de diferentes cores" -de PSdeG e Bloque- fagan "política de verdade" con esta rede de residencias mentres "a Xunta non quería que isto existise".
"Ninguén vai ser vetado nestas residencias por non ter recursos económicos"
Nun sentido semellante o rexedor de Pedrafita, o socialista José Luis Raposo subliña o feito de que nestas residencias vaia suceder "o que non debe suceder en ningures, que cobrando a pensión mínima poidas ir a unha residencia". A alcaldesa de Trabada, Mayra García (PSdeG), salienta pola súa banda que os permisos para o inicio de actividade das residencias están tamén dispoñibles. O Concello garánteo, afirma, aínda que "a Xunta o notificase despois de que saíse nunha nota de prensa do PP". En calquera caso, asegura, os técnicos municipais dan a "seguridade de que o estamos facendo conforme á lei" e o proceso ponse en marcha "sen ningún conflito persoal" co vicepresidente da Deputación e presidente de Suplusa, Manuel Martínez, asegura, toda vez que "o presidente lle ofreceu que el mesmo as levase dende a Vicepresidencia da Deputación".
O inicio dos trámites para apertura destas primeiras residencias da Deputación de Lugo chegaba na xornada en que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se gababa no Parlamento da extensión das prazas para persoas maiores financiadas dende a Xunta no marco da sesión de control ao Goberno. O voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, resaltou pola súa banda que a maior aposta da Consellería de Política Social polo sector privado encarece este servizo de asistencia a persoas anciás, ademais de atrasar o seu acceso polas abondosas listas de espera.