A Audiencia Nacional ditou este xoves a súa sentenza pola maior trama de corrupción da historia do PP. O ditame condena o xefe de Gürtel, Francisco Correa, a 51 anos de cárcere, mentres que ao ex-tesoureiro do PP Luis Bárcenas imponlle unha condena de 33 anos. O Partido Popular é considerado responsable civil a título lucrativo por beneficiarse de 245.000 euros da corrupción de Gürtel. A Audiencia Nacional condena a 351 anos de cárcere a 29 dos 37 acusados no xuízo pola primeira época do caso Gürtel, a trama que se expandiu pola Comunidade de Madrid entre 1999 e 2005, baixo gobernos autonómicos do Partido Popular.
O PP é considerado responsable civil a título lucrativo por beneficiarse de 245.000 euros da corrupción de Gürtel
O número dous de Correa, Pablo Crespo, ex-secretario de Organización -número tres no organigrama- do PP de Galicia, foi condenado a 37 anos e medio de cárcere. A esposa do ex-tesoureiro, Rosalía Iglesias, ten unha condena de 15 anos e un mes de prisión. O Partido Popular temía que se Iglesias era condenada e o tribunal decidía enviala a prisión de forma inmediata, sen esperar ao recurso ante o Supremo, se desatase unha vinganza de Bárcenas. O ingreso inmediato no cárcere desta ou outros condenados depende de que a Fiscalía o solicite e o tribunal o acorde.
A resolución inclúe un voto particular do maxistrado Ángel Hurtado que propón a absolución do PP e de catro acusados. O argumento de Hurtado é coincidiente co que mostrou o avogado do partido de Mariano Rajoy durante o xuízo: o PP non ten que responder dos 245.000 euros dos que se beneficiaron os concellos de Pozuelo e Majadahonda cando era gobernado por alcaldes e concelleiros dese partido. O ditame, que saíu adiante cos votos do progresista José Ricardo de Prada e o conservador Julio de Diego, contradí esta cuestión, aínda que estes dous maxistrados destacan que o resto se basea no relatorio inicial de Hurtado.
Pablo Crespo, ex-secretario de Organización do PP de Galicia, foi condenado a 37 anos e medio de cárcere
A ex-muller de Francisco Correa, Carmen Rodríguez Quijano, foi condenada a 14 anos e 8 meses. O que fora amigo de Correa, concelleiro de Majadahonda e denunciante do caso Gürtel, José Luis Penas, a 4 anos e 9 meses.
Outros condenados son o ex-alcalde de Majadahonda, Guillermo Ortega, a 38 anos de prisión, a segunda condena máis elevada incluída no ditame; Alberto López Viejo, quen fora conselleiro de Esperanza Aguirre, a 31 anos; e Jesús Sepúlveda, o ex-marido de Ana Mato, a 14. A sentenza considera á ex-ministra de Sanidade e a Gema Matamoros, esposa de Guillermo Ortega, partícipes a título lucrativo, do mesmo xeito que ao PP. O ditame absolve oito acusados, entre eles a Álvaro Pérez, el Bigotes.
Unha sentenza como un catálogo de corrupción
A sentenza de Gürtel é todo un catálogo da corrupción. Os 29 condenados sono por esta ristra de delitos: asociación ilícita, fraude á administración pública, suborno (activo e pasivo), falsidade en documento mercantil, malversación de caudais públicos, prevaricación, branqueo de capitais, delitos contra a facenda pública, tráfico de influencias, apropiación indebida, exaccións ilegais ou estafa procesual tentada.
Como paradigma, a sentenza inclúe 28 delitos de prevaricación, o delito que describe as ilegalidades cometidas desde un cargo público. Eses 28 delitos suman 194 anos de inhabilitación. O delito para o beneficiado desas decisións, o suborno, repítese en 24 casos sobre 12 acusados. Hai 26 delitos demostrados de branqueo , 36 de malversación e 20 contra a facenda pública. Deste último, 11 recaen sobre o matrimonio de Bárcenas e Rosalía Iglesias.
"Non é un feito illado, é unha actividade duradeira para delinquir", defende a Fiscalía no informe final
Segundo defendeu a Fiscalía no seu informe ao final do proceso, a trama consistía nun "sistema" para conseguir adxudicacións públicas a cambio de pagar comisións dun "tres ou catro por cento" a altos cargos públicos. "Non é un feito illado, é unha actividade duradeira para delinquir", resaltou.
Trátase de conseguir "contratos públicos a cambio de subornos a funcionarios e autoridades do PP" e precisou que a través destes contactos da rede corrupta apropiáronse "de fondos públicos". Para Anticorrupción quedou probado que a Gürtel buscaba un "enriquecemento co abuso das funcións públicas dalgúns dos acusados".