0 Gardados para despois

A detención de Puigdemont atranca a axenda exterior do independentismo e dispara a tensión nas rúas catalás

Neus TomàsNeus Tomàs


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Este luns o president Carles Puigdemont comparece ante un xuíz despois de pasar a noite nun cárcere de Neumünster, ao norte de Alemaña. O proceso de extradición do president cesado podería estenderse ata 90 días e non se descarta que Puigdemont tente pedir asilo para evitar a súa entrega a España.

A detención do president cesado deixou en estado de shock os dirixentes independentistas nun momento no que tentan redeseñar a estratexia tras o impacto que supuxeron os ingresos no cárcere de Turull, Rull, Romeva, Forcadell e Bassa.

Puigdemont era o garante para moitos dirixentes de JxCat pero tamén da CUP, para a Assamblea Nacional Catalá e para influentes opinadores, da república catalá que pretendía cimentarse desde Bruxelas. O 'soño' da república que non puido ser queda agora sepulto. Decidiuse que en Catalunya non se teimaría na desobediencia para evitar novas imputacións e que en todo caso as decisións máis controvertidas, aínda que fosen simbólicas, se adoptasen en Bruxelas.

Os partidos independentistas enfróntanse a tres retos para tentar atopar unha saída: o reloxo xa corre cara ás eleccións, seguen sen ter decidido quen debe ser o candidato ou candidata e existe o risco de que a tensión nas rúas vaia a máis.

A opción de responder á detención investindo a Puigdemont non conta co apoio de ERC, partidaria de explorar as posibilidades dun goberno de concentración

Un dos alcaldes metropolitanos do PDeCAT, Joan Ramon Casals, expresou publicamente unha proposta que tamén defenden algúns dirixentes de JxCat e a CUP e que implicaría responder á detención a Puigdemont da maneira máis contundente (e perigosa). Trataríase de convocar un pleno no que o candidato á investidura fose o presidente cesado e que a maioría independentista o votase.

É unha opción que non conta co apoio de ERC. E non hai que esquecer que o presidente do Parlament, Roger Torrent, que é quen debería convocar o pleno e que ata agora se negou a desobedecer, é dirixente desta formación. Os republicanos son partidarios de explorar as posibilidades de configurar un goberno de concentración, unha fórmula complicada porque implicaría que o PDeCAT compartise o Executivo coa CUP ou os 'comuns'. Ou mesmo cos dous, engaden en ERC. Unha posibilidade da que os afíns a Puigdemont non queren nin ouvir falar.

O temor a incidentes

O presidente do Parlament reitera que hai que impulsar unha fronte común para defender "os dereitos e liberdades individuais e colectivas"

Tanto o PDeCAT como ERC negan que estean a negociar a convocatoria dunha folga xeral, unha das proclamas que máis se escoitou nas últimas manifestacións e que conta co aval da CUP. Os partidos temen que nalgún momento a indignación do electorado independentista dea en descontrolarse en forma de incidentes graves. Por iso é polo que este domingo multiplicaron as apelacións á calma. "A xente ten que saír á rúa de maneira pacífica e non violenta", reclamou o deputado da CUP Carles Riera.

O presidente do Parlament insiste en que hai que impulsar unha fronte común para defender "os dereitos e liberdades individuais e colectivas". Fontes das entidades independentistas confirman que xa se está traballando nesta idea e que o modelo sería o pacto nacional polo referendo, no que estaban tamén os 'comuns', sindicatos e organizacións empresariais. De momento xa recibiu un apoio e non un apoio calquera. Ada Colau aceptou a proposta de Torrent para tentar forxar esa fronte en defensa dos dereitos humanos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

'Galiza con Catalunya' chama á mobilización este 26 de marzo como resposta ás detencións

A plataforma Galiza con Catalunya, na que diversas organizacións sociais, políticas e sindicais galegas apoian dende o pasado ano o movemento soberanista catalán, chama de novo á mobilización este luns, 26 de marzo. Faino coa convocatoria de oito concentracións para rexeitar as últimas detencións de líderes políticos cataláns por orde do xuíz Llarena.

As sete principais cidades galegas, ás oito da tarde, e Burela, ás oito e media, serán os escenarios destas protestas, convocadas baixo o lema Democracia e liberdade. As convocatorias están sinaladas para a Farola de Urzaiz (Vigo), a subdelegación do Goberno de España na Coruña, a praza de Amada García en Ferrol, a subdelegación en Ourense, a Praza do Toural en Pontevedra, a Praza Maior en Lugo e a Praza da Mariña en Burela.

A última gran mobilización de Galiza con Catalunya desenvolveuse en Santiago en vésperas do referendo convocado para o 1-O. Daquela milleiros de persoas responderan á chamada -entre elas, diversos representantes de En Marea e BNG e dos sindicatos CIG e CUT, entre outros- e o manifesto da mobilización advertira da "imposibilidade de pór cancelas" á "vontade" de autodeterminación do pobo catalán.