A lei para traspasar a AP-9 a Galicia deixa de estar vetada no Congreso malia á negativa do PP

O monolito conmemorativo da inauguración de Rande, intres antes de ser descuberto CC-BY-SA Praza Pública

O pasado venres o secretario xeral do PPdeG ofrecía a súa primeira rolda de prensa para repasar a actualidade semanal dende a toma de posesión do Goberno de Pedro Sánchez. Nela Miguel Tellado adiantou as dez demandas que, dixo, o seu partido formulará ao novo Executivo central do PSOE. Entre elas figuraba o traspaso de competencias da AP-9 á Xunta, que o gabinete de Mariano Rajoy vetou ata en tres ocasións en apenas ano e medio malia tratarse dunha petición unánime de todas as forzas políticas con representación parlamentaria en Galicia.

Apenas catro días despois desa comparecencia pública de Tellado, este martes, a Xunta de Portavoces do Congreso volveu ter que abordar a cuestión da AP-9 por iniciativa de En Marea, que reclamara unha reconsideración do veto gobernamental á lei do traspaso da AP-9 que presentou por iniciativa propia despois de que o gabinete do PP bloquease a remitida polo Parlamento galego. A decisión tiña que ser tomada despois de que o Tribunal Constitucional sentenciase o pasado abril que o xeito en que o Goberno de Rajoy aplicou os vetos, apelando aos orzamentos, non se axustaba á legalidade. Ademais, no caso concreto da Autoestrada do Atlántico, ese veto estaba baseado en cálculos económicos erróneos.

A sentenza do Constitucional propiciou a mudanza en C's e deixou este martes o PP como único grupo partidario do veto

Esa sentenza, precisamente, foi a que contribuíu a mover o taboleiro. Todas as forzas políticas que apoiaran con anterioridade o trámite desta lei volveron facelo, pero a elas engadiuse outro partido, Ciudadanos, que ata agora secundara o PP no bloqueo á lei galega. Os de Rivera mudaron de postura coa sentenza do TC como argumento, explican fontes parlamentarias consultadas por Praza.gal, e prevén facer o mesmo no seguinte filtro para que a lei siga tramitándose, a Mesa do Congreso. Os populares, no entanto, mantivéronse como único grupo partidario do veto á lei para propiciar o traspaso que esixiran en rolda de prensa catro días antes.

Outra lei para o traspaso en marcha

O prazo para vetar a segunda lei proposta por En Marea caducou sen que o Goberno de España tentase bloqueala

Os tempos parlamentarios van dar lugar, ademais, a unha coincidencia favorable para que o traspaso da AP-9 poida chegar. No mesmo día en que a Xunta de Portavoces votou a prol de erguer o devandito veto cumpríase un prazo clave para o segundo intento En Marea fixo a prol do traspaso: volver rexistrar unha proposición de lei practicamente idéntica cuxos prazos seguiron correndo mentres a moción de censura provocou a caída do Goberno do PP.

Este martes, 12 de xuño, caducaba o prazo para que o Goberno de España rexistrase se o consideraba oportuno un veto á segunda lei de En Marea. O Executivo popular deixouno sen facer e o socialista tampouco o fixo, polo que agora hai formalmente dúas leis do traspaso da AP-9 a tramitarse no Congreso e non existe, coa mudanza de Ciudadanos, maioría dabondo na Mesa da Cámara Baixa para que o PP poida vetala. Agora, explica a deputada Alexandra Fernández, o grupo de En Marea tentará "acurtar prazos" para que a lei sexa debatida en pleno o antes posible. As mesmas fontes consultadas por este diario calculan que podería suceder antes de fin de ano, no seguinte período de sesións.

Contra o "duplo xogo do PP"

Alexandra Fernández ve a vía libre para a lei como unha vitoria da "presión política e institucional a prol do traspaso"

A xuízo de Alexandra Fernández o acontecido é unha vitoria da "presión política e institucional" a prol do traspaso, pero tamén unha evidencia do "duplo xogo do PP". "Logramos romper cos vetos antidemocráticos do anterior Executivo e da Mesa do Congreso" e mentres, lamenta, os populares seguen a "votar unha cousa en Galicia e despois, nas Cortes, fan a contraria". A súa formación, pola contra, "trasladamos ás Cortes a posición que se defende en Galicia", resalta, tanto no rexistro das dúas proposicións de lei como nos recursos interpostos contra os vetos.

As dúas iniciativas agora reactivadas, matiza Fernández, "respectan en todo momento os acordos do Parlamento de Galicia", tamén o novo intento do lexislativo galego para solicitar o traspaso mediante a aprobación dunha terceira lei por iniciativa do BNG que, previsiblemente, volverá ser aprobada por unanimidade. Unha vez enviada de novo o texto galego entraría á 'lista de espera' do Congreso para iniciativas autonómicas, un proceso de "prazos dilatados" que podería prolongarse uns dous anos, como sucedeu entre 2008 e 2010 coa petición da transferencia das competencias en materia de tráfico.

Alexandra Fernández (En Marea), en rolda de prensa no Congreso Dominio Público En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.