- A sentenza de Gürtel describe fraude no PP dende a súa fundación
- Feijóo reduce o caso Gürtel a que Bárcenas “non foi un tesoureiro moi exemplar e iso puido contaminar o PP"
- INTERACTIVO | Posibles combinacións de votos para que a moción saia adiante
- “Os certificados de credibilidade repártenos os cidadáns”, di Rajoy despois de que a Audiencia dubidase do seu testemuño
Pedro Sánchez volve ser candidato á presidencia do Goberno de España. Os socialistas rexistraron este venres no Congreso a moción de censura como resposta ás condenas pola trama Gürtel. Fixérono antes mesmo de celebrar a executiva na que estaba previsto debater a medida e sen establecer nin un só contacto sobre os posibles apoios que Pedro Sánchez podería recibir nese debate.
A estratexia do líder socialista é a urxencia. Sánchez pretende esgrimir a necesidade dun cambio na Moncloa que podería producirse antes do mes de xullo, se consegue os apoios para iso.
Desta volta o líder socialista non quere iniciar longos procesos de negociación. A idea é simple: propor un cambio de goberno no que a axenda lexislativa sexa o conxunto de iniciativas que recibiron os apoios da oposición e que o Goberno do PP foi bloqueando cos seus vetos.
Sánchez non quere iniciar unha longa negociación: a idea é propoñer un cambio de Goberno no que a axenda lexislativa estea composta polas iniciativas apoiadas pola oposición que o PP vetou
O plan do líder socialista é o tema central na reunión que esta mañá celebra a executiva socialista. Os dirixentes da formación chegan a ese encontro coa moción xa rexistrada.
A velocidade que Sánchez decidiu impor á súa estratexia está agora nas mans da presidenta do Congreso, Ana Pastor. O regulamento do Congreso sinala que a moción debe celebrarse como mínimo cinco días despois de ser cualificada pola Mesa, pero non fixa un máximo. Cando hai un ano, Pablo Iglesias presentou a súa moción de censura, Pastor tardou 26 días en convocala. De repetirse eses prazos, Sánchez podería converterse en presidente antes do mes de xullo.
Posibles combinacións de votos
Alén dos tempos e estratexias de cada formación políticas, en torno á moción de censura formulada polo PSOE xa hai unha certeza. Para saír adiante, como calquera outra, precisa da maioría absoluta dos votos do Congreso a prol da presidencia de Sánchez, como fixa o Regulamento do Congreso. Isto é, máis de 175 apoios.
A moción de censura precisa o voto favorable da maioría absoluta do Congreso, cando menos 176 apoios
Sería, daquela, impresdindible, que en torno á moción socialista se dese algunha das combinacións de votos que xa se produciron durante a lexislatura para a aprobación de propostas concretas. Os socialistas desbancarían a Rajoy se, por exemplo, son quen de aglutinar todos os votos da banda esquerda do Congreso e ademais, os do PNV, do PDeCAT e formacións minoritarias pero claves nas votacións, como Coalición Canaria. Mesmo cabería a posibilidade dunha abstención do PNV se só votasen "non" o PP e as súas forzas aliadas, ademais de Ciudadanos.
Un hipotético voto favorable dos de Rivera si aseguraría o éxito da censura de xeito practicamente definitivo. Así e todo, tras coñeceren o rexistro da moción de censura na formación laranxa xa avanzaron que a súa primeira opción é esixir ao PP que convoque eleccións, posibilidade constitucionalmente inviable cando está rexistrada unha moción de censura.