O 85% da militancia que participou na consulta formulada pola dirección de En Marea sobre a permanencia no Parlamento da deputada Paula Quinteiro considera que debe dimitir. Un total de 790 persoas inscritas no censo interno da formación respondeu afirmativamente á pregunta "consideras que Paula Quinteiro debe dimitir do seu cargo de deputada no Parlamento galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?", mentres que 138 apostaron pola súa permanencia na Cámara galega.
A coordinadora da organización fixo públicos na madrugada deste xoves uns resultados que suman unha participación total de 928 sufraxios, un 38,8% do total do censo válido para a consulta, composto por 2.387 persoas, segundo os datos publicados por En Marea. Este dato de participación, resalta a dirección, é "superior ao doutras consultas previas", e será incluído nunha "resolución" que "será comunicada á deputada para que obre conforme ao código ético de En Marea e aos seus principios fundamentais, que depositan o poder nas bases", sinala nun comunicado.
O cesamento de Quinteiro por mor do altercado coa Policía Local de Santiago no que se viu implicada o pasado marzo vén sendo a tese defendida pola coordinadora de En Marea a comezar polo seu voceiro, Luís Villares, mentres que é rexeitado pola maioría de membros do grupo parlamentario e tamén polo sector crítico da formación, que impulsou durante a consulta un manifesto titulado Coidando a unidade, instando á abstención na votación. A xuízo de Villares, partidario da dimisión, a "solución" máis "positiva" ao acontecido é "consultar ao órgano que nunca se equivoca, que son as bases". "Viñemos gobernar para a xente e escoitar a xente, por que non neste caso?", resaltou.
Villares, partidario do cesamento de Quinteiro, defendeu a consulta ás bases como vía máis "positiva" para resolver o "conflito"; a deputada coida que debera impulsarse un procedemento revogatorio
Quinteiro, pola súa banda, xa advertiu de que non dimitiría aínda que o resultado desta consulta así o indicase. Dende o punto de vista da tamén membro de Podemos "as consultas ás bases son fundamentais, pero penso que quen está incumprindo o mandato ás bases é quen lanza a consulta", xa que debería formular "un revogatorio", xa que ese é o procedemento "que decidimos entre todas", advertiu. Quinteiro considerou ademais que a pregunta formulada á militancia é "tendenciosa" xa que "se baseou na suposta intención de beneficiarme dalgún tipo de prebenda por ser deputada" na identificación dos seus acompañantes na noite dos feitos, cando a Policía compostelá recibiu o aviso de que un grupo de persoas estaba a romper retrovisores de vehículos aparcados na rúa.
A actual coordinadora de En Marea, que trasladará os resultados da consulta ao Consello -máximo órgano entre plenarios- para realizar unha "avaliación conxunta", condicionara a súa permanencia á fronte da organización ao resultado desta consulta, que en calquera caso non é vinculante, toda vez que as actas parlamentarias son persoais. A dirección agradece, non obstante, a "vontade democrática" das persoas participantes, polo seu "compromiso para confirmar entre todas a posición do espazo nun tema tan importante coma este". Quinteiro, pola súa banda, valorará os resultados nunha comparecencia ante a prensa no mediodía deste xoves.