- Porto da Coruña e ENCE, primeiros retos para o Goberno de Sánchez na Galicia urbana
- A oposición galega pon deberes ao novo goberno de Sánchez
Dúas semanas. É o tempo transcorrido dende que os transcendentais votos do PNV permitiron ao Goberno de Mariano Rajoy sacara adiante os Orzamentos Xerais do Estado para 2018 ata que Pedro Sánchez nomeou as 17 persoas que forman parte do novo Executivo do PSOE, formado grazas á moción de censura na que os votos jeltzales foron tamén determinantes. A sentenza do caso Gürtel provocou a enésima aceleración dos tempos políticos no Estado no último cuatrienio, cando este venres os novos membros do gabinete ministerial de Sánchez tomaban posesión dos seus cargos xa transcorreran dous días dende que Mariano Rajoy confirmara a súa retirada, lanzando unha carreira sucesoria con boa parte das olladas postas no presidente da Xunta.
A contorna de Sánchez foi avanzando a pingas os nomes das 11 ministras e 6 ministros. No canto dunha rolda de prensa ao uso, unha presentación de tres días que fomentou un seguimento mediático e nas redes sociais inédito para este tipo de acontecementos, con interese crecente por mor dos sorprendentes perfís. Tras unha semana na que PP e Ciudadanos caricaturizaron o futuro Executivo español como un feble gabinete a mercé do soberanismo catalán, a primeira pinga feita pública polo PSOE foi a do veterano Josep Borrell, novo ministro de exteriores tras participar activamente en mobilizacións contra o proceso independentista. Despois, perfís máis agardados como Carmen Calvo -Vicepresidencia e Igualdade- ou José Luis Ábalos -Fomento- foron alternando con nomes dos que obrigaban á comprobación entre realidade ou bulo, como o astronauta Pedro Duque (Ciencia, Innovación e Universidades).
Nas horas previas á comparecencia de Sánchez para anunciar oficialmente as designacións -intervención realizada sen posibilidade de preguntas á prensa- o gabinete do novo presidente deu en descolocar de vez a propios e alleos. No Goberno con maioría absoluta de mulleres a carteira de Interior ía ser para o xuíz Fernando Grande-Marlaska, de tendencia claramente conservadora, designado polo PP para o Consello Xeral do Poder Xudicial e responsable de pronunciamentos xudiciais controvertidos dende hai lustros, dende o arquivo do caso do accidente do Yak-42 ata restar credibilidade a denuncias de torturas ou cualificar a lingua galega de "dialecto" nun auto. Xunto ao seu saltou outro nome dos de ler dúas veces: o xornalista, escritor e presentador Màxim Huerta, ministro de Cultura e Deporte.
Tal combinación non figuraba en ningunha previsión e diversas analises observan nas ministras e ministros respostas a boa parte dos augurios da catástrofe lanzados pola dereita
Tal combinación non figuraba en ningunha previsión. Diversas analises observan nas ministras e ministros respostas a boa parte dos augurios da catástrofe lanzados pola dereita. O Goberno que ía poñer a tremer os mercados financeiros incorpora a responsable de Orzamentos da UE, Nadia Calviño, como ministra de Economía. O presidente en brazos das formacións que pulan polo dereito de autodeterminación selecciona a Borrell e Grande-Marlaska. O Sánchez desaparecido convence a Pedro Duque que dea o salto á política e, ao tempo, nomea un núcleo duro de ministras en carteiras centrais do Estado expertas en cadanseus ámbitos, dende Teresa Ribera en Transición Enerxética a Dolores Delgado en Xustiza, e a responsables políticas de perfil social como a nova responsable sanitaria, Carmen Montón. "Un goberno para quedar e plantar cara a Ciudadanos nas vindeiras xerais", resumía Gonzalo Cortizo en eldiario.es. "O goberno que lle gustaría presidir a Rivera", analizou Enric Juliana en La Vanguardia.
Primeiras críticas pola esquerda nun novo campo de xogo
O Goberno que chanta devasas inesperadas á festa demoscópica de Ciudadanos recibiu as primeiras críticas pola banda esquerda por mor de fichaxes como a de Grande-Marlaska
O Goberno que, segundo converxen boa parte das análises, chanta devasas inesperadas á festa demoscópica de Ciudadanos e desmonta a caricatura antisistema do PP, recibiu xa tamén as primeiras críticas pola banda esquerda. Pablo Iglesias, líder de Unidos Podemos, coida que cómpre esperar ás primeiras medidas, se ben xa avanza que o retrato robot do gabinete semella indicar que Sánchez "sorrí a PP e Ciudadanos e esquece en 24 horas a quen o fixo presidente". Dende En Marea o seu voceiro no Congreso, Miguel Anxo Fernán-Vello tamén apostaba por "observar" o "traballo político", se ben lamenta puntos "escuros" como "o caso do ministro Marlaska" e agarda accións concretas cara a Galicia, dende o traspaso da AP-9 ao "recoñecemento do noso carácter nacional". No entanto, a aposta de Sánchez para frear aos de Rivera poder ser, tamén, a que dea un aquel de osíxeno ás forzas á esquerda do PSOE.
O taboleiro, en todo caso, mudou, e as incógnitas son diversas. Dende a obvia expectativa pola marxe de manobra real dun Executivo "altamente cualificado", en verbas de Sánchez, pero cun apoio parlamentario asegurado de só 84 escanos, ata a cuestión da duración do seu mandato -restan algo menos de dous anos de lexislatura- e o xeito en que o PSOE acompasará os tempos cara aos comicios xerais coa vindeira convocatoria coas urnas que xa é segura, as eleccións europeas e municipais -tamén autonómicas en todas comunidades agás Galicia, Euskadi, Catalunya e Andalucía-. As alianzas pola esquerda nos concellos, o picazo ou non do globo laranxa e o novo liderado do PP marcarán os tempos nun campo de xogo impensable hai apenas dúas semanas.
A propia configuración nominal do gabinete e os seus primeiros pasos avanzan que os xestos serán clave no roteiro de Sánchez. O novo presidente español enxalza as "prestixiosas carreiras profesionais" do Goberno maioritariamente feminino, o que este venres prometeu os cargos empregando a fórmula "ministras e ministros" mentres o PSOE avanzaba que algunhas das primeiras medidas serán en clave social e de loita contra a violencia machista e dende La Moncloa se asegura que os primeiros contactos co novo Goberno de Catalunya, tamén acabado de constituír, son inminentes.
Nova composición do Goberno de España