Dous meses despois de que o pasado 7 de febreiro iniciase a súa folga en reclamación de maior salario e mellores condicións laborais, o persoal da administración de Xustiza en Galicia volveu saír este sábado ás rúas de Santiago nunha manifestación secundada por todos os sindicatos e que contou co apoio dos partidos da oposición. Unha manifestación que se celebrou sen que haxa previstas novas reunións coa Xunta para desbloquear o conflito, despois de milleiros de xuízos e trámites suspendidos, de que os traballadores perdesen xa máis de dous millóns de euros en salarios e ao tempo que xuíces e fiscais comezan a preparar as súas propias mobilizacións.
Sindicatos e partidos da oposición piden a dimisión do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cuxa “prepotencia” consideran responsable do enquistamento do conflito
Este sábado os sindicatos e os partidos da oposición coincidiron en reclamar a dimisión ou o cesamento do vicepresidente e responsable de Xustiza da Xunta, Alfonso Rueda, a cuxa “prepotencia” atribúen o enquistamento das negociacións. Segundo os representantes do comité de folga, o Goberno galego está a centrarse en tentar desprestixiar a mobilización, o que din que lles dá máis ánimos para continuar cunha folga cuxo seguimento seguen a cifrar no 80%.
Actualmente, tras sucesivas melloras das súas ofertas malia reiterar en todas as ocasións que non se movería delas, o Goberno galego volve asegurar que non vai variar a súa actual proposta dun incremento de entre 135 e 105 euros ao mes para cada traballador en función da súa categoría. Pola contra, os sindicatos, que comezaron reclamando unha suba de 225 euros rebaixada actualmente a 180, piden unha cláusula que garanta que o persoal galego non volverá quedar á cola do Estado se noutras comunidades se melloran no futuro as condicións laborais.
“Feijóo e Rueda presumen da creación de máis xulgados e só trasladan prazas dun lado para outro”, din os sindicatos
Este sábado os sindicatos tamén criticaron que a Xunta tenta transmitir unha imaxe de incremento dos recursos da administración de Xustiza que non se corresponde coa realidade. “Feijóo e Rueda presumen da creación de máis xulgados e só trasladan prazas dun lado para outro”, din.
Desde os partidos da oposición, o portavoz de En Marea, o xuíz en excedencia Luís Villares, criticou o “incumprimento do Goberno galego do mandato parlamentario” aprobado pola Cámara autonómica que defende unha mellora das condicións laborais dos traballadores. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou o “desprezo” do Goberno galego aos sindicatos e traballadores e pediu ao presidente Feijóo que “en vez de viaxar a Sevilla [ao acto que alí celebra o PP estatal este sábado] para darlle unha aperta a Cifuentes” se involucre e substitúa o seu “vicepresidente incompetente”. Pola súa banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, lamentou que a cidadanía estea a pagar a “chulería e prepotencia” do Goberno galego e asegurou que a solución do conflito “non é un problema económico” porque ao seu ver “a Xunta ten recursos”.
Rueda dimite, a túa proposta non se admite. pic.twitter.com/zYbMFbHioA
— EnMarea (@En_Marea) 7 de abril de 2018
A choiva deste sábado en Santiago non impediu que, como ocorreu na manifestación do sábado 24 de febreiro, cando a folga levaba activa pouco máis de dúas semanas, a protesta volvese ter unha elevada asistencia, coa participación nela de numerosos familiares e simpatizantes dun colectivo que non chega aos 3.000 traballadores. Os sindicatos organizaron autobuses que se desprazaron a Santiago desde o resto de Galicia.
Esta protesta do persoal administrativo da Xustiza galega ameaza con estenderse despois de que o pasado xoves as catro asociacións de maxistrados e as tres de fiscais celebrasen concentracións nas sedes xudiciais de toda España, tamén en Galicia, e advertisen dun calendario de mobilizacións que remataría igualmente cunha folga a partir do 22 de maio. Tamén eles reclaman unha mellora das condicións profesionais e máis independencia da Xustiza.