En 2006 o daquela alcalde de Nigrán, que foi director xeral do Celta, quixo recualificar terreos de varios directivos do club, entre eles o presidente Carlos Mouriño, que agora impulsa unha cidade deportiva nun monte comunal a expropiar en Mos
O venres 2 de xuño de 2006, hai agora doce anos, a Casa do Concello de Nigrán foi arrasada por manifestantes que rexeitaban o novo plan de urbanismo que ese día pretendía aprobar o goberno local encabezado polo popular Alfredo Rodríguez, que viña de deixar a dirección xeral do Celta. O documento impulsado polo PP recualificaba para permitir construír neles diversos terreos próximos ao litoral do municipio adquiridos por sociedades nas que participaban varios directivos do Celta, entre eles Carlos Mouriño, que tras uns anos como conselleiro do club acababa de facerse co seu control. A veciñanza parou aquela operación e un ano despois as eleccións municipais apartaban o PP da alcaldía. Agora, máis dunha década despois, Mouriño volve enfrontarse a outra recualificación polémica, a que impulsa o Concello de Mos, tamén gobernado polo PP, para facilitar a implantación da nova cidade deportiva do Celta nun monte comunal a expropiar en beneficio da sociedade anónima deportiva. Varias administracións teñen dúbidas sobre o proxecto.
Mouriño chegou en 2006 á presidencia do Celta tras varias décadas de ascenso nos negocios en México e hoxe o club forma parte do seu Grupo Corporativo Ges, SL. Mouriño xa tiña unha pequena parte do accionariado da sociedade anónima deportiva, da que era conselleiro, cando hai agora doce anos adquiriu a parte maioritaria que ata daquela controlaba o seu anterior presidente, Horacio Gómez. Fíxoo co lema “Celta, Vigo 100%”, pero unha década despois os seus enfrontamentos co alcalde da cidade, o socialista Abel Caballero, levárono a ameazar con levarse o equipo de Vigo se o Concello non lle vendía o estadio de Balaídos, de propiedade municipal.
O Concello de Vigo decidiu finalmente outorgar ao Celta unha concesión de Balaídos por 50 anos para que siga a xogar nel os partidos mentres que o club decidiu construír a súa cidade deportiva no veciño concello de Mos coa colaboración do seu goberno local, do PP, nunha operación avalada polo propio presidente Feijóo. A cidade deportiva implantarase nun ámbito de 864.000 metros cadrados dun monte de Mos lindeiro co termo municipal de Vigo do que a metade é actualmente de propiedade comunal. O Concello de Mos está a impulsar a recualificación do terreo, a través da modificación do seu plan de urbanismo aprobado só un ano antes, para posteriormente expropialo e entregarllo en concesión ao Celta. O club prevé construír nel un estadio de entre 6.000 e 11.000 espectadores, sete campos de fútbol regulamentarios, outros tres de inferiores dimensións, un pavillón, unha piscina e un centro comercial de 120.000 metros cadrados que a sociedade anónima deportiva considera necesario para facer rendible o resto do complexo.
O Celta quere iniciar xa algunhas obras este verán a través dun arrendamento de parte dos terreos antes de que o Concello complete a recualificación e expropiación de todo o ámbito para entregarllo en concesión
O Celta pretende iniciar xa este mesmo verán, sen esperar a que se complete a avaliación ambiental da recualificación de todo o ámbito implicado, os traballos de acondicionamento de parte dos terreos para acoller os primeiros campos. O club explica que xa conta para iso cun acordo de arrendamento cunha comunidade de montes da zona para poder actuar alí antes de que se complete a tramitación urbanística que segundo os plans do Concello terminará coa expropiación deses terreos para a súa entrega en concesión ao club.
Porén, a Xunta vén de facer públicas as obxeccións que formulan ao proxecto varios dos seus departamentos sectoriais así como outras administracións, que coinciden entre elas e co Concello de Vigo en que o seu impacto debe ser avaliado a nivel comarcal, e non só a nivel local. Cuestiónase desde o emprazamento do complexo ata o sistema de expropiación como vía para que o Concello lle facilite os terreos ao Celta, pasando pola mera necesidade do centro comercial ou o seu impacto no tráfico. Pero o que máis lles preocupa aos veciños da zona é que o complexo deportivo non afecte ás numerosas captacións de auga dese monte das que se abastecen as vivendas de familias que levan xeracións vivindo alí.
Hai unha década a preocupación dos veciños de Nigrán ante a aprobación do novo plan de urbanismo que pretendía o goberno local do PP era que o documento restrinxía as posibilidades de edificación no interior do municipio, nas parroquias máis rurais, ao tempo que o facilitaba preto do litoral, nas zonas máis turísticas. Os opositores ao plan de urbanismo de Nigrán resumían o conflito dicindo que o goberno local quería prohibir que os nigraneses puidesen construír nas súas leiras vivendas para os seus fillos ao tempo que se facilitaba que promotores inmobiliarios levantasen novas segundas residencias ou pisos turísticos preto da praia.
En 2006 Mouriño negou ter información privilexiada para mercar os terreos que o alcalde de Nigrán, compañeiro seu na directiva do Celta, pretendía recualificar
Esa tese expandiuse entre a cidadanía como unha convicción cando varios medios como La Voz de Galicia ou Atlántico Diario comezaron a revelar que o novo plan de urbanismo pretendía recualificar terreos nas últimas bolsas de solo preto do litoral que nos anos anteriores foran adquiridos por diversas sociedades das que participaban compañeiros do alcalde, Alfredo Rodríguez, na directiva do Celta. Mouriño, ao que lle estourou o escándalo nada máis chegar á presidencia do club e que agora non quere realizar comentarios, negou daquela que tivese información privilexiada. “Teño o 30 por cento nunha sociedade que mercou terreos en Nigrán antes de que Alfredo Rodríguez fose alcalde e despois de chegar á alcaldía, igual que merco terreos antes da miña entrada no Celta e cando xa era membro do consello de administración”, dicía a Atlántico Diario. Mouriño tamén argumentaba que a recualificación non era tan beneficiosa para el porque unha parte dos terreos obtiñan a edificabilidade máis baixa de todo o plan, e atribuía á casualidade outras recualificacións que lle resultaban máis favorables.
Máis dunha década despois de que a veciñanza impedise a recualificación de terreos que pretendía o alcalde de Nigrán, agora son varias as administracións que dubidan do impacto ambiental da que impulsan da man Mouriño e o goberno local de Mos
Tras aquel tumultuoso pleno do 2 de xuño de 2006 no que o alcalde tivo que abandonar a Casa do Concello de Nigrán escoltado polos antidisturbios da Garda Civil, incapaces de evitar que o edificio fose tomado ao asalto e arrasado polos manifestantes, o plan de urbanismo quedou arrombado. Un ano despois, o 27 de maio de 2007, as eleccións municipais mudaban o PP polo PSOE á fronte da alcaldía de Nigrán, un resultado que todos os partidos vincularon coa polémica urbanística. Máis dunha década despois, agora son diversos departamentos da Xunta e do Goberno central os que non acaban de ver clara polo seu impacto ambiental a recualificación que queren impulsar da man Mouriño e o goberno local de Mos.