0 Gardados para despois

Xunta e PP denunciarán un suposto atraso do AVE a Madrid con Pedro Sánchez e o soberanismo catalán como culpables

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O roteiro está marcado e conduce cara a unha premisa: as obras da liña ferroviaria de alta velocidade Madrid-Galicia van sufrir un atraso por culpa do Goberno de Pedro Sánchez, que o aplicará como pagamento ao voto favorable das forzas soberanistas catalás á moción de censura que o levou ao poder. Tamén como contrapartida aos acordos que eventualmente peche este luns, 9 de xullo, na súa xuntanza con Joaquim Torra, presidente da Generalitat catalá. Estas serán algunhas das ideas forza coas que a Xunta e o PP galego tentarán quentar o ambiente político antes do encontro entre Sánchez e Alberto Núñez Feijóo na Moncloa, o día 17, no marco dunha dialéctica da aldraxe semellante á desenvolvida na etapa de Zapatero, con José Blanco no Ministerio de Fomento.

Na liña das sucesivas declaracións de dirixentes conservadores ao respecto dende poucos días despois do inicio do Goberno do PSOE, esta semana o PPdeG forzará unha votación no Parlamento para dar por certa a hipótese de que "o AVE a Galicia (...) estea funcionando en probas no ano 2019", un escenario tan imposible na actualidade como cando Mariano Rajoy aínda era presidente. Vaino facer malia ser coñecido dende comezos de 2017 que as obras da liña non estarán rematadas ata 2020 -así o ratificaron os últimos contratos lanzados durante o mandato do PP- e que o seu trazado definitivo, incluíndo os 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense, non ficará rematado ata, polo menos, o ano 2024, na liña do reflectido polos últimos Orzamentos de Rajoy e admitido polo propio Feijóo.

O PP forza que o Parlamento vote esta semana esixir como "irrenunciable" o prazo de 2019 malia ser coñecido dende hai ano e medio que non é real 

Esa votación chegará tras o debate dunha proposición non de lei formulada polo PPdeG, unha declaración política na que se pedirá á Xunta "dirixirse ao Goberno do Estado para que ratifique a data" de 2019 como "obxectivo irrenunciable e prioritario" e "demande" que "o novo ministro de Fomento", José Luis Ábalos, asuma o "compromiso" de viaxar ás obras do AVE cada tres meses, ao xeito do anterior titular do departamento, Íñigo de la Serna. O asunto debaterase tras a xuntanza de Sánchez e Torra e poucos días despois de que o propio Feijóo axitase dende o atril de San Caetano un suposto "temor" a que as obras en marcha en Galicia estean condicionadas a eventuais "compromisos" de Sánchez co soberanismo catalán ou con Podemos, advertiu sen maior concreción.

"Carece de sentido mesturar asuntos como o independentismo co AVE, agás que a intención sexa máis política que práctica", retrucou o Goberno de Sánchez

As advertencias de Feijóo e a postura oficial do PP galego xa tiveron resposta dende o Goberno de Sánchez a través da súa Delegación en Galicia, ostentada dende finais de xuño por Javier Losada, ex-alcalde da Coruña, quen xa mantivo o seu primeiro encontro oficial con Feijóo. Nun comunicado pouco habitual neste departamento estatal, o gabinete de Sánchez "recomendou" á Xunta que "practique de palabra e obra a prudencia, o diálogo e a chamada ao consenso" e a lealdade institucional que "exhibiu" na súa xuntanza con Losada, que "foi preparatorio" da recepción na Moncloa.

A Xunta, din dende o Executivo socialista, "debe centrarse en cumprir os compromisos que lle competen" e agardar á reunión do día 17 "antes de facer valoracións que están fóra de lugar". Neste sentido, coidan, "non parece responsable mesturar o AVE con outras cuestións" e "carece de sentido mesturar asuntos como o independentismo co AVE, agás que a intención sexa máis política que práctica" nun contexto no que o "obxectivo" debera ser "completar o AVE no menor tempo posible".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.