O Centro Gallego de Bos Aires volve votar a súa venda como única vía para evitar a total desaparición

Centro Gallego de Bos Aires CC-BY-SA Praza Pública

O histórico Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) afronta o vindeiro xoves 12 outra vital asemblea para o seu futuro. Na anterior, celebrada a finais do ano pasado, semellaba terse acadado un arranxo que supoñía o mal menor para a grave situación da principal institución da emigración galega. Os representantes dos socios acordaran autorizar o inicio das conversas para a venda do inmoble e da xestión sanitaria ao grupo formado pola entidade española Ribera Salud e a Fundación Favaloro arxentina. Era a maneira de salvar os empregos actuais, a atención sanitaria dos menos de 5.000 asociados que aínda quedan e o importante legado histórico e artístico da entidade, que inclúe 20.000 libros, importantes obras de arte, fonoteca, teatro e pezas de elevado valor simbólico. Pero a empresa con sede en Valencia e a entidade bonaerense rexeitaron as condicións impostas pola representación dos socios e deron por rotas as conversas, deixando o CGBA ao borde da liquidación e en grave perigo o seu importante patrimonio.

A nova asemblea extraordinaria volve decidir se acepta a venda do Centro Gallego ao grupo Ribera Salud

Ou así parecía. A irremediable crise, que inclúe unha débeda duns 1.000 millóns de pesos arxentinos (máis de 40 millóns de euros), falta de asistencia médica, impagos ao persoal e centos de xuízos no ámbito laboral, provoca a convocatoria doutra asemblea extraordinaria que neste próximo xoves tratará de aprobar as contas dos últimos seis exercicios e someterá a "consideración" a "oferta realizada pola Fundación Favaloro e o Grupo Ribera Salud" e "autorizar a venda do inmoble e a cesión do servizo se prestacións médico asistenciais". 

As opcións, logo do deterioro sufrido nas últimas décadas polo Centro Gallego --intervido xudicialmente polo Goberno arxentino desde hai máis de cinco anos-- son claras: aceptar a venda a Ribera Salud e Favaloro, que ofrecen preto de 50 millóns de euros polo edificio e a xestión sanitaria e prometen un investimento de 150 millóns máis; ou a liquidación, que non só suporía a fin de vez da histórica institución senón a perda para a colectividade galega de todo o legado e patrimonio histórico e artístico que posúe. "Non hai máis; a estas alturas, e logo de todo o pasado, é a venda ou a liquidación", conta Ramón Suárez, ex-membro da xunta directiva do CGBA, aínda socio, xornalista e un dos maiores coñecedores da historia e da crise da entidade. 

"Non hai máis; a esta altura, as opcións son a venda ou a liquidación", di Ramón Suárez, socio, ex-directivo e xornalista arxentino

"Calquera pode decatarse de que non se pode manter algo tan impoñente, e que chegou a superar os 100.000 asociados, coa achega de menos de 5.000 persoas, maiores e que consomen unha cantidade de medicamentos moi superior ao que se pode sufragar", explica. A situación é complexa. Nunha consulta realizada xa o ano pasado entre os socios, e na que participaron case a metade deles, o 98% apostou pola venda. Entre o persoal, malia as divisións, a opción maioritaria tamén é a de aceptar a negociación para salvar os postos de traballo e os servizos médicos. 

A principal institución da emigración galega acumula unha débeda de máis de 40 millóns de euros, impagos e falta de asistencia médica

Mentres, o desmantelamento do hospital do Centro Gallego é xa moi palpable e denunciado, con falta de asistencia por falta de cartos, escaso persoal e o traslado de milleiros de documentos e historias clínicas acumulados durante os seus máis de cen anos de historia. É apenas unha pantasma do que foi e, á espera da decisión que se tome o xoves, varios socios relatan como nin tan sequera se poden levar a cabo probas médicas para as que se tiña cita. 

Fachada do Centro Gallego, en Bos Aires / © CGBA

Na primeira oferta, Ribera Salud puxera como condición a "adquisición do inmoble, debendo negociar o importe en base ao valor en libros revisable e prazo de pago". Ademais, aclarara que o inicio da actividade debía ser "libre de cargas e débedas de todo tipo, asumindo a nova sociedade a única responsabilidade sobre a xestión realizada por esta". 

Tras a celebración da asemblea, os representantes dos socios retrucaran cunha proposta pola que a compradora debería, entre outras cousas, asumir e contratar todo o persoal actual "respectando as súas condicións laborais, remuneración, antigüidade e cargo", "asumir a atención a perpetuidade dos socios actuais do GGBA" e asegurarlles a súa atención médica nas mesmas condicións económicas.

Ribera Salud e Favaloro estarían dispostos a asumir a débeda e outorgar un espazo de 2.000 metros cadrados para o legado cultural da emigración galega

Respecto de todo o patrimonio cultural, histórico e artístico que garda o CGBA, Ribera Salud limitárase a dicir que ía "velar" por el e "potencialo". A asemblea esixiu que a empresa compradora outorgase "gratuitamente e a perpetuidade" á asociación mutual do Centro Gallego as dependencias do Teatro Castelao, a sala de sesións, presidencia e Ramón Otero Pedrayo e "todas aquelas destinadas a preservar o patrimonio histórico e cultural" como "a pinacoteca, biblioteca e demais obras de arte". Ademais, requería que se permita o funcionamento da asociación nas instalacións, sendo esta sempre a propietaria e "quen defina no seu caso o destino definitivo" de todo o patrimonio, "non podendo trasladarse fóra da Arxentina".

Ribera Salud e Favaloro rexeitaran as condicións, algo que, segundo fontes entre os asociados do CGBA consultadas por este diario, foi máis "de cara a galería" e como "manobra" de presión. Segundo estas mesmas fontes, o grupo empresarial estaría disposto a asumir a débeda e manter a oferta, ademais de deixar un espazo duns 2.000 metros cadrados para que o Centro Gallego poida seguir actuando como mutualidade. Sería onde se albergaría a pinacoteca, a enorme biblioteca e o espazo para os aínda socios, que terían acceso á atención médica no novo hospital que as firmas compradoras crearían ao pé do actual, que sería reformado no futuro. 

 

Centene Corporation: a "estrela" da operación

"A estrela desta operación non é Ribera Salud nin Favaloro, senón Centene Corporation", advirte Suárez. Refírese ao accionista maioritario do grupo sanitario español, que tería como propósito "o seu desembarco na sanidade privada da Arxentina". "A súa porta de entrada é o Centro Gallego", asegura quen se pregunta: "Un grupo que di estar disposto a investir 150 millóns de euros vai deixar de facelo por non atender a menos de 5.000 socios durante algúns anos ou por non achegar unha área para o legado histórico e cultural?". 

Aí están algunhas das claves. Os poucos asociados que quedan son maiores, con problemas habituais de saúde e sen ter asegurada, como se di desde a Xunta, a atención médica en Ospaña, obra social dos emigrantes españois e descendentes creada hai máis dunha década. "Non é verdade, como dixo Feijóo, que esta atención estea asegurada para todos no caso de liquidarse o Centro Gallego, porque nestas mutuais aos enfermos crónicos ou con enfermidades graves non os aceptan", di Suárez. Ademais, de manterse a mutualidade para o mantemento do patrimonio cultural, o CGBA seguiría contando cos seus representantes na devandita Ospaña, sobre a que deita unha sombra de polémica desde hai anos. 

A liquidación suporía para a colectividade galega a perda do inmenso patrimonio cultural e histórico que posúe o Centro

Ante esta situación, a inmensa maioría dos asociados e do persoal apostan pola venda e prevese que ás portas do Centro haxa protestas e tensión o vindeiro xoves. A outra alternativa, ante a negativa rotunda dos gobernos español, arxentino ou galego a intentar rescatar unha entidade que acumulou tales débedas e problemas, é a liquidación. Nese caso, a colectividade galega perdería todo o seu patrimonio cultural, que podería ser vendido ou, como mal menor, pasar a ser propiedade do Estado arxentino. Ademais, os asociados quedarían nunha pésima situación e sen a atención médica que, aínda en precario, seguen a recibir. 

Todo acontece xusto cando o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, mantén unha visita oficial na Arxentina. Segundo fontes coñecedoras da axenda de ambos países, estaba previsto que o xefe do Executivo central amosase a súa preocupación pola situación do CGBA. Nese caso, a súa postura sería totalmente contraria á amosada pola Embaixada, que nas múltiples reunións mantidas con altos cargos da Administración do país austral non mostrou nunca interese ningún nin pola institución da diáspora nin polo seu patrimonio cultural. 

En xogo, ademais de postos de traballo e atención médica, todo un símbolo da emigración galega, un edificio centenario construído pola diáspora con achegas económicas durante anos e un importante legado histórico e cultural. Non hai moito, o Consello da Cultura Galega (CCG) lembráballe á Xunta que protexer o legado do Centro Gallego é unha "obriga legal" e instábaa a que lle dese unha protección "análoga ao que tería de estar en Galicia". Ademais, un manifesto asinado por importantes persoeiros e que xunta milleiros de sinaturas reclamaba á Xunta "actuacións concretas" ante Bos Aires para salvar a institución

O CCG advertía tamén da "importantísima colección" de obras de arte, doadas por artistas e socios ou mercadas polas diferentes directivas, que inclúen obras pictóricas, estatuas, esculturas, etc. Entre os seus fondos hai obras de Castelao, Laxeiro, Luis Aquino, Francisco Lamas, Manuel Oliveira, Demetrio Urruchua, Manuel Torres, José Solla, Samuel Mallo, Leopoldo Nóvoa García, Luís Seoane, Carlos Maside, Dolores Freixas, Manuel Escudero, Carlos Cañás, José María Moraña, Gustavo Fernández, Lorenzo Carballo, entre outros moitos. Tamén unha enorme biblioteca, unha fonoteca con voces de galeguistas históricos, un importante arquivo fotográfico ou recoñecidas instalacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.