O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, histórico militante do PSOE na provincia de Lugo, vén de ser destituído da vicepresidencia da Deputación de Lugo polo seu presidente, Darío Campos, e substituído polo rexedor da Fonsagrada, Argelio Fernández. Martínez regresara hai pouco máis dun ano ao goberno da Deputación lucense como vicepresidente poñendo así fin a unha longa negociación que pretendera pechar o conflito aberto en xuño de 2015, cando dera en entregar o goberno da institución ao PP como vinganza contra o seu propio partido por non ser designado candidato ao posto pola negativa do BNG a investilo. O fugaz goberno conservador durou apenas catro meses, ata outubro daquel ano, se ben o Bloque rexeitou que Martínez entrase na Xunta de Goberno por seguir investigado a causa da denuncia dun alcalde do PP -arquivada en 2016-. Aquel turbulento proceso levara aparellado un proceso de expulsión das filas socialistas que quedara aparcado co devandito acordo, pero que agora vén de regresar tras unha nova votación conxunta de Martínez cos populares.
Martínez votou cos conservadores para que as residencias de maiores sexan xestionadas pola sociedade urbanística provincial que el dirixe
O pleno da institución provincial lucense abordaba este martes unha proposta do PP para "ratificar" que as residencias de maiores que impulsa a Deputación sexan xestionadas a través de SUPLUSA, a sociedade urbanística provincial que dirixe Martínez e que construíu estas infraestruturas. O acordo saíu adiante cos votos dos conservadores e do rexedor de Becerreá, mentres que o resto do goberno provincial advertía de que o texto contaba "con cinco informes xurídicos en contra" e resaltaba, ademais, que a propia Xunta de Goberno da institución viña de dar luz verde á apertura das primeiras residencias mediante convenios cos concellos atinxidos. Dende a presidencia que encabeza Darío Campos asegúrase que por tras do acontecido existe "unha trama política do PP" para que os centros de atención a maiores non cheguen a abrir.
Darío Campos, presidente da Deputación: "Ninguén que vota co PP en contra dos intereses dos lucenses ten cabida neste goberno"
Estes trece deputados -os 12 do PP e Martínez- "aprobaron un acordo ilegal", afirmaron dende o goberno provincial tras o tenso pleno extraordinario, sesión na que Martínez tentou intervir á marxe do Grupo Socialista coa negativa de Campos. Nese grupo, precisamente, é no que o presidente coida que o alcalde de Becerreá volve non ter "cabida". "Ningunha persoa que vota co PP en contra dos intereses dos lucenses e, de xeito significativo, en contra dos intereses dos maiores da nosa provincia, unha persoa á que se lle ofreceu levar a xestión dos centros da terceira idade de xeito legal dende a Vicepresidencia e non de xeito irregular dende SUPLUSA, á que lle demos todas as oportunidades posibles para traballar conxuntamente e non quere facelo, ten cabida neste Goberno da Deputación"; resumiu o presidente.
A Executiva provincial do PSdeG acordou por unanimidade iniciar os trámites de expulsión de Martínez
Tras o cesamento de Martínez como vicepresidente da Deputación, acompañado da súa saída tamén da Xunta de Goberno da institución, dáse por feito o seu afastamento, outra volta, do PSdeG. Neste sentido o voceiro do goberno provincial e tamén secretario provincial dos socialistas, Álvaro Santos, xa advertira de que Campos "conta co meu apoio persoal e o do partido a todos os niveis" para a "dirección, xestión e presdiencia da Deputación" e adianta ademais de que os órganos internos se dispoñen a "adoptar as medidas oportunas nos órganos correspondentes" tras a votación de Martínez co PP.
Nesta liña, a Executiva Provincial do PSdeG acordou por unanimidade a últimas horas do mércores solicitar á Executiva federal do PSOE a expulsión de Martínez pola súa "inadmisible actitude", a quen se abriu xa un expediente disciplinario. Se a expulsión se culmina, Martínez volvería ser deputado non adscrito ata o remate do mandato e podería volver bloquear acordos no pleno, pero legalmente sería imposible que impulsase unha nova moción de censura que desbancase os socialistas do goberno.