0 Gardados para despois

Cando o conselleiro Feijóo se laiaba de ser excluído dos pactos sobre o futuro do porto da Coruña

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

Eran outros tempos e a realidade política, ben distinta á actual. En outubro de 2004 o PP galego transitaba por un dos seus períodos de maior febleza. Seis meses despois de que o PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero lograse a vitoria nas eleccións xerais Manuel Fraga tomara a inédita decisión de nomear dous vicepresidentes, un para cada gran sector interno do partido, nun movemento que fora lido en clara clave sucesoria apenas un ano despois de que o sector alcumado como "da boina", comandado polo baltarismo ourensán, estivera a piques de deixalo sen maioría absoluta no Parlamento. O vicepresidente primeiro da que sería derraderia crise de Goberno do fraguismo era Alberto Núñez Feijóo, conselleiro de Política Territorial que substituíra a Xosé Cuíña, e un dos seus primeiros conflitos estivera ligado aos pactos políticos sobre o futuro do porto da Coruña, do que dicía sentirse excluído.

Case catorce anos antes de protagonizar, este mércores, a fotografía que abre a porta á privatización do 80% dos terreos portuarios da cidade cando deixen de ter este uso e de facelo entre protestas do Concello por non ser nin convidado ao acordo nin ao propio evento, quen se laiaba era o propio Feijóo. Co cambio de cor política no Goberno de España a nova ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, comezou a cuestionar o convenio que fora asinado inicialmente polo daquela alcalde, Francisco Vázquez, e polo ministro de Fomento do PP, Francisco Álvarez-Cascos, para financiar o futuro porto exterior de punta Langosteira. "A intención -dicía o gabinete da ministra- era "que nos terreos liberados haxa máis vivendas sociais e equipamentos" públicos.

O Goberno de Zapatero asinou co ex-alcalde Francisco Vázquez mudanzas no financiamento do porto exterior e Feijóo cargou contra o acordo por "unilateral" e "clandestino"

Os receos do Goberno socialista non gustaran no Pazo de María Pita, pero aínda menos en San Caetano. O gabinete de Núñez Feijóo, como recollera naquelas datas La Voz de Galicia, afirmaba que eran "necesarias as ratificacións dos concellos implicados e da Xunta, pero en ningún caso do Ministerio de Fomento", xa que Álvarez-Cascos xa deixara o texto asinado. Malia todo, os cambios si que chegaron e foron rubricados polo alcalde Vázquez e a ministra Álvarez o 4 de outubro daquel mesmo ano. O Concello, protagonista da imaxe, dixo estar satisfeito co acordo, que indignou o novo vicepresidente galego.

Núñez Feijóo consideraba que os cambios introducidos puñan en risco o financiamento do porto exterior e arriscaban a Autoridade Portuaria a unha enorme débeda. Pero, alén dos detalles concretos, censuraba sobre todo as formas. O sucedido fora unha actuación "unilateral" das Administracións gobernadas polo PSOE, que ignoraran que a Xunta tamén tiña que ser "parte" do acordo. "Non pode ser un convenio clandestino", resumía, e por iso esixía coñecer de inmediato o texto íntegro asinado pola ministra e o alcalde. "A lealdade institucional aconsellaría que a Consellería participase do texto", declaraba días despois entre críticas a Zapatero: "presumen de talante, pero veñen a este país e non lle transmiten á Xunta o que asinan en materias da súa competencia, como son a vivenda e o porto".

O actual goberno local e a Deputación foron excluídos do protocolo que abre a porta a privatizar o 80% dos terreos portuarios e censura que os gobernos do PP "ninguneen" a cidade

Aquelas esixencias de "colaboración institucional", salferidas pola reivindicación do publicitadísimo Plan Galicia, mudan na actualidade de cor política e institución. O Concello coruñés, gobernado pola Marea Atlántica, soubo da sinatura do protocolo sobre os terreos do porto "pola prensa" e o alcalde nin ningún edil foron convidados ao acto, do que tamén foi desprazada a Deputación provincial, dirixida por PSdeG e BNG. O goberno local reclama coñecer os detalles do texto asinado, que non foi feito público, e por iso o alcalde sinala que non pode nin valoralo. "É moi difícil valorar a partir de declaracións á prensa, sen documentos", resumiu Xulio Ferreiro, quen censura que se "tente deseñar A Coruña sen contar coa Coruña" e "ninguneando" o Concello.

Mentres, dende o Goberno galego saliéntase que tanto o goberno local como a institución provincial están convidados a participar. Nomeadamente, para "achegar ideas sobre os usos aos que se dedicarán as parcelas" que non van ser privatizadas e para poñer cartos na operación de compra dos terreos na actualidade de titularidade estatal. Pola súa banda a conselleira de Medio Ambiente e virtual candidata do PP á alcaldía coruñesa, Beatriz Mato, manifestou a través de Twitter que "ahora sí, el puerto es de todos los coruñeses", sinalou que "es el momento de construir realidades, no utopías" e enmarcou o acordo na boa xestión das Administracións dirixidas polos populares, mentres que acusou a Ferreiro de estar "enrocado" e "paralizando a cidade".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.