Feijóo e a síndrome de Besteiro

Feijóo, na xunta directiva nacional do PP © PP

Na madrileña rúa Génova cheira a dossier, xusto cando aínda están frescas as sórdidas imaxes de Cristina Cifuentes no cutre cuarto de seguridade dun hipermercado de Vallecas, no intre de hai sete anos no que foi cazada roubando unhas cremas. O ulido destes días procede dun suposto e moi concreto produto, un material dirixido contra Alberto Núñez Feijóo que segundo algunhas versións estaría en poder de Soraya Sáenz de Santamaría, a muller que como vicepresidenta do Goberno tivo o seu cargo o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), a axencia de espionaxe española. A tese da posible implicación de Soraya na publicación das vellas fotografías do presidente da Xunta con Marcial Dorado, que fixo fortuna nalgúns momentos tanto na cúpula da administración galega como en ambientes xornalísticos á beira do Manzanares, alimenta a crenza de que esa manobra subterránea estaría en marcha. Pode ser unha das moitas lendas urbanas da capital de España ou un feito real. Nesta dupla alternativa xógase agora mesmo o congreso “nacional” do PP de dentro de cinco semanas e o que é máis importante, a continuidade ou o cambio na presidencia da Xunta. Este último escenario, o da marcha do actual titular, segue a ser arestora o máis probable, a pesar da néboa que xera a proximidade do desenlace e o coñecido gusto do interesado por facerse o interesante.

A tese da posible implicación de Soraya na publicación das vellas fotografías de Feijóo con Dorado [...] alimenta a crenza de que esa manobra subterránea estaría en marcha

Se a ex vicepresidenta ten ese dossier con información potencialmente destrutiva contra Feijóo, que por exemplo dea máis datos comprometedores sobre a súa amizade dos anos 90 co capo de Arousa ou que engada a este delicado expediente outro asunto escabroso que esnaquice a carreira do dos Peares cara a Madrid, chegou o momento de utilizalo, por dicilo co mesmo lema de campaña co que o agora presidenta da Xunta conquistou o poder en 2009. Na situación de grave enfermidade, se é que non é de coma democrático, na que se atopa o PP nove anos despois do estoupido do caso Gürtel, tras o fin da interminable agonía de Mariano Rajoy no poder e baixo a ameaza da opa electoral laranxa de Albert Rivera, para os populares sería demoledor un novo escándalo público que, ademais, atinxise a quen é o máximo expoñente do poder institucional que aínda lles queda, o presidente dunha nacionalidade histórica como Galicia cunha maioría absoluta das que xa non existen na España autonómica.

Por iso, agás que actuase cunha irresponsabilidade suicida, o lóxico sería que, se o ten, Sáenz non lle faga chegar ese dossier a Okdiario ou outra publicación, senón que xa o enviase a Compostela para usalo como unha arma nuclear disuasoria. Nese caso a anunciada comparecencia de Feijóo dos próximos días para comunicar a súa decisión sobre a súa posible candidatura á presidencia do Partido Popular en España converteríase nun acto de renuncia, nun cántico a ese contrato con Galicia ata 2020 do que antes tanto falaba e que de súpeto desapareceu dos seus beizos tras a caída de Mariano Rajoy. Envolveríao ademais en referencias á súa condición de pai dun neno pequeno, Alberto, o fillo que tivo en 2017 coa súa parella, Eva Cárdenas, a directora de Zara Home. Para tapar a pista da manobra subterránea da que sería vítima o seu xefe, é probable que o sempre eficaz servizo de propaganda da Xunta ofreza máis elementos narrativos, como o da imposibilidade dunha candidatura de consenso entre os principais poderes do partido, mentres tamén sinalaría se cadra á desastrosa situación na que se atopa a organización. 

Para tapar a pista da manobra subterránea da que sería vítima o seu xefe, é probable que o sempre eficaz servizo de propaganda da Xunta ofreza máis elementos narrativos, como o da imposibilidade dunha candidatura de consenso

“Si finalmente juega sus cartas (Feijóo), esa máquina de picar carne que es la política madrileña le estará esperando. Acaban de darle una nueva mano de barniz a ciertas fotos naúticas. Que se ponga casco”, escribiu esta semana José Luis Jiménez, delegado do ABC e o xornalista que ten as maiores ligazóns en Galicia co presidente da Xunta e a súa propagandista Mar Sánchez, secretaria xeral de Medios. O texto semella conter a mensaxe de “Alberto, non o fagas!”. Acaba con esa alusión con ton pintoresco á amizade con Marcial Dorado, que se confirmou nestes decisivos días como un tabú para a maioría dos medios de comunicación galegos, un feito preocupante desde o punto de vista democrático.

Alén da carraxe que xera esta situación que se vive en Galicia precisamente cun presidente da Xunta que se erixe en representante da dereita moderna, chama a atención que todas as especulacións dos últimos días sobre informacións comprometedoras se centran en Feijóo. É certo que el ten os antecedentes desas “fotos náuticas” e que como principal favorito para o congreso aparece como o inimigo a bater, mais é rechamante que se dea por feito que é o pecador mentres os seus rivais semellan anxos libres de culpa. O gran paradoxo deste momento está en que unha persoa de vocación tan madrileña e con tanta devoción pola capital de España como Feijóo enfróntase a todo o peso da dinámica centralista española. O presidente da Xunta non só é o antigo amigo de Dorado, senón tamén o que vén de fóra. E desde esa posición resulta moi complicado tomar Madrid, dito no sentido de facerse co liderado dun dos dous principais partidos políticos españois.

O gran paradoxo deste momento está en que unha persoa de vocación tan madrileña e con tanta devoción pola capital de España como Feijóo enfróntase a todo o peso da dinámica centralista española

Como é natural, nestes días Feijóo apenas deu algunha información relevante sobre o contido da súa reflexión. Non hai por tanto elementos para saber se ten presente o caso do socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro, que durante pouco máis dun mes, despois do afundimento popular nas municipais de maio de 2015 aparecía como o primeiro e ata o de agora único rival en condicións de disputarlle o poder na Xunta. Pero Besteiro saíu da muralla, da súa amurallada posición na presidencia da Deputación de Lugo e caeu en desgraza sen ter opcións sequera de que o seu nome figurase nas papeletas electorais autonómicas de 2016. Pouco despois de deixar a Deputación foi denunciado polo caso urbanístico do Garañón e ficou xa fóra de xogo, aínda que tardase moitos meses en dimitir, ata que se produciu unha segunda imputación. O de Besteiro é un exemplo dos riscos que se corren ao abandonar un feudo para intentar dar o salto a un nivel administrativo superior. E tamén o é dunha sucesión catastrófica, que converteu a Deputación de Lugo nun show permanente.

O que si fixo Feijóo foi amosarse cauteloso e respectuoso co escándalo que acabou na dimisión de Màxim Huerta como ministro de Cultura. Foi comprensivo coas súas explicacións e rexeitou participar nunha campaña de “linchamento” na súa contra, mentres apuntaba directamente a Sánchez para que se adaptase ao elevado listón ético que o agora presidente do Goberno aplicou na súa ofensiva contra o PP. Esa cuestión dunha maior esixencia é a que se podería volver contra Feijóo, en forma dun refluxo das “fotos náuticas”, non tanto no asalto ao despacho principal da rúa Génova, senón na seguinte etapa, na de intentar conquistar a Moncloa.

Feijóo está sendo Feijóo, facéndose de rogar polos seus, xerando incluso nerviosismo entre os seus partidarios en España coas súas cautelas e a súa espera ata o momento da verdade

Polo de agora Feijóo está sendo Feijóo, facéndose de rogar polos seus, xerando incluso nerviosismo entre os seus partidarios en España coas súas cautelas e a súa espera ata o momento da verdade, ese que comeza o luns e acaba o mércores ao mediodía, cando remata o prazo para presentar candidaturas á presidencia do Partido Popular. A experiencia de anteriores episodios equivalentes, como o da fixación da datas das eleccións de 2012 e 2016, ou o anuncio da súa candidatura para esas últimas eleccións ou incluso o de dar o paso na carreira pola sucesión de Fraga en 2006 indican que vai facer o que leva planeando desde hai anos e optará a ser o substituto de Rajoy, a non ser que o cheiro da dossier da rúa Génova sexa tan real que lle faga ficar na Xunta, por Galicia e pola súa familia, por suposto.

Ana Pastor, o posible recambio reversible do dos Peares

 

Desde a súa atalaia da presidencia do Congreso dos Deputados, como supervivente institucional do naufraxio marianista, a zamorana de nacemento e pontevedresa de adopción Ana Pastor Julián aparece como un posible recambio dobre de Feijóo. Seríao tanto como candidata á presidencia da Xunta nas vindeiras autonómicas, no caso de que o previsible sucesor Alfonso Rueda non se dese consolidado nas sondaxes e na estrutura do partido, como nunha hipotética alternativa na carreira pola presidencia do Partido Popular en España, no suposto no que o dos Peares non quixese dar o paso. Pastor emerxería como unha das principais opcións dos contrarios á exvicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría para intentar frear o seu acceso ao despacho principal da rúa Génova. Pastor ten ao seu favor un alto grao de coñecemento e a súa imaxe de seriedade. Pero o seu non son os mitins nin o combate corpo a corpo. E para saltar á política autonómica necesitaría falar en galego.

Sáenz de Santamaría e Feijóo saúdanse no comité executivo do PP no que Rajoy anunciou a súa dimisión Dominio Público PP

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.