A resistencia do persoal da Xustiza en folga descoloca a Xunta tras 50 días de mobilización

Mobilización do funcionariado de Xustiza en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

50 días de folga na Xustiza en Galicia. Máis de 20.000 xuízos suspendidos segundo os sindicatos --arredor de 12.000 recoñece a Xunta-- e uns 50.000 trámites aprazados en 36 días efectivos dun paro indefinido cun impacto que nunca se deu nun servizo público no país. Centos de persoas xa mortas non constan oficialmente como falecidas ao non emitirse certificados de defunción, o que imposibilita o acceso a pensións de viuvez ou orfandade. Son algunhas das consecuencias lóxicas dun conflito que paralizou os rexistros civís e adiou declaracións xudiciais ou a tramitación de partidas de nacemento e fes de vida desde que comezara o pasado 7 de febreiro. 

Entre 20.000 e 12.000 xuízos foron suspendidos desde que comezara a folga; o persoal que a secunda perdeu máis de 2 millóns de euros

Desde aquela, son máis de 2 millóns de euros os perdidos en soldos polos traballadores en folga, que ven descontado nunha media de 67 euros ao día o seu salario. Con todo, o seguimento da protesta que afecta uns 2.700 funcionarios é importante e constante desde o seu inicio. Os sindicatos cífrano nun 80% e a Xunta rebáixao a entre o 40% e o 35%, pero asume nos datos oficiais que sobre un milleiro de funcionarios se ausenta cada xornada, ao que hai que unir os máis de 700 que acoden en cumprimento dos servizos mínimos e os entre 150 e 200 que adoitan faltar por baixa xustificada. Unha protesta que uniu --e mantén unidos-- todos os sindicatos, representados no comité de folga. 

Entre mobilizacións e negociacións fracasadas avanza un conflito que ve lonxe unha solución tras a ruptura da última reunión, a do pasado luns. A Xunta negouse a mudar a que xa é a sétima oferta de incremento salarial, malia as continuas declaracións de cargos do Goberno advertindo de que a última proposta era a derradeira. Pero nunca o foi. 

A Xunta advirte de que non se moverá da súa última oferta, a sétima que fai malia que varias veces asegurou que non a mudaría

No resto de reclamacións hai avances, aínda que o acordo non está pechado. O persoal da Administración da Xustiza en Galicia leva tempo protestando polo que considera unha "discriminación" con respecto a traballadores doutras autonomías e mesmo con compañeiros que non dependen da Xunta. Reclaman recibir o mesmo salario que os titulares do posto cando realizan substitucións; que se equiparen os seus soldos, polo menos, á media do resto das comunidades autónomas; que non os penalicen polas baixas médicas, xa que sofren descontos que non se dan noutros empregados de Xustiza; e que se as prazas de reforzo que levan tres anos con contratos temporais pasen a ser fixas. Todo mentres lembran que o seu sector sufriu como ningún outro territorio do Estado os recortes aplicados polo Goberno autonómico, con talladas nunca recuperadas.  

O Executivo di plantarse nunha oferta e incremento salarial de entre 133 e 105 euros ao mes; o persoal de Xustiza reclama 180

Tras máis de quince xuntanzas, o Executivo plántase agora nunha oferta salarial que supón un incremento de entre 133 e 105 euros mensuais máis segundo o corpo. O pasado luns, a Xunta mantívose inamobible na proposta presentada días antes, mentres os traballadores rebaixaron a un aumento de 180 euros mensuais as súas pretensións despois de que o persoal, nunha votación, autorizase o comité de folga a diminuír, se así o vía necesario, as reclamacións que fixaran nos 190 euros ao mes

      Concentración de persoal de Xustiza en Folga / © AX-CUT

Non era a primeira rebaixa do funcionariado, que comezou pedindo un aumento para todos os corpos de 270 euros ao mes. A Xunta, como fixo con cada unha das peticións, considerouna "inadmisible" e ofrecera 75 euros máis para os xestores, 62 para os tramitadores e 55 para os auxilios. Aquilo foi o 7 de febreiro. Cinco días despois, os sindicatos rebaixaron as súas pretensións aos 225 euros e a Xunta incrementou a oferta a entre 90 e 68 euros máis. Un mes despois de comezar o conflito, a Administración ofreceu un aumento de entre 118 e 93 euros segundo o corpo ou de 105 euros lineais para todos. Foi cando o comité de folga respondeu cunha solicitude de 190 euros máis ao mes que queda agora en 180. En definitiva, 65 euros por mes separan agora o Goberno do persoal de Xustiza. Un subiu nuns 40 euros a súa proposta inicial e o outro rebaixou en 90 as súas pretensións. 

Ademais, o persoal contestou ao inmobilismo da Xunta reclamando cláusulas que aseguren que os seus salarios nunca van baixar da media estatal ou un plan para recuperar os cartos que o funcionariado perdeu en salarios desde que comezou o conflito. O Goberno critica estas novas reclamacións mentres mantén o seu abraio tanto polo amplo seguimento do paro como pola resistencia do funcionariado, moito maior á agardada. 

O persoal comezou pedindo un incremento mensual de 270 euros e a Xunta ofrecendo entre 75 e 55; agora uns aceptan 180 e o Executivo ofrece entre 133 e 105

Coa chegada das nóminas de marzo, os traballadores certifican os descontos de ata 1.000 euros en salarios que, nalgúns casos, quedan en 400. Mentres, o conselleiro de Presidencia e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda --máximo resposable no ámbito da Xustiza en Galicia--, insiste en negar outra negociación ou oferta e insta os sindicatos a someter a votación a última proposta do Goberno. El é un dos principais obxectivos das críticas do persoal, que lle recriminan a súa "prepotencia" e a "falta de talante negociador", palabras que comparte a oposición parlamentaria

Tampouco Feijóo se librou da indignación do funcionariado, sobre todo despois de que en dúas ocasións lanzase diferentes colectivos contra o persoal de Xustiza: primeiro os mileuristas e parados, ao advertir de que calquera deles "asinaría" unha suba de 1.000 euros anuais; e logo os pensionistas, xusto no momento no que multiplicaban as protestas de persoas xubiladas nas rúas. Desde o PPdeG, o seu secretario xeral, Miguel Tellado, pediu aos sindicatos que pensasen "máis nos traballadores e nos cidadáns, e menos nas eleccións sindicais" para desatascar o conflito. 

O pasado luns, secundaron a folga 1.015 traballadores, tan só trinta menos que o primeiro día de paro

Malia os intentos de desestabilización, a unidade do persoal en folga mantense, ao igual que o seguimento da folga, con cifras semellantes desde o inicio do conflito: o pasado luns secundaron o paro 1.015 traballadores, tan só trinta persoas menos que o primeiro día, segundo a propia Xunta. Nese mesmo día, e logo de levantar da mesa de negociación, os representantes da Administración despedíronse da prensa desexándolle unhas felices vacacións de Semana Santa. O Goberno asumía que o conflito seguirá varios días e que, posiblemente, baterá récords. Polo momento, non hai data para xuntanza ningunha e desde os sindicatos amósanse convencidos de que con este paro "histórico" acabarán acadando un acordo satisfactorio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.