A Comisión Europea asume a integración de Galicia no Corredor Atlántico ferroviario

O presidente e o secretario xeral do Eixo Atlántico cos responsables da rede de transportes da UE Dominio Público Eixo Atlántico

O Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal reuniuse este xoves en Bruxelas co coordinador da rede transeuropea de transportes, Carlos Secchi, que segundo vén de comunicar a entidade informoulle de que a Comisión Europea prevé iniciar o 6 de xuño o procedemento para a incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico ferroviario. A inclusión da comunidade, a través da liña A Coruña-Vigo-Monforte-Palencia, na rede principal de transporte ferroviario da Unión Europea enlazando coa xa incorporada liña Aveiro-Palencia-Francia, permitirá a Galicia acceder de xeito máis directo a fondos comunitarios para mellorar o transporte de mercadorías por ferrocarril, área na que a comunidade ten na actualidade as liñas máis obsoletas do Estado.

O Eixo Atlántico de cidades da eurorrexión reúnese co coordinador da rede europea de transportes que lles comunica que o 6 de xuño se iniciará o procedemento que debe levar á mellora do transporte de mercadorías

Segundo o comunicado divulgado polo Eixo Atlántico, que leva tempo impulsando un labor de coordinación e concienciación nesta área, a ratificación definitiva desa inclusión de Galicia no Corredor Atlántico da rede europea a través de Palencia, no marco da revisión da rede aberta pola Comisión Europea, tardará un ano. O ente eurorrexional tamén sinala que o coordinador europeo da rede “indicou que o Porto Seco de Monforte era unha moi boa solución para a competitividade da liña”. Ese espazo loxístico, que segundo a Xunta estaba chamado a ser a porta de Europa polo seu emprazamento como nó ferroviario de entrada e saída de Galicia, leva catro anos rematado pero sen unha soa empresa, polo que o Eixo Atlántico reclama a Xunta e Goberno central que axilicen os investimentos de mellora da rede ferroviaria e impulsen o Porto Seco.

Igualmente, segundo Eixo Atlántico Secchi amosou interese pola execución da saída ferroviaria sur da cidade de Vigo, apoiada tamén por Lisboa e que facilitaría as comunicacións cara a Portugal pero que carece de planificación concreta por parte do Goberno central.

 

Participantes no cumio celebrado en marzo no Barco de Valdeorras a prol do Corredor Atlántico de Mercadorías [Foto: Eixo Atlántico]

Corredor Atlántico de infraestruturas ferroviarias e viarias e os portos, aeroportos e nós loxísticos que conecta Dominio Público Unión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.