O PP vota en contra de instar o Estado a recuperar Meirás tras apoialo na Deputación da Coruña

Luís Bará (BNG) intervén no Parlamento © BNG

A pasada semana, todos os grupos con representación na Deputación da Coruña, incluído o PP, presentaron a moción acordada por unanimidade pola que a institución provincial instará o Estado a recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público, baseándose no informe histórico-xurídico que certifica a nulidade da transmisión do inmoble aos Franco. O texto será sometido á votación do pleno este venres 23 e todos os partidos comprometéronse a votar a favor. Só dous días antes, no Parlamento, os populares veñen de votar en contra dunha proposición non de lei presentada polo BNG na que se solicitaba practicamente o mesmo. 

A moción da Deputación insta o Estado a recuperar o Pazo; a proposición do BNG insta a Xunta a que demande o Estado que recupere o Pazo

Concretamente, o Bloque reclamou “instar a Xunta a demandar do Estado que exercite as accións administrativas e legais oportunas para os efectos de recuperación posesoria e de oficio para o patrimonio público do Pazo de Meirás, e para tal efecto comprometer a colaboración da Xunta”. Pero o PP votou non. A súa portavoz, María Antón, pediu "calma" e prudencia e "deixar traballar á comisión de expertos" encargada polo Goberno galego e animou a formación nacionalista a "exercitar as accións legais que consideren oportunas" a través da Deputación de estar convencida da efectividade do informe elaborado a instancias da institución provincial. 

"O PP defende unha cousa na Deputación da Coruña e a contraria no Parlamento galego”, lamenta o BNG

O voceiro do BNG na materia, Luís Bará, advertiu de que o PP “defende unha cousa na Deputación da Coruña e a contraria no Parlamento galego” e asegura que a proposta nacionalista “ten plena licenza reclamando que a Xutna actúe” e emprenda accións legais sobre un Ben de Interese Cultural (BIC) así como abrir un expediente sobre o propio BIC. “O BNG basea  a súa proposta no acordo aprobado por unanimidade na Deputación", lembroulle. 

Ademais, o deputado lamentou que o PP rexeitara  a proposta do BNG baseada nun informe histórico e xurídico,  ao seu entender, “difícil de superar” porque "marca de maneira clara o camiño para a recuperación dese ben". Pero os populares insistiron na súa negativa, indicando que non cren "oportuno neste momento" esa petición, aínda que ven "moi positivo" a iniciativa da Deputación, á que instan a levar a cabo as accións legais correspondentes pola súa conta. "Está fóra de tempo e lugar", dixo Antón, mentres En Marea e PSdeG presentaban emendas á proposta nacionalista, aínda que todas coa idéntica intención de recuperar o inmoble para o público. 

O PP xustifica a súa negativa en que "está fóra de tempo e lugar" e pide "calma" e "deixar traballar a comisión de expertos"

De cumprir co manifestado e acordado, o grupo popular votará este venres a favor da moción acordada por unanimidade no pleno da Deputación. E unirase á petición de instar o Estado a levar a cabo "as accións administrativas e xudiciais oportunas" para a recuperación do Pazo en base ao informe que a institución provincial encargou á Xunta pro Devolución do Pazo. 

O documento aclara que a transmisión das Torres á familia Franco fíxose a través dun contrato simulado en 1941 cando o ditador levaba utilizando o inmoble desde 1938 e para evitar que pasase a ser parte do patrimonio do Estado. Quen xa non era lexítimo propietario do inmoble asinou nun documento que "finxiu a existencia dunha nova compravenda", tal e como se aclara nun texto que debulla as artimañas do xeneral fascista e dos seus familiares para quedar co Pazo. 

Pazo de Meirás CC-BY-SA Merce Blanco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.